miércoles, 10 de abril de 2019

PRIMAVERA EN DANZA






Nos últimos días de abril e primeiros de maio celebrarase no Pazo da Cultura de Carballo a XVII Edición de PRIMAVERA EN DANZA. Unha actividade que merece un recoñecemento especial dentro da programación cultural que se organiza tanto en Carballo como nas poucas cidades que contan con  programas específicos de danza para acompañar os das artes escénicas  e música.

Por diversos motivos, a danza, que bebe desas disciplinas artísticas por igual, fusionando e engadindo compoñentes plásticos, que amosan unha sensibilidade e unha forma de explicar o ser humano e o seu mundo  con personalidade propia, é a máis incomprendida, a menos apoiada e a menos ofertada.


Con certa frecuencia chégannos ecos do triunfo de profesionais galeg@s e españois nas grandes compañías de ballet de todo o mundo, mais ese éxito non se reflicte na oferta cultural que chega aos cidadáns e resulta bastante difícil encontrar programacións específicas de danza clásica ou contemporánea.


Por iso é encomiable que unha pequena cidade coma Carballo manteña durante dezasete anos unha programación específica que promociona, crea canteira e nos facilita a posibilidade de gozar dunha actividade artística tan fermosa, rica e completa como é a danza.




Todos os espectáculos pechan cun coloquio cos artistas nos que descobren e profundan nos secretos das súas montaxes axudándonos a comprender mellor o seu traballo.


As entradas son de prezos reducidos e asumibles para todo o mundo. Así que recoméndovos que non  perdades esta “rara e exquisita” oportunidade de desfrutar destes fermosos espectáculos.

A escusa de que non sodes entendidos na materia non cola desta volta, abonda coa sensibilidade que tendes por xenética humanista.

Saúde



PROGRAMACIÓN:

Venres 26 de abril
“Entresoños” de FRAN SIEIRA

Sábado 27 de abril
“Pink Unicorns” de LA MACANA

Venres 3 de maio
“Plastic” de PAULA QUINTAS

Sábado 4 de maio
“La desnudez” de DANIEL ABREU

Domingo 5 de maio
“Gaia” de ENTREMANS

Domingo 12 de maio
XACARANDAINA


INFORMACIÓN
PAZO DA CULTURA DE CARBALLO
Rúa do Pan, s/n
Tfno: 981 704 300
cultura@carballo.gal

No hay comentarios: