(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
NADA É O QUE PARECE
(A propósito de “La comedia de los errores” de Festival de Teatro Clásico de Mérida e MIXTOLOBO)
SANTIAGO PAZOS
(FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Gústame todo tipo de teatro, pero quero aclarar desde un
principio que non todo por igual. Eu son máis de drama, filosofía e misterio
que de comedia de enredo. De seguro que son manías miñas. Vostedes tamén terán
as súas. Ninguén se libra, penso. A guinda do pastel do FIOT 32 resultou ser unha
enorme tarta adornada con lazos de cor rosa, como esas que poñen nas vodas
americanas. Xa saben, todo ouropel, extravagante, colorido, chistoso, musical.
Unha especie de exorcismo para tantas penas, penurias e intransixencias que
vivimos este outono no que por fin choveu a cachón (como ben di a miña
presentadora do tempo favorita na TVG, Noelia Rodríguez, que parece que ri
cando ameaza unha borrasca ciclónica explosiva). O caso é ter algo que contar
que hipnotice ao público. Que entre, por favor!
Aquí hoxe falamos dun espectáculo para divertirse. Ese
tipo de obra que, se pensas ir vela, tes que saír da casa co sorriso posto nos
beizos. Os actores están de vicio, encantados de facer pasar ao espectador por
unha especie de centrifugadora revolucionada na que nada é o que parece. Teñen
tanta axilidade que se fan donos do noso tempo someténdonos, dominándonos, ao
ritmo que eles caprichosamente marcan.
A verdade é que Andrés Lima, estupendo director do que
desfrutamos tanto con aquel “Montaplatos” de Harold Pinter en 2012, utiliza este
texto do autor catalán Albert Boronat para rirse de Plauto, de Shakespeare, e
de nós tamén, con esta adaptación tan despreocupada e libertaria. Con todo
dereito, claro. A creatividade por riba de todo. Iso esperamos, e queremos, que
os artistas de verdade nos ofrezan. E esta obra descorre nun espazo aberto e
libre no que calquera pode ser o que lle pete.
Un mundo de travestismo interpretativo que, como bos
profesionais, empezando por Pepón Nieto (excelente en todos os roles que
representa), e seguindo con Fernando Soto (que xa estivo en Carballo con aquela
estupenda, Maridos y mujeres), Rulo Pardo (parte da extensa familia FIOT con
Sexpeare), Antonio Pagudo, Avelino Piedad e Esteban Garrido, amosan divertidos
e gozosos.
E aínda que eu poda resultar un chisco revirado, o meu veciño de butaca, como a maioría dos espectadores, riron ata escachar. Algo que me agrada sinceramente. Como di o refrán, a festa vai por barrios, e a min faime feliz ver un teatro cheo de xente, con gustos diversos polas paisaxes, que quere pechar un FIOT, marcado polas traxedias, botando unha chea de gargalladas despreocupadas. Estamos no teatro. No ano 32. E virán máis anos e outras obras, temáticas actuais ou revisións historicistas, boas, regulares e malas interpretacións, e aquí seguiremos, (de seguir respirando), contando libremente un parecer que non deixa de ser unha visión persoal pero que sempre facemos por amor a ese universo escénico intentando destripar o que esconde a tremoia teatral. Longa vida ao teatro, ao FIOT e ao público inquedo que o fai posible!
Saúde e ata outra!
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario