domingo, 24 de septiembre de 2023

FIOT 32


CHORADE, CHORADE, MALDITOS

SANTIAGO PAZOS

 


 

Na película “Danzad, danzad, malditos”, da que tomo prestado (e trocado) o título deste artigo, dáse conta dunha dolorosa contradición, un grupo de persoas teñen que participar nunha maratón de baile, ata a extenuación, para saír da miseria e desesperación. Actividade lúdica que acaba sendo unha tortura. E no teatro pasa outro tanto, xa sexa comedía ou drama. As contradicións escenificadas están na súa xenética. De feito eu, no teatro e noutras moitas actividades da miña vida, síntome como Jane Fonda nesa película, gozo bailando ata que me doen os pés.

Nas artes escénicas a análise crítica da realidade sempre se impón sobre eses relatos interesados que o poder establecido constrúe para xustificarse. Por iso, antes de comezar as actividades, sempre estou de acordo con Alberto Sueiro, Presidente de Telón e Aparte,  cando anuncia que este será o mellor FIOT da historia. Logo reparto pestes ou aplausos, pero sei que este último sempre será o mellor porque manter este proxecto cultural durante tantos anos e que siga a crecer e sorprender, máis aló de que certas obras convenzan ou defrauden, xa é todo un éxito.

Agora ben, non tomen medo polo título, o FIOT 32 ten unha programación parecida a outras anteriores. Un refrito, no sentido máis exquisito, da produción teatral que se fai na actualidade. Faltan obras, iso si, que por motivos técnicos non caben no escenario do Pazo de Cultura de Carballo. Insistir en que precisamos doutro espazo máis amplo xa parece unha cantarela de regueifa, así que deixaremos esa reivindicación flotando no aire.

Nesta edición ofrecen, empezando por esa grande aperta do cartel de Laura Tova, unha mensaxe contra a intransixencia e a favor da inclusión na diversidade vital, socioeconómica e xeográfica na que vivimos. Non vou detallar o programa, poden mirar directamente na páxina do propio festival, pero si quero remarcar que xunto a nomes moi recoñecidos da escena que nos visitarán, como é costume, virán moitos outros, menos populares, que de seguro sorprenderán.

Non será un FIOT para chorar, diso estou seguro. Pasen do título deste artigo. Teremos risas e congoxas, pantomimas sen importancia e reflexións existenciais de profundidade abisal. É dicir, teremos o teatro que a época na que vivimos provoca. E temos moita sorte de ter en Carballo un festival desta categoría para todo tipo de públicos. Como sempre digo, o importante será como miremos e escoitemos, non tanto o que nos queiran dicir e amosar. Así é o teatro, un interrogante xigantesco do que, ás veces, no sae contento nin o apuntador.

E teño que insistir, coma outros anos, que iso de que non hai entradas é unha lenda urbana. Dóenme especialmente as butacas baleiras cando se me queixan na rúa despois que non foron quen de mercar unha localidade porque colgaba o cartel de completo. Veñan ao teatro, a rir ou chorar, a roncar se non hai máis remedio, pero non deixen unha butaca baleira. E se queren coñecer a miña opinión só terán que ler os comentarios críticos que se irán publicando neste periódico.

Saúde! Que viva o teatro e longa vida ao FIOT !


NOTA: 

Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia