(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO
TEATRO EN ESTADO PURO
(A
propósito de “Hamlet” da Companhía do Chapitô)
SANTIAGO PAZOS
O que fai a Companhía portuguesa do Chapitô
é teatro en estado puro. Adaptación e interpretación creativa dun texto potente, nesta ocasión “Hamlet”
de Shakespeare. Expresión corporal e xestualidade enxeñosa, sen moitos
artificios, máis ben inclinando a balanza cara a sinxeleza, son as súas sinais de identidade. Con catro focos de luz
situados estratexicamente nun escenario baleiro e uns elementos cotiás que
forman parte do propio vestiario, neste caso garabatas, que se transformarán en
múltiples utensilios son capaces de crear un mundo no que pode pasar calquera cousa que sexa necesaria para expresar o que se ten que contar, ata a brisa xélida dunha ánima que pasa desacougada.
Sitúan Hamlet na actualidade, nunha
multinacional chea de traballodor@s traxead@s, sen perder fidelidade a trama marcada polo autor. Asasinatos,
traizóns, vinganzas, amor, dolor e honra seguen a estar presentes aínda que
presentados dende un óptica desenfadada, e por momentos cómica, que racha con
esa visión litúrxica e arrogante da traxedia.
Xa digo. O escenario está baleiro de
obxectos superficiais. Os focos de luz son unha porta xiratoria, un
ascensor, ou a foxa dun cemiterio. As garabatas serán armas, pas, ou teléfonos móbiles,
entre outras moitas cousas. E eles, os actores, fundamentais, son personaxes
ambivalentes e versátiles, corpos dúctiles cunha capacidade extraordinaria
de transformación para asumir, con facilidade, roles escénicos cheos dunha imaxinación desbordante. Xeniais.
É a cuarta vez que veñen ao FIOT e nunca
defraudan. Estou seguro de que seguirán vindo porque son teatro de verdade, sen artificios, feito cunha intelixencia sobresaínte. Imprescindibles e excepcionais. Poderemos
ver, e xa temos visto, moitas adaptacións de Hamlet, pero coa personalidade que
lle imprimen os de Chapitô non atoparemos moitas. Parabéns para todos os que
forman parte deste proxecto teatral tan relevante e ao FIOT por confiar neles.
Saúde y larga vida…