(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ARTÍSTICOS CHINTÓFANOS E OUTRAS POSES
SANTIPAZOS
Como xa dixera Hegel, a arte non é un produto da natureza, senón da
actividade humana, que está esencialmente feito para dirixirse aos sentidos
recorrendo á nosa parte máis sensible e que ten un fin en si mesmo. E no teatro, xa sexa por
exceso ou por defecto, esquécese ás veces que o importante non é como vistes
senón o que contas. E dicir, para chegar a ese sublime estado que nos toca no
máis fondo non son suficientes nin as poses exaxeradas nin a pericia no uso de
certos elementos. O espectador exixente precisa dun argumento que defina ese
fin en si mesmo. Como en todas as profesións, ser excelente non é fácil. Pero
se ves que se está a facer un esforzo, o público móstrase bastante comprensivo.
Como esa nena pequena que tiven de veciña para ver “Compaña”, de Xampatito
pato, que gozou do espectáculo e que lle daba un dez de nota a primeira vez que
lle preguntei, mais cando puxen algún reparo decidiu libremente que cun notable
ía ben servido. Eu, tamén libremente e moi comprensivo, pensei que un aprobado
era suficiente.
Certo que non facía nada mal. Dominaba con mestría todos os chintófanos,
supoño que de produción propia, que tiña enriba do escenario. Todo era tenro e
tan bonito, con esa luz amarela que suscitaba intimidade e aquela canción tan
acaída que soaba, creo recordar que era de ABBA, (a quen non lle justa,
recórcholis!). Era tan irreal que parecía de verdade, pero...
Pero non tiña outro fin que sorprender aos cativos con malabarismos ben
executados e mil veces vistos. No era un OTNI (Obxecto Teatral Non
Identificado) porque levaba o número do DNI marcado na fronte. Quizais na
programación do Fiotiño tivera mellor encaixe.
Divertinme máis con aquela nena rindo despreocupada, como se entendese
perfectamente o que pasaba no escenario, exercendo de experta crítica teatral
que das peripecias oníricas deste clown.
Outra cousa é o que vimos o sábado no Mercado Municipal. Posiblemente o peor espectáculo que recordo nos últimos vinte anos. “Zorras”, da Compañía asturiana La Creída, tiña un fin claramente destrutivo, algo que non tiña que ser negativo en si mesmo. Unha chea de poses desenfocadas, mala iluminación e peor son. Se alguén sabe algo do que querían contar que me mande un correo, por favor. Iso si, os rabos que levaban cosidos no cu eran ben simpáticos. Di o programa do FIOT que é un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo. Eu destacaría ese aspecto primitivo. Ninguén é perfecto!
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios:
Publicar un comentario