viernes, 15 de noviembre de 2024

EL BROTE

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

ENTRE A REALIDADE E A FICCIÓN

 (A propósito de “El brote” de Compañía Criolla) 

SANTIAGO PAZOS


Algo pasa cando o teatro fala sobre de si mesmo e a ficción e a realidade converxen nun conflito existencial. Neste excelente texto de Emiliano Dionisi descubrimos que os actores non só son un monicreque que o director move ao seu antollo senón que son persoas con ambicións as que “os soños se lle moven entre as mans” como ben di Roberto Peloni. Un actor maxistral que defende este monólogo cunha enerxía que desborda.

Ao texto e a dirección non se lle pode poñer ningún pero. As transicións que van da ficción teatral, con textos ben escollidos de obras clásicas recoñecidas que van desde Sófocles a Lorca pasando por Shakespeare, á situación persoal dun actor cheo de dúbidas, envexas e reproches están perfectamente delimitadas. Como sinala o protagonista, o teatro é o que ocorre nese espazo que existe entre os actores e o público. Unha distancia tan curta, ou longa, que só depende da conexión e complicidade que se produza nese momento único que é o que dura a función que se está a representar. No teatro nunca hai volta atrás. De aí  a súa actual e presencial frescura e grandeza inmediata.

A propia escenografía, sinxela pero efectista, xoga coa luminotecnia para marcar eses cambios de rexistro que precisa o actor que representa un papel determinado e o ser humano que se queixa das variadas circunstancias que afectan a súa integridade vital. Catro cadeiras negras que van mudando de lugar, unhas liñas de focos no chan do escenario que cambian de cor para resaltar os distintos ambientes, e un gran cortinón recollido durante toda a función que ao final cae de súpeto indicando que nos acercamos a un final onde todo reproche claudica. Quizais o momento máis lírico e poético, dende o punto de vista escénico, de toda obra.

Outra cousa é a técnica ou método de traballo de Roberto Peloni como actor. Esa proxección de voz tan artificiosa, esa esaxerada maneira xestual que utiliza para dirixirse ao público, esa cadencia na voz tan pouco natural, lévanos a un teatro pouco actual. No teatro moderno trabállase con prácticas máis introspectivas, intimistas. Os sentimentos brotan contidos, como para dentro. E o público entende que os silencios claman xustiza tanto coma os berros máis aterradores.

É un actor excepcional que declama nun estilo que nós xa tiñamos esquecido. Non lle quita mérito. Supoño que tamén o director ten algo que ver nesa maneira de “serruchar el aire”. A min paréceme excesivamente altisonante. Pero tamén temos que recoñecer que é unha compañía arxentina que utiliza códigos de actuación aos que non estamos acostumados ou descoñecemos. Seguramente pedirlle contención xestual a esta maneira de facer teatro que procede da propia cultura e carácter, sería como pedirlle ao teatro Noh xaponés que mudase eses rexistros rituais que o caracterizan.

A min, aínda con estas cuestións de estilo que me poden gustar máis ou menos, paréceme que tanto actor como autor e director fan un labor encomiable. E, por outra banda, temos que felicitarnos porque despois de varios anos de ausencia internacional o FIOT recupera parte do propio nome.

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA 




PAULA QUINTAS

 

 (FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

A VERTIXE COMO PROCESO CREATIVO

(A propósito de “Multiperspectivas#3” de Paula Quintas Cía.) 

SANTIAGO PAZOS


 A proposta de Paula Quintas neste Multiperspectivas é todo un reto de investigación das artes escénicas porque, aínda que o nexo de unión sexan as técnicas circenses, xuntar danza, improvisación teatral, tecnoloxía e performance, nun todo harmónico e compacto non é nada sinxelo. De aí que a min me resultase máis un experimento que unha peza acabada. Circunstancia que non determina negativamente na calidade artística do que puidemos ver neste OTNI, senón que nos incita a reflexionar sobre da hibridación conceptual, técnica e interpretativa na que se moven os artistas que queren traballar con liberdade rompendo con eses compartimentos estancos aos que estamos acostumados os espectadores. Con máis motivo se como público formamos parte da montaxe convertidos en elemento indispensable.

Se hai que rachar coa narrativa textual faise, non sempre temos que seguir cun guión predeterminado. A encrucillada de camiños nas artes é esa pólvora que o cerebro precisa para espertar e crear. Claro que nunca ocorre de xeito espontáneo. Hai que ter a mente aberta e receptiva e o corpo preparado como demostrou Paula. Todo parecía improvisado menos a súa capacidade para contar, a través do movemento, unha historia que só se pode entender dende a sensibilidade  máis íntima. Esa é a linguaxe da danza que ela domina. Nunca entenderás nada se non conectas cos latidos internos desa artista que se expresa a través de espasmos sensitivos.

Realmente non necesitamos descifrar significados encriptados para desfrutar deses movementos equilibristas sobre dous arames. Tanto o circo como a danza, o teatro ou a performance comparten técnicas de ilusionismo e engano das que só gozaremos se miramos con certa inxenuidade. A vertixe cúrase con equilibrio emocional e visual.

Eu non creo que haxa límites entre disciplinas escénicas. Xa estamos de volta de tantos experimentos, que defender a pureza no mundo da creación artística non é outra cousa que un suicidio intelectual. Agora ben, fusionar non é compartimentar, polo que espero que neste proceso creativo os nexos de unión sexan menos evidentes e o cóctel resultante confunda gratamente as gorxas máis esixentes.

E deixando a un lado esas pequenas acotacións, aplausos e parabéns para Paula Quintas, e todo ese grupo de profesionais que a acompañan, por méritos propios.   

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

 

JOSÉ RAMÓN HERNÁNDEZ / OSIKÁN

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 


A FE E AS MONTAÑAS

(A propósito de “Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de resistencia” de José Ramón Hernández / Osikán – Vivero de creación)

 

SANTIAGO PAZOS

Sempre me trabuco cos refráns, aínda que Carmen dime que o fago adrede para usalos en beneficio propio. Razón non lle falta. E, en concreto, ese que di que a fe pode mover montañas sempre me resultou desmesuradamente ambicioso. Recórdame un pouco ao ilusionista Uri Geller que dobraba culleres na televisión. Pura maxia. Xa que non creo que nin fe nin mente poidan intervir na física dos elementos e da materia. Agora ben, cada quen pode crer o que lle pareza. Sobre todo se falamos de teatro. Como acertadamente di Juan Diego Botto, nunha recente entrevista, hai algo marabilloso no teatro, algo que ten que ver coa liberdade.

 

E de fe e de montañas falounos José Ramón Hernández, director artístico de Osikán-viveiro de creación, para explicar ese proxecto realizado en Carballo dentro do Programa de Residencia Paraíso. Mágoa non poder ver a obra representada para ter datos estritamente teatrais e non só un discurso con tantos argumentos como, no meu particular punto de vista, contradicións.

 

O artista e investigador cubano, afincado en Madrid, defende que a fe e a espiritualidade son unha potencia política que pode favorecer a transformación social en aspectos tan preocupantes como a discriminación racial ou de xénero. Sen fe non hai revolución posible, di. E os instrumentos cos que traballa son rituais afrodescendentes e performativos das corporalidades periféricas, segundo podemos ler no programa do FIOT.

 

Eu non teño nada en contra das crenzas e rituais relixiosos, nin sequera teño nada en contra do Vudú, pero desde o coñecemento científico das ciencias sociais, e tendo en conta a propia historia, todos os avances e transformacións dos que goza o xénero humano veñen de loitas protagonizadas por movementos laicos tendo sempre en contra as elites relixiosas conservadoras. Iso si con moita fe e espiritualidade.

 

Non direi que o seu discurso non teña sentido nunha posta en escena experimental e alternativa, (precisamente esa é a especialidade do OTNI), pero querer extrapolalo como alternativa aos movementos reivindicativos político sociais non dependentes de prácticas relixiosas, aínda que a maioría desa xente teña crenzas diversas, paréceme pouco axeitado.  Será que eu veño do materialismo dialéctico?

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

TALIA TEATRO

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 


TEATRO COMPROMETIDO

(A propósito de “DeseXo” de Talía Teatro)

 

SANTIAGO PAZOS

Como xa saben hai moitos estilos e movementos teatrais, uns para divertir e pasar un rato de distensión e outros para reflexionar, debater e cuestionar a realidade social e os comportamentos humanos. Neste caso, Talía sempre fai teatro comprometido. Sirvan de exemplo “Unha inimiga do pobo” ou “Morte accidental dun anarquista”. E tamén teatro intencionadamente educativo, como “Bicos con lingua”, “Pelos na lingua” ou “A parábola do Angazo”. Tampouco quero facerlles unha biografía pero penso que é preciso citar esas obras para recoñecerlles a valentía que teñen para enfrontarse a temas polémicos e de complicado consenso coma o que tratan en “DeseXo”. É dicir, falar de sexo rompendo con todo tipo de estereotipos. Obra na que contaron coa colaboración da sexóloga Bárbara Penas.

 

Cunha escenografía sinxela e minimalista, dúas ventás coas que van formando diversos espazos escénicos, Marta Rios e Dani Trillo, ben dirixidos por Diego Rey, (tamén autor da obra), van parodiando as múltiples circunstancias que afectan a un tema tan importante nas nosas vidas. Falar de sexo nun escenario con humor quítalle dramatismo a esa experiencia, non sempre gratificante, que moitos tivemos e que tamén terán os que veñen detrás. Falan dos medos e fracasos desa primeira vez, da idealización frustrada dun acto no que amor, desexo e ansiedade forman parte dun cóctel explosivo, da inexperiencia e falta de información e de educación adecuada, (en parte pola vergoña que senten os que deberan impartila), do acceso á pornografía facilitada polas modernas redes sociais, polo xeral cheas de violencia de xénero e publicitando comportamentos vexatorios, e do escurantismo que segue a impoñerse por prexuízos e influencias relixiosas.

 

Unha obra necesaria e reivindicativa que denuncia, entre risas, a falta dunha educación sexual axeitada. Non só para esas mozas e mozos que acudiron a vela en Carballo, senón para moitos pais e docentes que rexeitan da súa responsabilidade e manteñen como tabú algo tan natural.  

Saúde e longa vida…


NOTA: 

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

jueves, 14 de noviembre de 2024

IRIBARNE

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

PERMITAN QUE NON RÍA

 (A propósito de “Iribarne” de Butacacero)

 

SANTIAGO PAZOS

Se por algo me gusta o teatro é por esa capacidade crítica, liberadora, burlesca e iconoclasta que ten. Enriba dun escenario todo é posible. Os choros e as risas conviven nunha espiral enganosa de confusión e de sorpresa. E na bufonada “Iribarne” concorren todos estes elementos para maior gloria da autora e protagonista Esther F. Carredeguas. Ou iso pensará ela.

 

Mais a realidade é que rompe cunha norma fundamental, imperdoable desde o meu punto de vista. As historias han de ser contadas tal e como foron, non instrumentalizadas para construír un discurso interesado. Sempre caben interpretacións alternativas, claro. A chanza é saudable, necesaria e sempre merecedora dun aplauso. Que seriamos nós sen esa retranca tan creativa que nos identifica e caracteriza! Non cuestiono o estilo interpretativo. Áxil e ocorrente. Tampouco o traballo de dirección, nin o labor do resto de actores. Os erros son de índole textual, conceptual e tamén de falta de rigor histórico.

 

Tres horas son unha vida se a metade están baleiras de contido. Son un calvario para moita xente que vivimos esa época tan recente e coñecemos persoas e acontecementos que aquí aparecen deturpados. Xa nos poden poñer a bailar Boney M. na discoteca que non pasamos polo aro. O tratamento que lle dan a Carmen Díez de Rivera é insultante e mesmo antifeminista, e o de Paquita, Paquita, Paquita, multiplicado por cen cando se refiren a Franco, roza a homofobia, cando ben puideron tachalo de ditador sanguinario. As descalificacións maliciosas de Alberti e a Pasionaria, de Carrillo e mesmo de Suárez, coma un can, son denigrantes. Se iso é comedia e humor actual, a min téñenme que perdoar que non ría. Que lle imos facer! Tampouco me fan gracia Trump, Bolsonaro, Milei ou ese de Tesla que quere vendernos autobuses e taxis sen condutor.

 

Parece que quixeron emular a Boadella con aquel Ubú Rey sobre Pujol e terminaron facendo un enxalzamento de Fraga como se foxe un camaleón transformista dedicado, nos últimos anos, a enfeitizar a eses galegos que non sabían se subían ou baixaban. Tópicos que se sosteñen con pezas teatrais coma esta.

 

Todo isto, por suposto, é teatro. Tamén esta crónica é puro teatro. Pero, en secreto, direilles algo, non me descubran despois: eu, para escribir este artigo incómodo tiven que ler un lote de artigos e documentos, aparte de ter boa memoria por ter vivido neses tempos dos que esta autora fala con tanta lixeireza.

 

Serei maleducado! Nin sequera lles din ese aplauso de respecto que considero de xustiza polo traballo feito, mal ou ben. Pero lean o que di Javier Ortiz, un crítico teatral que acostumo a seguir:Iribarne le pasa lo mismo que a los discursos de Fraga: le sobran (muchos) minutos y el final te pilla tan cansado que los hallazgos que pudiera contener se han perdido entre la morralla”. Engado que tamén perderon a memoria. Sempre estarei disposto a rir, pero as cóxegas xa non teñen efectos no meu corpo. Ímonos facendo vellos, quizais.........


Saúde e longa vida…

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



EN MITAD DE TANTO FUEGO

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 


ENTRE LUCES E SOMBRAS

(A propósito de “En mitad de tanto fuego” de Miramedia e Grec Festival)

 

SANTIAGO PAZOS


Jacques-Louis David pinta, nun inquietante cadro hiperrealista, a un Patroclo espido dando as costas. Un corpo de forte complexión que esconde o seu rostro. Un heroe da Ilíada homérica avergoñado. Nada que ver con este personaxe reflexivo e orgulloso que retrata Alberto Conejero a través do actor Rubén de Eguía.  Moi ben dirixido por Xabier Albertí e intelixentemente iluminado, entre luces e sombras, por Toni Ubach e o propio director.

 

Un home desenfocado pola forza do destino e polo papel de secundario ante un Aquiles, semideus, que concentra admiración e envexa a un tempo. Mais “o dos pés lixeiros”, en contra do que nos conta Homero, ou esa película de Brad Pitt, segundo conta Platón, e outros escritores gregos, era un atractivo, valente e case imberbe mozo que gustaba dos praceres versátiles que nesa época eran práctica común. Diso vai esta descarnada confesión. Un exercicio de íntimo axuste de contas coa historia real (ou inventada). Quen sabe?

 

O actor que está enriba do escenario vai vestido, actual, con camiseta e vaqueiros para recordarnos que simplemente é unha voz que interpreta un relato do que foi, ou puido ser, a relación de amizade e amor desta parella que representa, por riba de todo, a lealdade e admiración incondicional.  Amor que se agocha tras dun peto de bronce brillante salpicado de estrelas.. E cando a voz se lle rompe ao protagonista dáste conta que estamos a ver teatro, que non está nu, que Patroclo só é brasa que se apaga. Quizais o fume delate unha paixón incomprendida. Ay, cos pés descalzos!

 

Os monólogos dramáticos sempre corren o risco de esvaecer. Hai momentos nos que noto cansazo e voz debilitada. Un efecto que naturaliza e humaniza o traballo do interprete. Manter intensidade constante durante tanto tempo non é doado.  A poesía non é unha iluminación irracional, é unha interpretación que sublima  esas realidades que de tan pedestres parecen anticuadas sendo, de feito, a disección perfecta para darlle aire a iso que a nosa alma esconde.

 

Patroclo, na voz de Conejero, avanza no tempo e fala das guerras que asolaron o mundo no século XX e o que está a pasar. Xa saben, supoño, Palestina. Todas as guerras son incomprensibles. O actor fala entrecortado. Non entendo moi ben porqué. Penso que improvisa ou intencionadamente quere transmitir esa catarse de ver como os inocentes morren arreo. Entender e descifrar os motivos polos que un actor se move ou queda inerme sobre dun escenario, cando mil ollos miran críticos e expectantes, é algo incomprensible. Patroclo en metade do lume sempre mira de fronte. Sorprende. Rubén de Eguía tamén. Mirando ao espectador con intensidade cómplice amósase sen prexuízos, limpo e vítima, sen queixa posible, por ser parte imprescindible dunha relación que transcende pola dor que comporta amar e ser amado en silencio e a un tempo incapacitado para adormecer o desexo.    

 

Nunca reparei neste personaxe. Entre Odiseo e Aquiles, Troya, Héctor, Menelao e esas viaxes odiseicas, escurecen todo o que está ao seu redor. E, sen embargo, aquí rexurde algo máis intenso. Dentro dese enramado homérico de deuses e homes que opositan a coroarse, Patroclo pon os pés na terra dos mortais e dinos que por riba do amor non manda ninguén.   

Saúde e longa vida…


NOTA: 

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




miércoles, 9 de octubre de 2024

OLVIDO FLORES

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TAN SENSIBLE COMO UN SUSPIRO

(A propósito de “Olvido flores” de Estefanía de Paz Asín)


SANTIAGO PAZOS

  

FOTO DE VANESSA RÁBADE

Igual xa o teño contado. De pequeno pensaba que ninguén neste mundo podía sentir como eu sentía. Que ese eu interior era único e incomprensible para aquel mundo exterior, erroneamente desafecto, no que vivía. Un suspiro impertinente que me desgustaba. Acordeime onte, de novo, vendo esta obra e comprender que só con sensibilidade non se vive, nin se constrúe un espectáculo por moitos coloretes que luzamos e tenros obxectos que amosemos. A memoria si. Fundamental.  Xa dicía María Casares, nas súas memorias, que quizais a morte chega cando xa non hai vida para facer dunha ferida unha fonte. Entendo que a ferida é a vida e a fonte a forza da memoria.

 

En “Olvido flores”, unha proposta do proxecto Camiño Escena Norte,  recibimos un empacho de sentimentalismo persoal que pasa dunha primeira parte ben estruturada teatralmente a unha segunda parte final que se eterniza divagando sobre aspectos que ben puideron ser desenrolados antes. Con todos os respectos por esa historia que conta e que merece ser recordada. Pola memoria de tanta xente sepultada nas cunetas que espera descansar en paz e que a súa honra sexa restaurada. Miren o que está a pasar actualmente en Orihuela con Miguel Hernández.

 

Mais no teatro non só falamos de sentimentos, tamén de construción dun relato desenrolado con eficacia para que o espectador non se perda nas bágoas do personaxe. Neste caso penso que a primeira media hora está perfecta e o resto sobraba.


Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

BERROBAMBÁN

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

VAIA TRÍO!

(A propósito de “Mulleres que viven soas #MQVS” de Berrobambán)

 

SANTIAGO PAZOS

FOTO DE VANESSA RÁBADE

En Carballo, onte ao mediodía, estoupaban bombas de palenque sen que se soubese que houbera romaría coñecida. O motivo non era outro que unha voda con banda sonora. Xa ven, o que non consiga o amor! E pola noite, no Pazo da cultura, os aplausos atronaban para agasallar a estas tres mulleres, (vaia trío!), que defendían a liberdade de vivir soas por decisión propia. Unha vida en solitario, que non en soidade. Un amor autónomo, que non baleiro. E o público entendeu perfectamente a mensaxe, ou iso pareceu pola resposta do respectable, cando acabou o espectáculo, cunha sonora aprobación.

 

Di Rosalía Fernández Rial, nunha recente entrevista, que “o teatro ten todos os compoñentes que ten que ter unha metodoloxía didáctica: é motivadora, ten o compoñente de xogo, esa vertente lúdica tan imprescindible, abrangue toda a expresión posible, verbal e non verbal; e non hai ningunha outra ferramenta coma ela que nos permita reproducir situacións equivalentes ás reais. Ao final, é un adestramento para unha comunicación total na vida”. E precisamente esa é a vocación teatral de Paula Carballeira. Nunca asistín a un traballo seu, e van moitos, que non tivera esa intencionalidade pedagóxica, na que escaseara esa concepción lúdica do feito teatral, que non enfocara os prexuízos e medos traumáticos cos que o ser humano convive e que non intentase comunicarse con empatía e comprensión coa xente que estabamos a escoitala. Sempre buscando ese fío que nos cose como sociedade.

 

Mais esta obra é unha simbiose de estilos complicada de engarzar. O reto é admirable. Tres recoñecidas narradoras que, mantendo o propio estilo, intentan construír un contexto dramático que funcione como argamasa textual. Algo que, na miña opinión, non acaba de agromar no seu conxunto. As capacidades individuais acaban impoñéndose provocando que esta obra non se vexa coma un todo compacto. Falan do mesmo con voces dispersas. Un aspecto que despista e nos fai viaxar nunha montaña rusa na que perdemos a concepción de tempos e referencias. Recorrer a Macbeth non funciona, xa que os ecos desas outras historias documentadas teñen moita máis forza e só se utilizan como un recurso de base. Unha mágoa. A realidade, finalmente, é máis poderosa que a ficción literaria.

 

A temática é potente. E vista con esa montaxe e iluminación tan realista e transparente  que permite o xogo de sombras, a creación de espazos que se comunican co sinxelo efecto de abrir unha persiana, as transparencias vitais de dicir con claridade que as mulleres, e tamén os homes, poden vivir soas sen estar condenadas a soidade, teñen unha forza tremenda. Recorden ese enterro en diferido. Fago o que me sae da cona! Aí reside o potencial desta obra. Interesante e novidosa, pero errática nese intento de querer sumar estéticas e estilos que, ao final, restan eficacia a ese discurso que se quere defender.

 

E, aínda sendo así, que grandes creadoras! Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo. Admirables. Pero como xa saben que son un irredento, mandaría ás bruxas e a Macbeth ao inferno e retomaría con máis intensidade ese teatro documentado e narrativo para falar dun tema que pode rachar con moitos moldes. A escenografía está perfecta e ese final delas tres falando sen cancelas si que merece un gran aplauso. A ver se lle dan unha volta, eu estou disposto a repetir a experiencia.

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




 

 

 

MARÍA DA PONTRAGHA

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

ALGO MÁIS QUE MESTIZAXE MUSICAL

 (A propósito de “ Contos entre cordas” de María da Pontragha e Bleuenn Le Friec)

SANTIAGO PAZOS 


FOTO DE VANESSA RÁBADE

Mentres escribo esta crónica escoito “Canción na noite” do arpista e compositor francés Carlos Salzedo. Impresiona. Hai moitos anos, no xardín dun palacete de Ronda (Málaga), entre cipreses centenarios, escoitei á gran arpista española María Rosa Calvo-Manzano tocar pezas da época romántica que me levaron a momentos de emoción inesquecibles. E algo así pasoume onte con este espectáculo de mestizaxe musical, clásico e popular, de arpa e pandeireta, de contos ben escenificados. Humano, terreal e celestial a un tempo. O importante nas artes escénicas é crear un ambiente no que público e artista encóntranse no mesmo espazo sensitivo. Nada fácil. Mais estas dúas mulleres son capaces de acompasar palabra e son con harmonía. Esa metáfora da verza e a auga coa que comezan, para saciar a sede do espectador ansioso, anuncia que imos vivir unha experiencia que require escoitar en silencio, deleitándonos, sen présa. Certo é que nalgún momento María apura o texto dando por feito que xa coñecemos eses camiños polos que elas transitan. Todo en feminino. Ben! O de menos, ou non, son as historias. O importante é o xeito e a delicadeza coa que se contan, cantan e tocan. As mensaxes, escondidas nun principio detrás dun estreito biombo, están moi claras: se emporcas a natureza acabarás comendo merda, (desculpen), e se es capaz de degustar un bo prato de brócoli tamén che pode gustar a música clásica. Bravas!

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZDE GALICIA



 
 

sábado, 5 de octubre de 2024

A RÚA DOS CONTOS (VERSIÓN 1)

FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


 

DE RÚA EN RÚA, DE BAR EN BAR

 

SANTIPAZOS

 

O domingo pasado, para pechar o primeiro fin de semana do FIOT, levei unha grata sorpresa. Alberto Sueiro, Director do festival, agasalloume cunha nota de agradecemento pola miña colaboración a través de diversos medios de comunicación, que escribira hai 24 anos. Foina gardando nas diversas chaquetas que usaba con intención de darma pero, por unha cousa ou outra, non encontrou o momento. Agora xa está no meu poder e ben contento que quedei. Sobre todo polo aprecio mutuo que nos temos.  En realidade, o FIOT, sempre foi coma unha familia extensa, voluntariosa. Así naceu por moito que hoxe funcione, afortunadamente, de xeito profesional, xa que iso é o que permite que creza e permaneza.

 

Unha mágoa que a actuación de Miki DKai que acababamos de ver no Mercado municipal non pasase de ser un arremedo de aqueles humoristas rancios da época de Pajares ou Esteso. Chistes pasados de rosca por exceso de uso. Dou fe, porque visito o sur con bastante asiduidade, que nesa zona faise outro tipo de humor más acorde cos tempos que vivimos.

 

Tamén é certo que pode ser cuestión de gustos, xa que algo parecido pasoume no Mesón do pulpo, o xoves, con Federico Pérez. A xente riu canto quixo, mais eu quedeime coa teima de que canta mal e iso que as letras eran suficientemente irónicas. E por outra parte, a referencia ás colombianas e outras lindezas non me fan gracia. Culpa miña, por suposto. A fama que lle precede por ese programa da TVG que se titulaba “Era visto” é de sobra merecida. Eu era e sigo sendo fan.

 

Así e todo, os pratos fortes desta primeira entrega teatral, penso que foron Cándido Pazó no Valle Inclán, e Evaristo Calvo no Lograduro. Son dous humoristas, cada un no seu estilo, que non precisan recorrer ao chiste fácil para engaiolarte e facerte pasar un rato divertido. Por algo están entre os mellores contadores de historias de Galicia.

 

Cándido Pazó

Cándido, ademais de ser un gran director e autor teatral, é un portentoso coñecedor e transmisor  da tradición oral, con el aprendes a nomear en galego como corresponde rescatando do esquecemento palabras que nos identifican e que corren o perigo de desaparecer. E con “Cagadas” pasas un rato estupendo e saes cunha lección aprendida de cultura popular inestimable. Notouse, iso si, que era estrea absoluta e precisa de rodaxe. Nada importante para alguén con tantas táboas.

 

Evaristo Calvo

Por outra parte, Evaristo, gran actor como ten demostrado en tantas obras, é pura abstracción. Desmonta calquera dúbida razoable levándonos a un mundo que de tan absurdo adquire visos de realidade científica. Faite pensar e retórceche os miolos cunha elegancia que produce envexa. Penso que este “A ver que pasa” é o mellor monólogo que lle teño escoitado e xa van uns poucos. E como actor, desde que fixo “A peste” está en estado de gracia.

 

Houbo tamén dúas obras de teatro de Rúa que non puiden ver. Unha mágoa porque soen gustarme e gozo ver aos nenos aplaudir e sorprenderse por artistas cargados de habilidades admirables que fan traballos que proceden da tenrura. Non vin tampouco a Leti da Taberna, outra vez será. A Jazmín Abuín, si. Pero deixoume un pouco frío e prefiro non facer comentarios.

 

Onde si o pasei moi ben foi na Residencia de Maiores de Carballo na Praza de Vigo. Non tanto pola actuación do Clown Walter Velázquez, senón pola disposición para divertirse desa xente maior que parece querer apurar ata o último grolo os bos momentos da vida. A destacar dous señores que se arrincaron a cantar coplas para sorpresa do público.

 

O que si está claro é que a Rúa dos contos goza dunha saúde estupenda se temos en conta a afluencia de público en todos os espectáculos. Parece que en Carballo o de andar de rúa en rúa e de bar en bar presta.


Saúde e longa vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de La Voz de Galicia