martes, 25 de junio de 2013

viernes, 14 de junio de 2013

E A VOSTEDE COMO LLE VAI NA FESTA?

ADOSADOS
(Artigo publicado na revista das festas de San Xoán de Carballo, 2013)


E a vostede como lle vai na festa?

Texto: Santiago Pazos
Ilustracións: Juan José Barro Canedo (JUJOBACA)

Teño escrito nalgún outro artigo que eu son, de natureza, unha persoa de gustos amplos e diversos que vive nesa modernidade, tinxida de certo romanticismo, que respecta as tradicións como unha parte importante do seu acervo cultural e que, sen moita euforia, todo hai que dicilo, goza delas sen complexos.

A pertenza a un grupo social, sexa do tipo que sexa, necesita dunhas ataduras culturais e sentimentais nas que recoñecerse, e é por iso tamén que os pobos precisan de certos símbolos para exercer de seu. E sen dúbida, dentro destes, podemos incluír as festas como unha parte máis dese complexo enramado de relacións compartidas nas que a convivencia lúdica axuda a esquecer as discrepancias e os problemas cotiás, e serven, a parte de para facer pobo con maiúsculas, para sentirnos un pouco máis xuntos e permisivos coa nosa veciñanza, aínda que só sexa unha vez ao ano.

Mais sendo que as celebracións populares non deben ser unha obriga, hai variadas formas de vivilas ou, se prefiren, de enfrontarse a elas para gozalas ou sufrilas. E aínda que eu vou tratar de resumilas en tres grupos, non me cabe ningunha dúbida, que calquera de vostedes podería engadir algunhas máis.

Ao primeiro grupo pertence toda esa xente que poderiamos cualificar de rosmona por dereito, que rexeitan das festas, non tanto por non gustarlles, senón por molestarlles o sorriso alleo, e que non gozan nin deixan gozar porque todo comportamento licencioso e festivo é para eles un sacrilexio. Non serei eu quen de culpalos por non se saber divertir, quizais tiveron unha infancia chea de experiencias traumáticas. Quen o sabe? Pero prodúceme moita tristura oílos roñar cara a dentro a súa incapacidade para sumarse á troula.
Por suposto, neste grupo non incluiremos a esa xente que, por uns motivos ou outros, non está para festas, non porque non lles gusten, senón porque as malas novas da vida non adoitan respectar ningunha data por moi sinalada que sexa.



O segundo grupo é moi extenso e variado. Son todos eses que din, a boca chea, que para eles o día da festa é como calquera outro día. Moitos sénteno así de verdade, ben porque para eles todos os días son festa, ou ben porque non lles fai sentir nada especial. Participan se hai que participar e gozan do momento sen darlle más importancia porque saben, porén, que poderíano pasar igual de ben facendo calquera outra cousa. Polo xeral, acostuma a ser xente adulta que perdeu as urxencias vitais e as présas, a quen a vida lles deu sorpresas abondas, boas e non tan boas, como para preferir a tranquilidade espirituosa e o sinxelo sentimento antes que os incontrolados sobresaltos dun día, por moi marabillosos que estes poidan ser.



Por último, no terceiro grupo está a xente de todas as idades, aínda que maiormente nenos e mozos, que gozan da festa con paixón, que viven esas datas como se fosen as derradeiras da súa existencia. Son eses que, mentres a crise non o impida, estrean traxe para a ocasión e locen como domingueiros polas rúas da vila, cun sorriso agarimoso e contaxioso. Ademais, bailan nas verbenas moi desenvoltos, soben no carrusel ou en calquera outra atracción con todo o atrevemento, e enchen a boca a cada pouco, agora cun xeado, logo cunhas garapiñadas, e máis tarde cun zume, un refresco, ou cunha nube de azucre. O importante é non perderse nada, aproveitar sen acougo un tempo que se mostra máis fugaz que decotío e que non retornará ata pasado un ano.



Eu, persoalmente, son e non son, teño sempre boa disposición para a troula, mais a algarabía popular esgótame decontado, levándome a un ensimesmamento melancólico que me produce certa tristura. Quizais, como moitos de vostedes, teño algunha parte dos tres grupos: son un pouco rosmón, penso que calquera día é bo para unha celebración e o día da festa é como calquera día, e aínda intento vivir algúns acontecementos con toda a paixón que podo.
Agora ben, sexamos dun ou doutro grupo, xa sabemos que hai xente para todo, cos tempos tan desasosegados que nos están a tocar vivir, benvidas sexan as festas porque os bos momentos para gozar son cada día máis escasos.

Boa festa e gocen dela como ben lles pete. Saúde   

lunes, 3 de junio de 2013

CONTRAMÍNATE

SANTIAGO DE COMPOSTELA
2 DE JUNIO DE 2013

MANIFESTACIÓN
CONTRA LA MINA DE ORO DE CORCOESTO