martes, 10 de febrero de 2026

MILAGROS COTELO

 

MILAGROS COTELO: ALGO MÁIS QUE FANTASÍA

Santiago pazos 

Obra de Milagros Cotelo

A Galería Estudo Garabato de Carballo, que dirixe o pintor Mon Lendoiro, inaugurou a nova tempada de exposicións deste ano 26 cunha proposta individual de Milagros Cotelo. Baixo o título de “Liñas e liñas”, conxuga a semellanza textual do trazo xeométrico coas febras de fío. Unha mostra que consta de 22 debuxos de pequeno formato, tamaño postal, realizados con bolígrafo azul e presentados, cosidos cada un deles, sobre redondos bastidores de bordar de pura cor branca. Sinxela e imaxinativa simbiose entre Arte Popular, (despectivamente denominada ás veces como traballo manual para negarlle valor artístico), e esoutras Belas Artes ás que se lles supón, como valor engadido, un alto grao de creatividade e sublimación.

Co subtítulo de “Fantasía libremente imaxinada” pretende, con aparente inocencia, introducirnos nun mundo creativo enganosamente idealizado. Xa que se miramos con detemento, esas figuras expresan algo máis que pura fantasía. Nelas descubrimos xestos de estrañeza, pesadelos, medos e arrevesados soños, ante espazos en branco que esixen do espectador unha mirada persoal que desentrañe o que sexa que estea fora das fronteiras deses bastidores. A autora parece que xoga e se divirte, que todo ese traballo xurde espontaneamente, pero a pouco que indaguemos darémonos conta de que a maioría desas enigmáticas figuras están clamando expectantes ante algo que só poderemos intuír se observamos e escoitamos con emoción.

Aínda que Milagros di que están feitos sen unha idea preconcibida, eu penso que son a consecuencia dun proceso de longa traxectoria tanto técnica como intelectual. Vénme á memoria aquel cadro “Sen título” exposto en 2016 no que un neno saca expectante a cabeza dunha cuncha na que vive escondido como un cangrexo e, tamén, aquelas caixas de cartón dende as que os cativos temerosos, ou xogando ás agochadas, vixían un horizonte incerto. E non esquezamos esoutra obra socialmente crítica como son “Dende a ventá”, unha plácida paisaxe tras unhas cortinas vermellas corroídas polo tempo, ou “O festín”, no que os corvos visten de frac e levan maletíns negros cheos de cartos. Por iso non estraña que no texto de presentación destas obras, referíndose ás dificultades técnicas, diga que “... despois de loitar con derrames de tinta e intensidades de presión, póñome ao fronte e, dun xeito relaxado, firmamos unha paz duradeira e frutífera. Oxalá todas as guerras rematarán así, tranquilamente. Claro que para iso, os mandatarios deste convulso planeta terían que ter un cerebro que polo menos ocupara o capuchón dun bolígrafo”. Como poden ver, toda unha declaración de principios.

A pesares das súas dificultades físicas, Milagros Cotelo é un exemplo de superación reivindicativa. Pintando a súa propia realidade, como dicía Frida Kahlo, está a defender ese espazo que só lle pertence a ela e que comparte con nós para avisarnos de que a fantasía nace desa realidade que, con moita frecuencia, intentamos esconder.

Parabéns para Milagros. E non deixen de ver e admirar esta irónica expresión dun mundo tan fantástico como real. Saúde... 


EXPOSICIÓN LIÑAS E LIÑAS

(GALERÍA GARABATO)
























NOTA: 
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

 

 

 

 

 

No hay comentarios: