XXV FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN
XOGRAR DO OUTONO 2016
MIGUEL DE LIRA
MIGUEL DE LIRA (XOGRAR DO OUTONO 2016)
TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT
O Xograr de Outono é un nomeamento
honorífico que o Festival Internacional Outono de Teatro outorga á persoa que
salienta pola súa traxectoria na promoción do teatro, sendo este un xeito de
recoñecer o labor dos que contribúen xenerosamente a agrandar as artes
escénicas, e, polo tanto, á cultura galega.
O Xograr representa a
figura teatral máis relevante da tradición oral, como creador e tamén transmisor
de historias, porque esta tradición identifícanos como alquimistas da lingua, facéndonos
renacer a todos os que queremos e cremos na nosa palabra, na nosa cultura e no
noso país.
O galardón que da forma a
este recoñecemento é unha creación en bronce, de inspiración rupestre, do
artista galego Pablo Leal, que a organización elixiu polo seu carácter
simbólico e alegórico á figura xograresca.
Os Xograres son un elemento
moi importante da alma do Outono de Teatro. Unha comunidade na que nos apoiamos
e inspiramos para renovar os valores que personaliza o noso festival.
A elección do galardoado é
responsabilidade compartida entre o colectivo de Xograres e Xograresas que se
vai creando ano a ano, e a organización do festival.
A todos eles,
agradecemos o seu compromiso e fidelidade porque este galardón comprométeos
como embaixadores do FIOT e responsabilízaos de futuras eleccións.
ALBA BERMÚDEZ, MIGUEL DE LIRA, ANTÓN GUITOY E RAMÓN TASENDE
Como xa todos
vostedes saben, o festival concede nesta vixésimo quinta edición o Xograr de
Outono a Miguel de Lira, actor,
creador e dinamizador teatral.
Miguel García
Martínez, toma o seu nome artístico do lugar onde naceu, Lira, no municipio de
Carnota, iniciando así un longo percorrido polas táboas, levando a cabo un
intenso labor no ámbito escénico, cunha diversa e extensa traxectoria
profesional -con máis de 30 anos de percorrido-, definindo co seu perfil, a
esencia que nos gusta recoñecer con este galardón. Traballa activamente como
actor de teatro, dinamizador teatral e produtor, como actor en cine e
televisión a nivel galego e nacional, sendo membro fundador dunhas das
compañías referentes do panorama teatral galego: O Grupo Chévere.
O Premio Xograr de Outono outórgaselle a unha das figuras
que dou iniciou a un teatro alternativo, de compromiso e de experimentación en
Galicia, de creación colectiva, ferramenta de sensibilización, creado desde a
realidade máis próxima, e sempre desde o humor, levándoo a espazos pouco
convencionais como as rúas, barcos, aeroportos, escaparates,... recoñecendo
así, esta ampla, equilibrada e diversa traxectoria nas artes escénicas.
Como xa dixemos no mundo do teatro está intimamente
vinculado á compañía Grupo Chévere, membro fundador e integrante desde 1987,
participando na creación e interpretación dos seus espectáculos, algúns tan
memorables como Río Bravo, Big Band, Annus Horribilis, Órbita
Mutante e recentemente Citizen, Eurozone ou o espectáculo que acabamos
presenciar. No esquezemos, por suposto, as Ultranoites
da Sala Nasa, outro dos piares na vida de Miguel de Lira. Ata o seu peche
no ano 2012 e desde 1992, a Sala Nasa foi un referente como espazo alternativo
para a exhibición, experimentación e creación de distintos formatos escénicos.
Neste ano, no que o Festival Internacional Outono de Teatro
celebra o seu 25 aniversario, queremos lembrar tamén que Miguel de Lira, xunto
a Chévere, case inaugurou o FIOT, xa que participou na primeira edición do mesmo
co mítico Río Bravo. Logo volverían
noutras ocasións, a última con Eurozone.
A participación de Miguel no FIOT tamén está presente a
través da Rúa dos Contos, sobre todo
nos inicios da mesma, xa que foi un estreito colaborador na súa programación.
A traxectoria de Miguel de Lira en cine e televisión é
tamén unha das máis destacadas dos actores galegos, actuou en proxectos de
relevante repercusión como as longametraxes Crevinsky, Somos gente honrada ou A
Esmorga e en series de televisivas como Mareas Vivas –co entrañable Currás-,
Pepe O Inglés ou a recentemente estreada Augasquentes (entre moitas).
Entre os recoñecementos que atesoura Miguel de Lira, tanto
co Grupo Chévere como en solitario, salienta o Premio Nacional de Teatro á
traxectoria teatral da compañía, Premios María Casares e outros como o Agapi ou
O Mestre Mateo.
Moitos son os
méritos que fan de Miguel de Lira merecedor deste galardón, que recoñece o labor
como actor, creador e dinamizador teatral deste comunicador capaz de chegar a
todos os públicos, comprometido cultural e socialmente.
Como xa dixen ao
inicio, por motivos laborais esta noite non pode estar connosco Susana Dans a
xograresa do 2015, polo que neste 25 aniversario do festival, en nome da
Organización e dos Xograres, dará lectura á benvida que Susana preparou para o Xograr
e presentará ao novo integrante desta comunidade, unha actriz profesional carballesa,
moi vinculada ao FIOT e que ademais forma parte da nosa imaxe nesta edición
especial, Alba Bermúdez.
Acompáñaa Antón
Rodríguez, Secretario da Asociación Cultural Telón e Aparte e vello amigo do
Xograr, que dará lectura ao diploma polo que se recoñecen os méritos de Miguel
de Lira.
E temos a
satisfacción de que faga entrega do galardón Xograr de Outono 2016 a Miguel de
Lira, Ramón Tasende, propietario da Libraría Brañas, e patrocinador durante
todos estes 25 anos desde a primeira edición, do festival. Un exemplo da
fidelidade coa que nos apoian os colaboradores do FIOT, da que presumimos con
orgullo. Grazas a todos pola vosa xenerosidade, confianza e compromiso.
MIGUEL SUÁREZ FUENTES (PRESENTADOR DA GALA)
Para rematar,
agradecer, a todos os que como público, colaboradores, voluntarios,
patrocinadores..., vos fixestes imprescindibles no FIOT, porque este é un
proxecto compartido, de todos nós. E entre todos, sabemos que poderá continuar
un camiño con novos desafíos e cara adiante.
Boa noite.