martes, 26 de junio de 2018

miércoles, 20 de junio de 2018

SE NON PODES DE FRONTE, ENTRA DE COSTADO

ADOSADOS
ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA DAS FESTAS
SAN XOÁN 2018
CARBALLO


TEXTO: SANTIAGO PAZOS
ILUSTRACIÓN: JUJOBACA (Juan José Barro)

VERBENA DE SAN XOÁN EN CARBALLO



SE NON PODES DE FRONTE, ENTRA DE COSTADO
(Sobre tipos, tipiños, tipazos ou tipejos)

I

Ás veces parece que todo o que se nos presenta neses camiños polos que andamos está disposto aí para nós, para nosa regalía, para collelo sen máis traballo que aceptalo como se fose noso por propia xenética, coma unha extensión de nós mesmos. Vemos unha fiestra e cremos que con entrar tan campantes, sen necesidade de cumprimentar ningún tipo de requisito ou exixencia, xa está todo, dito e feito.


Mais a realidade pon a cada quen no lugar que lle toca, que non ten porque coincidir co que por xustiza lle correspondería. Así é a vida. E as cousas nunca son tan doadas como aparentan. Por iso, tantas e tantas veces, temos que cambiar de ritmo para seguir avanzando, alterar as primeiras intencións pasando encollidos polo aro porque ergueitos non cabemos, ou modificar a postura corporal para entrarmos de costado xa que a nosa fachenda é demasiado voluminosa e de fronte non podemos.
Nesa andaina podemos manter ou mudar, se ben nos parece, os principios básicos que conforman o noso carácter, o pensamento e comportamento ético que nos identifica e nos humaniza. Agora ben, os ocasionais pareceres, os diversos modos de ver e de sentir a relación con todo o que nos arrodea, sexa vivo ou morto, vexetal ou animal, os costumes e as súas puntuais manifestacións, poden ir mudando, deben ir mudando e  adaptándose ao cambio dos tempos.



II

Velaí que sen pretendelo nun principio saíume toda unha declaración de intencións vitais e chea de parámetros existenciais. Un armazón conceptual necesario para camiñar por este mundo cheo de luz, de trampas, de bicos ou de labazadas nos fociños. Un mundo ateigado de boas e malas cousas, xente honesta e ruín, paraísos por descubrir e abismos mortais. Por iso é tan importante ter e mostrar sempre unha actitude tan crítica como positiva e unha mirada utópica ante os retos que van xurdindo na viaxe particular de cada quen.
Sinceramente non estou moi seguro de que este prólogo sexa o axeitado para introducir a historia que quería contar. Neste mar de dúbidas no que sempre navego penso que para publicar nesta revista festiva precisaría algo máis lixeiro que elucubrar sobre se é mellor poñer boa cara, ou cara de can, para conseguir encaixar e ser respectado no espazo social que habitamos.

A cousa é que ese encabezamento “Se non podes de fronte, entra de costado”, (teño que confesar que sen un título do meu gusto non son quen de escribir unha soa palabra), da para reflexionar profunda e profusamente sobre da vida e as súas circunstancias. Ten un fondo instrumental e utilitarista que pode resultar interesado e egoísta ao tempo que apropiado, dende o meu punto de vista, para non sufrir innecesariamente.

Como teño oído tantas veces, cando te pasas de bo acabas parecendo parvo, aínda que moitas veces, como podemos ver a continuación, mellor ser un pouco parvo que demasiado raposeiro.


  
III

Do que quería falar en realidade era daqueles tipos, tipiños, tipazos ou tipejos que pululaban de fronte e de costado polas verbenas, aló polos anos sesenta e setenta, camiñando en espiral ou formando pequenos remuíños, delimitando por zonas o campo da festa para non deixar escapar a mínima posibilidade de encontrar unha moza coa que bailar, ou algo máis se cupido se encaprichaba.

Hoxe en día é un anacronismo, as formas de relacionarse, por fortuna, cambiaron. Os lugares para ligar diversificáronse. O papel da muller deixou de ser pasivo por imposición machista pasando a ser dona de si mesma por dereito, aínda que por desgraza esas brasas maléficas sigan fumegando en moitos aspectos e a igualdade sexa menos real do que aparenta nos papeis.

Pero en épocas non tan remotas, grupos de mozas formando ringleiras esperaban pacientes e con moito recato a que o rapaz que lles gustaba reparase nelas e se dignase a pedirlles unha peza de baile. Mentres non chegaba ese adonis, divertíanse ou aguantaban e sufrían carros e carretas cos tipos, tipiños, tipazos ou tipejos que se paseaban lucíndose diante delas. 

Entre eses tipiños que desfilaban garbosos e cheos de desexo estaba aquel, que farto de dar voltas sen éxito, sentaba aburrido á beira do pilón que había nos xardíns carballeses, mirando con envexa cara os grupos que charlaban e rían divertidos na terraza do Copacabana, ou observaba a zona da palmeira onde as parellas, baixo aquela tenue luz e o doce cheirume das rosas, sentábanse para intimar un pouco, acariciarse e bicarse se cadraba. En xeral sen moito roce por iso de “qué dirán” as malas linguas. 
   
Os tipejos, unha especie de armas tomar, pasaban trotando, pisando, asoballando. Sen admitir un non por resposta insistían como cabestros obrigando ás mozas a cambiar de sitio, buscando refuxio coas amigas, cerca dun familiar ou dalgún veciño de confianza que estivera pola beira. En grupo tiñan mellor defensa.

Había tipazos que se paseaban altivos co pescozo estirado, como pavos en celo, empurrando cos cóbados ergueitos para abrirse paso en busca dalgunha presa que fose do seu gusto. Polo xeral non tiña problemas para recibir respostas positivas, pero ¡pobre da que lle negara o baile! Pasaría de candidata a diana de chanzas e improperios nun abrir e cerrar de ollos.

E tamén estaban eses tipos normais, nin feos nin guapos, a maioría, que cando non podían entrarlle de fronte á moza que lles gustaba, entraban de costado buscándolle as voltas e as reviravoltas con simpatía e triunfaban, ou non...

Xa digo que eran outras épocas, aínda que non tan remotas.

Boas festas e saúde




A revista pódese mercar na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo


lunes, 11 de junio de 2018

ARTE É FEMININO

ARTE É FEMININO
(EXPOSICIÓN COLECTIVA)


PAZO DA CULTURA DE CARBALLO
Do 8 de xuño ao 15 de xullo de 2018


Pedro Tasende
"Nai" 
(Carboncillo sobre lenzo)


O' Mighelo
"Imperdibles" 
(Acrílico, arume de espiño e imperdibles sobre lenzo)


Eva Facal
S/T 
(Acrílico sobre madeira)


Peter Kramer
S/T 
(Tinta china sobre papel)


Lola Oviedo
S/T 
(Deseño en tea)


María Marticorena
"Hasta los huevos" 
(Vídeo-performance e instalación) (Ver en www.mariamarticorena.com)


Ana García
"Labregas galegas" 
(Fotografía dixital)


Francisco Javier Rodríguez
"Serea" 
(Óleo sobre lenzo)


Damián Varela
"A nosa vida" 
(Talla en madeira con gubias)


Chiña
S/T 
(Mixta sobre tea)


Cristina Castro
"Camille Claudel"
(Lapis e pasteis en cartolina)


Mon Lendoiro
"As mulleres da miña casa e mais eu" 
(Rotulador sobre lenzo)


Mónica Noya
"Podemos contalo" 
(Nº 11 da serie Dourado soño negro) (Fotografía)


Antonio Taracido
"Amor de nai" 
(Serigrafía)


A. M. A
"Deusa / alma"
(Tinta e lápices acuarelables sobre papel)


Esther Chamoso
"Resiliencia" 
(Acuarela e lapis sobre papel)


Teresa Candal
"Dóenme as tetas (dóeme a alma) porque son muller"
(Acuarela, tinta china e acrílica sobre papel fabriano)


Milagros Cotelo
"A familia en feminino" 
(Collage)


Raúl Herrera
"Hansel e Gratel" 
(Acrílico e betume de xudea sobre táboa)