sábado, 2 de noviembre de 2019

FARIÑA

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

CANDO O FUME NON TE DEIXA VER CON NITIDEZ
 (A propósito de “Fariña” de Undodez Producións)

SANTIAGO PAZOS

Se por algo destacan as obras de teatro de produción galega vistas este ano no FIOT, como “Medida X Medida” ou “O Electo”, é pola perda, penso eu, dunha especie de falsa humildade que atenazaba ás nosas Compañías. Digo falsa porque creo que tiña máis relación co medo a asumir riscos económicos que coa capacitación profesional, a falta de ideas, ou a ambición artística.

E o caso de “Fariña” é, posiblemente,  o máis destacado. Se miramos o envoltorio podemos comprobar que non se escatima en nada. Numeroso, bo, e recoñecido elenco, música en directo composta por unha banda de prestixio, como son Novedades Carminha, coidada escenografía, potente e axeitada iluminación, últimas tecnoloxías, programas de man de bonito deseño e papel de calidade, vestiario relucinte e fume, moito fume. Tanto fume que por veces non te deixaba ver con nitidez o que estaba a pasar no escenario.

Certo é que dun gran decorado non ten por que saír unha gran obra, pero todo axuda e, por se tiveran dúbidas, teño que deixar claro que aplaudo esa ousadía calculada. E dicir, asumen un risco que dalgún xeito non é tan grande se no seu haber poñemos algúns aspectos de non pouca importancia. Por exemplo, que tratan un tema de rabiosa actualidade adaptando o libro “Fariña” de Nacho Carretero, censurado e prohibido recentemente, sobre o que se fixo unha serie de televisión que tivo bastante éxito.
E podemos sumar que contan cun director de prestixio recoñecido, como é Tito Asorey, que ademais fai aquí unha labor loable. E uns actores famosos e populares como Xosé Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Iglesias e Sergio Zerraeta, que por si mesmos xa enchen teatros.

Actores que, lonxe de apartarse de certos estereotipos polos que son coñecidos, por momentos parece que potencian, intencionadamente ou non, eses rexistros. Isto ocasiona que as personalidades dese tremendo lote de personaxes, que teñen que interpretar, non sexan marcadas con suficiente identidade, resultando en moitos casos un traballo artificioso. E aínda así, con todos estes compoñentes o éxito de “Fariña” está asegurado. Non teño dúbida algunha, porque os espectadores saben perfectamente a quen van ver e coñecen bastante ben a historia que lle contarán.

Sen embargo, penso que esta obra pode ser contada, sen perder ese toque de humor acre, nun estilo con menos pachanga. Xa sei que o que se conta son feitos reais e totalmente esperpénticos, pero quizais, e precisamente por iso, a gravidade do tema precisa dun enfoque con menos bombas de palenque.

Igual é un problema meu porque, xa ven, gustoume moito o trato e o enfoque que lle dan a loita de esas nais bravas que foron as primeiras en levantar esa pancarta que rachou coa complicidade económica, social, política e xudicial, co narcotráfico. E tamén ese final satírico que nos avisa de que moitas veces cambian as formas pero os delitos seguen a ser cometidos polos mesmos que un día criamos ter vencidos.

E dito todo isto, parabéns para ese teatro galego que esta a perder os medos.



Saúde y larga vida…





No hay comentarios: