sábado, 20 de noviembre de 2021

lunes, 1 de noviembre de 2021

NUEVE DE NUEVE TEATRO

 

(FIOT 30)

 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


O TEATRO É UN VELENO PURIFICADOR

 (A propósito de “Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)”

de José Troncoso para Nueve de nueve Teatro)

 

SANTIAGO PAZOS

 

 

Celebro que o FIOT 30 pechase a Programación de Sala cunha obra que fala do teatro como un veleno purificador, un mecanismo perverso argallado para transgredir esa idea de normalidade que os convencionalismos sociais impoñen. Un elixir que, polo menos nun momento de ficción, consigue liberarnos desas ataduras, cargas e prexuízos que nos impiden ser esoutra personaxe na que soñabamos converternos sen ser quen de logralo. 

Esa capacidade do teatro para aducir, non só aos profesionais de vocación, senón tamén a ese público que acude na procura de vivir un acontecemento extraordinario, no que a permisividade sobre calquera materia ha de ser sempre norma e nunca excepción, tróuxome a memoria “París no se acaba nunca”, novela de Enrique Vila-Matas na que se queixa da inxustiza que supón non poder verse de xeito distinto a como os demais o perciben. (“Si al menos alguien, ya no digo mucha gente sino alguien, supiera verme idéntico físicamente a Hemingway”).

Lamento, por certo, que me levou hai tempo a escribir un artigo que se titulaba “Xogando a non ser quen es”, no que defendía a tese de que todos podemos transformarnos e soñar, ou facer realidade esas fantasías que, parecendo inalcanzables, non son tan difíciles de acadar se perseveramos con forza. E defendía eu, por suposto de forma metafórica, que sempre que me petou fun Andy Warhol e nunca me topei con ninguén que dubidase de tal cousa.

 

E precisamente, neste “Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)” xogan a iso mesmo, a propor alternativas contra o conformismo sen perspectivas, confrontando as contradicións que se producen na relación dunha curiosa parella “normal” na que un deles decide facer realidade esa ilusión, aparentemente atolada, de que debe e pode cambiar de vida, mentres a outra non comprende esa necesidade de cambio e teme perder a tranquilidade que lle produce o status social conseguido. Unha traxicomedia, como afirma o autor e director José Troncoso, na que a cuestión fundamental e vivir ou non vivir.

Mais se deixamos as pretensións artísticas a un lado, incluídas as miñas literarias divagacións existenciais,  e nos centramos na dramaturxia e na posta en escena, pronto descubrimos que toda a arquitectura desta simpática obra susténtase na gran capacidade de Mariano Marín, (encargado da composición e dirección musical e Premio Max por este traballo), que crea un espazo sonoro no que a música, moi ben interpretada ao piano en directo por Néstor Ballesteros, non só acompaña o que acontece no escenario, senón que delimita e marca con precisión o ritmo, os tempos e os movementos.

E se esa estrutura escénica ao estilo dos clásicos musicais está adecuadamente orquestrada, a interpretación de dous actores xeniais, como son Carmen Barrantes e Jorge Usón, que dominan ese estilo de humor grotesco e pouco natural de crear personaxes histriónicos, é sobresaínte. Parecía por momentos que foran pulchinelos artellados por mans alleas.

 


Unha historia tenra, sinxela, estupendamente escrita e dirixida, que utiliza o teatro como un revulsivo para encontrar esa felicidade esquiva que todos perseguimos, mais que, pola contra, ten un final dramático que non esperaba. Seguramente é un defecto persoal, non me importa que unha traxedia acabe con todos os protagonistas esnaquizados, pero a miña sensibilidade non soporta que iso pase nunha comedia musical. Ai!

E como temos que pechar, xa que no teatro non queda nin o apuntador, espero terlles transmitido, coas miñas reflexións, que un artista, como dicía André Gide, non debe contar a súa vida tal e como a vive, senón vivila como quere contala. 

Saúde y larga vida…


NOTA: Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"