viernes, 24 de junio de 2016

FESTAS DE SAN XOÁN 2016

POEMA E FOTOGRAFÍA PUBLICADOS NA REVISTA DAS FESTAS DE SAN XOÁN

CARBALLO 2016





DENDE RAZO ATA BALDAIO, VOU E VEÑO, VEÑO E VOU


Vou e veño,
veño e vou,
dende a Cabreira de Razo
ata a lagoa de Baldaio,
cantaba un arao común
navegando no crecho dunha onda.

Vou e veño,
veño e vou,
dende Malpica
ata Caión,
van cantando uns golfiños
xogando ás agochadas
ao redor das Illas Sisargas.



Cediño,
calquera mañá do estío
as gaivotas,
ollando expectantes cara o Monte Neme
coma unha masa inerte de corpos aparvados
que non van nin veñen,
invaden os areais de Razo.



E eu,
que quixen facer da miña vida unha obra de arte completa,
admirando a infinita paisaxe oceánica
sentado a carón da capela de Santa Irene,
doume conta de que os efectos corrosivos
que por mor do pasar do tempo
vanme enchendo corpo e alma de noxenta mediocridade
nunca poderán deixar mácula nesa fermosura inexpugnábel.



Así, deambulando pola natureza,
mentres vou e veño,
ou veño e vou,
sinto envexa por tanta grandeza
cando miro ao lonxe o inmenso Atlántico.


SANTIAGO PAZOS


  



No hay comentarios: