NUNCA MÁIS
MANIFESTACIÓN 1 DE DECEMBRO, 2013
A CORUÑA
MANIFESTO LIDO NAS MANIFESTACIÓNS
DO 1 DE DECEMBRO
Amigas e amigos do país de Nunca Máis:
Grazas por asistirdes a unha nova
convocatoria da Plataforma Nunca Máis.
O noso país segue á deriva, sen goberno de
seu con competencias propias para enfrontar novas catástrofes marítimas. Galiza
segue á intemperie. Os tribunais de xustiza seguen a ditar a inxustiza nas súas
sentenzas. E mentres tanto, o mar segue aí, fronte ás nosas costas, bruando
inverno tras inverno o seu canto desesperado, a súa soidade, temendo -como
non?- que outro petroleiro como o Prestige se adentre nel e invada as súas
augas de negrura, de alcatrán, de morte.
Non é tempo de quedar na casa, de
resignarse, de renunciar á xustiza, ao dereito e á loita. Por iso estamos aquí,
en Compostela, en Vigo, na Coruña, en Foz, en Lugo, en Ourense, en Ferrol, en
Pontevedra, no país enteiro, dando, máis unha vez, un exemplo cívico de
compromiso coa nosa Terra, coa xustiza, coa verdade. Todo o que non fan os que
nos desgobernan, Os que nos guían / e non teñen ollos, como di Bernardino Graña
nun dos seus poemas.
Fronte a nós navega aínda un petroleiro
cargado de mentiras: o petroleiro da burocracia e do poder, esa inmensa marea
negra que intenta afogar o clamor da xente sen saberen eles que nin o alcatrán
todo do mundo calará a nosa voz, a nosa esixencia de dignidade e de xustiza, o
noso berro de Nunca Máis.
Todas e todos nós lembramos aquela marea
negra do Prestige que cubriu de petróleo o noso mar e as nosas praias, aquela
marea negra que trouxo tanta dor aos nosos corazóns e que tanta carraxe nos
provocou ao contemplarmos con estupefacción aquela xestión política do goberno
do Estado e da Xunta de Galiza, cada día e a cada hora máis disparatada.
Mais, fronte ao tópico da resignación do
pobo galego, Nunca Máis foi a resposta dunha sociedade viva, dun país que puxo
de manifesto a súa propia forza como pobo e que nos fixo sentir o orgullo de
sermos galegas e galegos. Foi aquela a maior mobilización social do mundo
diante dunha catástrofe ecolóxica. E fixémola nós, aquí, en Galiza. A bandeira
de Nunca Máis percorreu o planeta como símbolo da nosa loita e da nosa
dignidade contra a marea negra, contra a manipulación e contra a mentira.
E aquí estamos de novo, reclamando xustiza,
lembrando o que aínda queda por facer e esixindo solucións concretas:
1. Os medios necesarios para facerlle
fronte a calquera outro accidente marítimo que se poida producir nas nosas
costas;
2. a xestión definitiva para o fuel do pecio Prestige;
3. o seguimento da saúde das persoas que limparon o chapapote;
4. as competencias propias en seguranza e salvamento marítimo;
5. o retorno da Seguridade Marítima á xestión pública;
6. o control efectivo do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra;
7. e medidas lexislativas que rematen coa impunidade dos que contaminan
O Goberno de Rajoy e a Xunta de Feijoo van
presentar recursos perante do Supremo para acalar as nosas voces e as nosas
conciencias da dignidade con trinta moedas de ouro, mais Galiza non ten prezo e
a Plataforma Nunca Máis, ademais de demandar que quen contamina pague, vai ir
máis aló dando un paso nos tribunais para que os responsábeis políticos da
xestión daquela crise sexan finalmente condenados por provocar unha das maiores
catástrofes ecolóxicas do mundo, porque ese delito non pode ficar impune. Once
anos despois seguen a existir razóns para a indignación, a reivindicación e a
contestación social.
A Plataforma Nunca Máis acordou, por
unanimidade, presentar Recurso de Casación perante o Tribunal Supremo. Non por
ter confianza na xustiza española, pois xa vimos que o xuízo foi unha farsa, o
proceso unha fraude e a sentenza un insulto. O noso obxectivo é saír do
labirinto do aparello da xustiza española e seguir até o Tribunal Europeo de
Dereitos Humanos de Estrasburgo, até conseguirmos unha sentenza exemplar que
sinale un antes e un despois no delito ambiental.
Durante a longa travesía xudicial do
Prestige, o conxunto da cidadanía galega estivo persoada no caso a través de
Nunca Máis -e tamén hai que dicilo-, grazas ao esforzo e á xenerosidade da
Comisión Xurídica de Nunca Máis. Mais agora, o longo camiño que queda por
percorrer na vía xudicial, no Tribunal Supremo e no Tribunal de Estrasburgo,
témolo que facer como pobo galego autoorganizado en Nunca Máis, asumindo
colectivamente, coa axuda económica de todas e todos nós, os custos que leva
consigo a presentación deses recursos. Este ten que ser o recurso de Galiza, o
recurso do pobo galego, ao que temos que contribuír cada un e unha de nós cos
seus propios euros, cada quen co que libremente desexe. Ou recorremos nós esta
inxusta sentenza ou ninguén o vai facer por nós. Nin Rajoy nin Feijóo van
procurar que se faga xustiza; iso sabémolo ben.
Nunca
Máis á incompetencia política!
Nunca Máis mareas negras de chapapote!
Nunca Máis mareas negras de manipulación e de mentiras!
Nunca Máis outro petroleiro estendendo a morte!
Nunca Máis!!!