(FIOT 34)
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
LÍRICA E PROSA
SANTIPAZOS
Na literatura moderna as diferenzas entre lírica e prosa xa non están tan claras como en épocas pretéritas. De feito, lectores coma eu mesmo non reparamos estritamente nesa liña divisoria. Somos transfronteirizos. E no teatro pasa algo parecido, lugar onde por riba a mestura de comedia e drama e as mestizaxes entre disciplinas artísticas crea espectáculos difíciles de etiquetar. A pureza, por sorte, ou non, (depende), pasou a mellor vida e os procesos creativos son cada día máis complexos, diversos, e ricos en matices e tonalidades.
En “Masa madre” de Cía Caí, non só se evidencia esa mestizaxe, senón que está montada como se fose unha especie de boneca rusa na que cada unha delas estivese pintada cun estilo diferente. É lírica neses momentos nos que a danza contemporánea constrúe ambientes oníricos e prosaica cando fala da maternidade e os achaques que o paso do tempo deixan no corpo humano ao longo da vida.
Hai tenrura nesa masa que se deixa levedar e pasa de man en man, na fariña que se espalla pola mesa e tinxe o escenario de branco coma se nevase, nas cordas que semellan ser cordóns umbilicais e no pan que coce no forno eléctrico o tempo que dura a función e que ao final da obra comeremos en comunidade, e tamén certo terror no que significa procrear por obriga, facerte vello e sufrir esas dores físicas e mentais que veñen sen saber nunca de onde nin porqué aparecen. Hai poesía nesa danza acrobática na que a forza física xoga un papel importante pero que non esquece a fraxilidade do corpo humano, o sentimento e a paixón desbordada. E moita prosa e denuncia nas escenas de consultas médicas.
Teñen boa
técnica e dominan a expresión corporal, tanto Sabrina Catalán como Elia Pérez.
E están estupendamente dirixidas por Raúl García, que sen perder en ningún
momento o dramatismo e seriedade da proposta, dálles espazo para que enchan o
escenario en toda a súa dimensión e concede ao espectador algún momento cómico
sobre todo no terreo da estética, como por exemplo eses metafóricos tacóns
vermellos, ou ese coche de bebé que cruza o escenario de punta a punta
Un traballo
serio e profundo, moi técnico dende o punto de vista corporal e moi suxerinte
na súa estética. Parabéns!
En no FIOT en Ruta puidemos gozar e rir con “Absurdia” de “The momento impro”, no local social de Verdillo, con Daniel Blanco, Arturo Cobas e Antón Coucheiro. Non tan improvisado como anuncian pero si procede con fidelidade do teatro do absurdo.
Un escenario cheo de cadeiras de tesoira que, figuradamente, forman grandes montañas que eses tres supostos irmáns van escalando para chegar ao punto máis alto. Unha proposta, non moi innovadora, que podemos encadrar no mundo clown, sen maior ambición, feita para divertir e entreter. E abofé que o conseguen. Ofrecer artefactos teatrais sinxelos e sen pretensións filosóficas é moi importante para que a cabeza non estoupe. Eu, que non son nada fácil, rin moi relaxadamente. Agradecido.
Saúde e longa
vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



No hay comentarios:
Publicar un comentario