sábado, 2 de noviembre de 2019

XOGRARESA DE OUTONO 2019

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL
OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


XOGRARESA DE OUTONO 2019
PATRICIA DE LORENZO




 
ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN HONORÍFICO
Carballo, 1 de novembro de 2019
Pazo da Cultura


O FIOT recoñece, na súa 28 edición, como Xograresa de Outono a unha das grandes actrices galegas, Patricia de Lorenzo. Unha artista polifacética, que se define tamén como cantante e vedette, que leva tres décadas no mundo da interpretación. Unha todoterreo que marida á perfección teatro, música, cine e televisión.

Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971) iniciou en 1990 a súa traxectoria profesional e, catro anos máis tarde, pasou a formar parte de Chévere, compañía de referencia en Galicia e tamén en España, galardoada co Premio Nacional de Teatro, o máis importante das artes escénicas a nivel estatal.

Desde entón participou como actriz en montaxes que forman parte da historia teatral galega, como é o caso de Annus Horríbilis, Rio Bravo 02, Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso ou Curva España. De Lorenzo é unha das “alma mater” deste proxecto e un dos seus piares fundamentais, tanto dentro como fóra dos escenarios, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción.

Ademais, a actriz tamén traballou con Pífano Teatro, Teatro do Aquí, Moucho Clerk,  Elsinor Teatro ou o Centro Dramático Galego. Prestixiosos galardóns, como varios María Casares ou o Maruxa Villanueva, recoñecen a traxectoria de Patricia de Lorenzo.

Foi unha das voces da Sala Nasa, de Sumrrá, La Tirana e de Tristáns, unha agrupación musical referente no panorama musical galego. A súa imaxe está ligada ao audiovisual e recordámola en filmes ou series como Pepe o Inglés,  A vida por diante, Terras de Miranda ou en filmes como EroskI Paraíso, A viaxe dos Chévere ou Crebinsky, entre outras.

O Xograr de Outono é un nomeamento honorífico que Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á Asociación Cultural Telón e Aparte.


NOTA: 
TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT
GRAZAS

SAÚDE E LARGA VIDA...

No hay comentarios: