sábado, 30 de julio de 2022

CARTA SOBRE O SAUCE CHORÓN DO ADRO DA MILAGROSA DE CARBALLO

 



CARTA ABERTA A DON JOSÉ M. GARCÍA GONDAR


Respectado Párroco de Carballo:

Ten que saber que a pereza que me produce escribir esta carta pública, sendo inmensa, só é un átomo comparado coa tristura que teño cando paso estes días diante da Capela da Milagrosa e vexo ese adro espido e baleiro da frondosa natureza que ata hai poucos días lucía.

É curioso que, mentres no mundo se fala da importantísima influencia dos espazos verdes para loitar contra o cambio climático, se tallen árbores nun espazo público e de recollemento espiritual. Unha árbore sa, frondosa, que proporcionaba sombra aos fregueses que por alí sentaban e tamén acubillo aos paxaros que nel aniñaban

Penso que ese proxecto de remodelación para poñer unha fonte e unhas oliveiras só é unha escusa para que se vexa a grandiosidade, (refírome ao tamaño), dese mural da nosa Patroa, cando a Milagrosa loce ben máis bonita dentro da súa capela. E xa non entro no estado de abandono no que se encontra ese solar pegado a capela, cheo de silvas e maleza.  Cuestión de gustos nos que seguramente un agnóstico declarado como son eu non debera comentar.

Xa debera saber Vostede que non é bo espir un Santo para vestir outro. Mais a realidade é que a paisaxe do noso barrio xa non é a que era por decisión exclusivamente súa, un erro (penso) que espero que o tempo, as oliveiras e o abrollar da auga desa fonte consigan esquecelo.

Afectuosamente

Santiago Pazos




NOTA:

ESTA CARTA FOI PUBLICADA NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




 

 

 

martes, 12 de julio de 2022

FERNANDO CABEZA QUILES

 

TODOS OS NOMES DE FERNANDO CABEZA QUILES 

Santiago Pazos

Santiago Pazos, Fernando Cabeza Quiles e Mon Lendoiro
na presentación de "Galicia, lo gallego y los gallegos"
na Praza dos libros de Carballo

Teño a impresión de que moito tempo antes de publicar, en 1992, ese libro de referencia titulado “Os nomes de lugar: topónimos de Galicia, a súa orixe e significado”, Fernando quixo ser Don Xosé, personaxe que o Nobel Saramago describe con mestría en “Todos os nomes”, xa que se aquel esforzado funcionario do Rexistro Civil padecía dun amor obsesionado por encontrar a dona dun nome co que topa por casualidade, Cabeza Quiles pedalea incansable dende sempre para encontrar e poñerlle o adecuado marco onomástico a cada anaco de terra polo que a súa bicicleta pasou, ou pasa.

Seguramente tamén o azar xogou un papel importante nesa afección apaixonada por detallar e recuperar un Patrimonio Cultural  que require dunha dedicación exhaustiva, seria e rigorosa. Unha disciplina, como é a Toponimia, na que converxen, sen ser considerada unha ciencia exacta, a interpretación antropolóxica, histórica, lexicográfica, etimolóxica ou xeográfica. Sen esquecer o traballo de campo, ir ás fontes e falar coas xentes que habitan lugares dos que a memoria fráxil esquecerá o seu nome se non deixamos constancia escrita e documentada da súa existencia. “Recibir, descubrir e divulgar”, en palabras do Profesor Gonzalo Navaza.

Desa labor de investigación viñeron, entre outros, libros como “Os nomes da terra: topónimos galegos”, “Toponimia de Galicia”, “A toponimia celta de Galicia”, ou ese excelente e imprescindible “Galegos en Las Alpujarras granadinas”. Sendeiros e terreos de orografía irregular, que desembocaron felizmente nesa última ”Toponimia de Carballo”, desexo cumprido para os que aquí vivimos e pateamos acotío os seus camiños e corredoiras, discutindo aínda algúns, por moito que as Academias senten Cátedra, se unha das súas parroquias comeza por B ou por V.

Entre todos os posibles títulos que o autor podería ostentar, inclínase polo de escritor. Con falsa modestia, penso eu, di que o de investigador é unha profesión aburrida. Goza coa narrativa viaxeira e a ficción “educativa”, por algo estudiou e exerceu Maxisterio. Aí temos eses “Contos azuis”, un feixe de relatos dedicados aos seus alumnos de Razo, nos que das aloucadas aventuras xuvenís sempre xurde unha mensaxe de respecto coa natureza, de compañeirismo, de amizade, de compromiso. Ou este último “O segredo nos zapatos”, no que cada relato é unha parábola case futurista das catástrofes que acontecerán senón lle inculcamos aos cativos unha conciencia medioambiental que nós mesmos temos que asumir como propia con urxencia. (Por certo, libro estupendamente ilustrado por Mon Lendoiro, un referente carballés para todos os que gozamos das Belas Artes). E por aí quedan, sen esquecer algún que outro poema e a colaboración activa co Instituto de Estudos Bergantiñáns, “Domingo de Resurrección” ou “Chamáchesme moreniña”, obras nas que a retranca e a tradición da escrita galega están moi presentes.

Este viaxeiro romántico, que leva escribindo trinta anos con éxito e tamén, en ocasións, contra a incomprensión e os prexuízos dos pura sangue que, na maioría dos casos, entorpecen máis que aportan, é por riba de todo un incansable traballador en prol da terra nomeada, do idioma e a cultura de Galicia. Temos aí, como exemplo, “Galicia, o galego e os galegos”, (reeditado en castelán por Medulia Editorial), no que fai unha revisión crítica e respectuosa da nosa historia e da nosa idiosincrasia. Texto interdisciplinario escrito con valentía, “sen metáforas tópicas, curvofilias, nin reviravoltas”, moi recomendable para os galegos que tanto descoñecemos sobre o que fomos e, fundamentalmente, quen e como somos.

Penso que de ser certa a sentenza: “o que non se di non existe”,  a Cabeza Quiles quédalle moito traballo por facer. Menos mal que, contrariando ese verso do poeta José Ángel Valente, cando di que no borde da luz nada reaparece, Fernando é capaz de recuperar, recordar e conservar todos os nomes sen esa perversidade pícara de mover os marcos no luscofusco.


NOTA: 

Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia