jueves, 20 de noviembre de 2025

VULCANO

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TODOS OS ESPELLOS MENTEN

 

SANTIPAZOS

FOTO DE BÁRBARA SÁNCHEZ PALOMERO

Mentres escribo esta última crítica do FIOT 34 escoito de fondo “Someone like you” de Adele para recordar esa especie de exorcismo que fai Eneko Sagardoy (o irmán), cantaruxando esta canción para poñer punto e final a “Vulcano”. Producida polo Centro Dramático Nacional, Cassandra P.A. e Andrea Jiménez, que tamén dirixe o espectáculo e que subiu feliz a recoller o merecido premio do público do ano pasado por “Casting Lear”. Houbera sido de xustiza que a canda ela subira a recoller ese premio Quico Cadaval, protagonista de gran parte do éxito daquela función. 

Gustaríame dicir convencido, sen esa amnesia disociativa que padece algún  dos personaxes desta obra, que onte foi o mellor momento das nosas vidas, como canta Adele, pero afortunadamente non padezo nin de falta de memoria por ningún tipo de trauma, (selectiva, si que practico por saúde mental), e tampouco sufro de estrés severo, así que o que recordo perfectamente é que, con respecto a dirección de actores, o rebumbio que montan en certos momentos movendo aparellos por todo o escenario parécese bastante, desculpen a comparación, ao camarote dos “Hermanos Marx”, e a superposición de diversas tramas de interese non permite profundar suficientemente en ningunha, salvo o do sensacionalismo televisivo. Conflito textual, sen dúbida. Quizais por iso a mesma autora, Victoria Szpunberg, Premio Nacional de Literatura dramática, confirma nunha recente entrevista que o seu teatro é vital e que ela é unha persoa inqueda por todo o que sucede no mundo, pero que non se recoñece como activista. 

Nada máis comezar viñéronme a memoria a repugnante utilización do asasinato daquelas nenas de Alcásser, e unha película de Gus Vant Sant titulada “Todo por un sueño” na que Nicole Kidman, periodista en prácticas que aspira a trunfar, termina matando ao marido para poder seguir manipulando a inocentes, sen reparo algún, e inventando unha realidade que só reside na súa propia ambición. Aquí, nesta fragua, conviven a un tempo tres realidades que terminan sendo contrapostas, por un lado o drama desa veciña discapacitada que morre no incendio da súa casa, por outro esa decrepitude social na que vive esta familia que pasa de ser testemuña a culpable dunha forma totalmente rocambolesca e, por último, ese relato dos profesionais dun programa documental que se moven por intereses que nada teñen que ver co rigor informativo e que terminan sendo secuestrados por esa familia ao estilo dunha película de Mariano Ozores. 

Queda no aire, iso si, o dereito que cada quen temos a decidir como contar a propia historia e a protexer a nosa intimidade. Explícao moi ben Macarena Sanz, estupenda actriz, no papel desa rapaza que mantén en pé unha familia rota e distante dende que os pais se separaron, exercendo como nexo de unión familiar e que, entre tanto desastre, aínda mantén a ambición de conseguir traballar no Museo do Prado e meterse dentro dese cadro de Velázquez para poder contar a verdadeira historia sen ditaduras documentais informativas que falsean todo o que tocan. Tamén o pai, Albert Ribalta, un personaxe superado polas circunstancias, sen un ápice de naturalidade, fala como se fose un actor contratado que nada ten que ver co asunto do que se está a tratar, dende o primeiro minuto.

E, no outro lado do espello, habita Ovidio,(outra referencia a ese cadro “A fragua de Vulcano”), o produtor invisible, Pilar Bergés, a periodista que renega do sensacionalismo e as caricaturas e quere facer un traballo con fundamento, serio, pero que está atrapada nese espectáculo do que non lle deixan escapar, e Iván López Ortega, un cámara que naceu para ser artista creativo e que non consegue crecer como tal porque fora da empresa sempre fai moito frío. 

En canto a escenografía, dicir que está ben delimitada. Nun lateral, unha gran pantalla sobre a que se van proxectando as imaxes gravadas en directo, e no outro unha modesta cociña americana con comedor incorporado. Funciona, que é o importante, remarcando esa dicotomía entre realidades que chocan, aínda que convivan. A proposta é interesante, moderna e arriscada, mais hai algo que non me acaba de convencer. Quizais sexa que vexo a cinco bos actores perdidos nun texto, quizais que teño visto historias sobre o mesmo tema mellor contadas, quizais que a directora estaba máis preocupada pola historia e a montaxe que pola receptividade dos espectadores ante a súa proposta, quizais porque era a última función deste FIOT 34 e teño que esperar un ano para recomezar esta comunidade teatral con vostedes... Quizais, quizais, quizais é que todos os espellos menten.

Sigo con Adele, dime que escoitou que os vosos soños fixéronse realidade. Oxalá ocorrese así e que as miñas traballadas e argumentadas reflexións servisen para algo. Por aquí seguiremos e moitas grazas a todos por lerme.  

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS

DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

No hay comentarios: