viernes, 25 de noviembre de 2022

GRUPO CHÉVERE

TEATRO DE TRINCHEIRA E DIGNIDADE

 (A propósito de “N.E.V.E.R.M.O.R.E” do Grupo Chévere en Vimianzo)

 

SANTIAGO PAZOS

ARTIGO PUBLICADO EN LA VOZ DE GALICIA

Antes de nada felicitar a Chévere porque, despois de gañar o Premio Nacional de Teatro en 2014, acaban de obter o Premio da Crítica de Artes Escénicas de Galicia 2022 por esta obra que fala da verdade, da memoria, da dignidade, das debilidades que provoca a subsistencia, ou a avaricia, e a demostrada incompetencia dos que tiñan a responsabilidade (ben pagada) de coidar polo interese común e que se puxeron de costado para fuxir de verse salpicados polo chapapote que non deixaba respirar o noso mar.

 

Como dicía Manuel Rivas, hai unha Galicia distraída e outra que está a espigar. E con esta segunda é coa que traballa este Grupo de Teatro para chamar a atención desoutra adormecida e taciturna que se deixa manipular a conciencia, que sabe que lle están a mentir pero en vez de reaccionar prefire pensar que vive nunha condena divina.

 

Aínda que o título fai referencia a ese gran poema “O corvo”  de Poe, do que fala é do afondamento do petroleiro Prestige en 2002, da desastrosa xestión política e administrativa que se fixo, dos movementos cidadáns “Nunca Máis” e “Burla Negra”, dos comportamentos solidarios da poboación ante aquela marea negra de chapapote que asolagou as nosas costas e tamén, como seguindo un fío condutor secuencial, da pandemia do Covid en 2022, xa que moito material que se gardou daquela catástrofe foi usado para guarecerse da peste recente.

 

Chévere fan teatro político na súa acepción máis ampla, a que define todo aquelo que se relaciona cos asuntos públicos. E fan teatro documento porque se mergullan nas hemerotecas e arquivos radiofónicos para armar un relato crible. Dramatizan uns feitos que de tan reais case parecen inventados. Por iso reproducen as conversas dos responsables, as roldas de prensa e as declaracións de uns e outros sen poñer nin quitar unha coma.

Pero non esquezamos que é teatro, que ese instante único de conexión entre creadores e público ha de servirse de instrumentos cerimoniais específicos. Aí está esa escenografía que impacta, esa cortina de fundas brancas esperando polos corpos solidarios que as devolverán ennegrecidas de chapapote, ou eses paraugas negros que recordan a manifestación da dignidade en Santiago á que fomos moitos dos que enchemos o patio de butacas. E por riba de todo esa armazón sonora artesanal, xenial en todos os aspectos, da que son artífices os propios actores. Estupendos. Non nomeo a ninguén porque o NEVERMORE de Chévere xurde dun traballo de grupo admirable.

 

Tamén xurde da memoria colectiva, da conciencia común. Ao final, actores e público, posto en pé, volvemos berrar “Nunca Máis” aplaudindo con xenerosidade ese traballo tan ben feito, e sabendo interiormente que, por desgraza, volverá a pasar. Mentres, na Sala de Exposicións da Casa de Cultura de Vimianzo as grandes mulleres do mar pintadas por Viki Rivadulla puñan unha nota de cor e valentía.

 

Se non estou mal informado, esta obra poderase ver na Coruña a principios de decembro. E eu, de poder ser, repito. Xa me entenden...     

 

 

 

Saúde e larga vida…

 

 

 

  

viernes, 4 de noviembre de 2022

XOSÉ A. TOURIÑÁN

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

BOAS INTENCIÓNS

(A propósito de “Recortes, caneos e outras formas de driblar” de CDG e AINÉ Produccións)

SANTIAGO PAZOS

 

(FOTO DE VANESSA RÁBADE)



Non sei como será o futuro libro que publicará Nacho Carrretero sobre o mundo do fútbol, pero se nos remitimos a esta adaptación teatral, feita por José L. Prieto, a viaxe ao interior de todo o que rodea a este deporte de masas é bastante completa. Trátase da paixón dos seareiros, a excitación dos profesionais, os egoísmos persoais, o labor de equipo, a corrupción, a homofobia e o desprezo polo fútbol feminino, os intereses extradeportivos ou periodísticos e, en definitiva, de aparencias e cloacas.

 

Eu non diría que é teatro documental, aínda que estea baseado en investigacións periodísticas rigorosas, xa que o que se impón por riba de todo é unha estrutura teatral que compaxina o espectáculo musical coa comedia moralista. Os monólogos de Touriñán, facendo de si mesmo con moi boas intencións, xogan con esa versatilidade sen complexos na que é un mestre. Por algo é cabeza de cartel e, todo hai que dicilo, como showman non decepciona. Ademais, temos que aplaudir a valentía de liderar e producir un espectáculo destas dimensións nos tempos de incerteza que vivimos. Dous aspectos polos que recomendo que non dubiden en ir velos.

 

Outra cousa é a obra no seu conxunto. Supoño que os afeccionados a ese deporte e os que gustan das operetas musicais (dito sen acepción despectiva) saíron encantados. Mais eu, que non desfruto moito nin co fútbol, nin cos musicais, botei de menos algo máis de profundidade crítica na análise das bondades e corruptelas diversas das que tratan. Aínda que é certo que quedan bosquexadas como nunha especie de gags que se van entrelazando.

 

Si me gustou moito ese espazo escénico de Coti, con esas trampas na grada que lle facilitan a Manuel Cortés destacar entre o resto do elenco que, en xeral, están todos moi correctos. Manteñen un ritmo áxil, por veces frenético, e executan as coreografías e os números musicais con soltura. Profesionais aos que se lles nota, seguramente por coincidir en Fariña,  unha sintonía especial.

 

Máis aló que a min me divirtan, ou me aburran, este tipo de espectáculos, si me interesa observar o deporte como fenómeno de masas, e esta obra ofrece unha visión honesta e desenfadada sobre o que amosa e esconde ese mundo dominado por tantos intereses escuros e paixóns desenfreadas. Por iso espero que lles vaia ben nesta xira que inician por toda Galicia.

  

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

 

 

  

miércoles, 2 de noviembre de 2022

BLANCA PORTILLO

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TÉCNICAS PARA ACOUTAR O TEMPO, O DISCURSO E O SILENCIO

 (A propósito de “Silencio” de Blanca Portillo e Juan Mayorga)

SANTIAGO PAZOS 

BLANCA PORTILLO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Na miña vida teño acudido a escoitar centos de conferencias sobre temas diversos. Profundas, aburridas, liviás ou divertidas. E sempre estiven moi atento en observar os métodos que cada conferenciante ten para manter a atención do público e  conseguir que non se durma nos loureiros. Existen múltiples artimañas, intercalar un comentario cómico de cando en vez, facer unha parada dramatizada, poñer caras de sorpresa ou incredulidade, utilizar varias tonalidades e volume de voz para resaltar ou refusar aspectos concretos do discurso, etc. etc. etc.

 

Mais no teatro eses métodos son pura tecnoloxía, acoutar os tempos, ritmos, pausas, silencios e parlamentos, é a ferramenta fundamental que director e actores teñen para traballar e facer realidade e crible o que comezou ás veces como un soño ou unha idea peregrina, e outras como produto dun sisudo análise como fai Juan Mayorga neste discurso de ingreso na Real Academia Española. Longo para moitos (100 minutos), e non excesivo para outros que houberamos gozado de media hora máis. Porque ao teatro tamén imos a aprender e iso require dun esforzo que facemos con moito gusto e agradecemento.

 

Sen dúbida, aparte dese texto tan ben escrito e dunha erudición admirable, a responsable última é unha actriz, Blanca Portillo, que domina con pericia todas esas ferramentas mencionadas antes. É coma un camaleón en escena que pouco a pouco te vai engaiolando, enfeitizando, sempre sorprendente. Pasa de ser un Académico vestido de frac, e que move os pes coma un pingüín, a converterse nunha actriz que é capaz de interpretar, a modo de bosquexo, a personaxes como Bernarda Alba, Antígona, Hamlet, Woyzeck, ou mesmo Sancho Panza subido nunha cadeira que trota coma un burro deslombado polos textos de Cervantes.

Blanca Portillo é unha actriz que procede do clasicismo, cada movemento, cada xesto, están medidos con cartabón, instrumentalizando esa adusta escenografía e iluminación en beneficio da labor interpretativa para dar claridade a un discurso complexo, e por tanto espeso, no que se fala de Kafka, Rulfo, Bousoño, John Cage, Buero Vallejo, Francisco Nieva, ou de Lorca. E tamén, sobre todo, fálase de teatro, tanto textual como formal, da súa estrutura e da función que cumpre na sociedade. Que ledicia!

 

Concordo con Mayorga en que o actor ten que escoitar e interpretar os silencios do público. Onte no Pazo da cultura de Carballo non se movía unha cella mentres esa gran actriz controlaba espazo e tempo. Emocionados moitos pola intensidade e profundidade discursiva e interpretativa. Se parecía teatro e estabamos nun teatro, sería teatro?


Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

  

martes, 1 de noviembre de 2022

PABLO MESSIEZ

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

PUNTOS DE FUGA

 (A propósito de “La voluntad de creer” de Buxman e Teatro Español)

 

SANTIAGO PAZOS 

LA VOLUNTAD DE CREER (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

 

Esta obra ven a confirmar o que xa intuímos en “Los brillantes empeños” e comprobamos en “Todo el tiempo del mundo”, un estilo de facer teatro baseado na procura de encontrar ese punto de fuga que nos permita comprender ou, polo menos, intentar explicar esa parte etérea e sublime que marca as nosas vidas máis aló da subsistencia corpórea.

 

Se os temas centrais foron antes a poesía utilizada como instrumento de comunicación abstracta para non falar do que é preciso, ou a idealización dun presente soñado no que todo é aparencia, aquí, Pablo Messiez, escolle a Fe e as crenzas como escusa para seguir a falar da propia existencia do ser humano como algo máis que unha criatura darwiniana.

 

A posta en escena tampouco é moi diferente deses exemplos citados. Vemos unha continuidade estética e formal que impactan e identifican perfectamente a este creador tan honesto como admirable. Iso si, estruturalmente recordoume moito a aquela marabillosa “La función por hacer” de Miguel del Arco. Nada raro, por outra parte, xa que teñen proxectos en común.

 

Sabe que sen público non hai teatro e que as supostas paredes clásicas desapareceron cando uns personaxes lorquianos prendérenlle lume. Por iso os actores parlamentan entrecruzando textos, por veces contraditorios, e dialogan como se estivesen filosofando sobre o que é divino ou humano mentres lle piden ao público que participe nese debate irresoluble. En cuestións de Fe, cada quen é dono de crer ou dubidar.

 

O público fioteiro gardaba un silencio sepulcral, expectante por ver se a esperanza é un concepto que aínda ten vixencia. Estamos tan de volta de todo que só o teatro, este teatro, o de verdade, é capaz de prender esa luminaria que nos permite seguir tendo confianza en que nunca nos comerán as ratas. E por moito que sabemos que o mal existe, algo insatisfactorio e irracional mantennos vivos e alerta. Se o mal existe, a bondade tamén será dona do seu espazo.

 

Sempre insisto, como sociólogo, que as sociedades necesitan ter unha especie de argamasa, sexa cal sexa, para poder subsistir.  E parece que a Fe para Messiez, exposta como unha opción máis, pode cumprir esa función. Non sei! Como ben di un dos actores, estamos aquí ata que xa non estamos máis.

 

Pero ben, aquí falamos de teatro. O público aplaudiu con ganas, moitos postos en pé. Os actores, o director, a posta en escena, o tratamento temático, luces, escenografía e música están perfectos. Mais eu esperaba algo que non encontrei. As expectativas son moi traidoras. Un precisa confrontar e non encontra con quen.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




 

 

 

PATRICIA DE LORENZO

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

DEBUXOS DO NATURAL

(A propósito de “Pequenas mentiras para contar grandes verdades” de Patricia de Lorenzo e Grupo Chévere)

 

SANTIAGO PAZOS


PATRICIA DE LORENZO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Cando Patricia de Lorenzo di, como fixo o outro día na Escola do Espectador e senón entendín eu mal, que non é actriz, está mentindo e ao mesmo tempo proclamando unha gran verdade. En todas as obras que vin súas, case todas nas que ten traballado, actúa de xeito tan natural que mesmo parece posuída por esas personaxes conseguindo unha simbiose difícil de detectar.

 

Sen embargo, nesta peza teatral que acabamos de ver no OTNI, empezando pola declaración de principios  que podemos inferir como consecuencia de título tan revelador como “Pequenas mentiras para contar grandes verdades”, sen profundar psicoloxicamente nesas mulleres representadas, fai un traballo de reconstrución interpretativa moi interesante. Contradicindo, por suposto, esa afirmación de que non asume eses traballos como parte dunha profesión determinada que te identifique no DNI como experta titulada.

 

Mais eu teño que dicir que Patricia non só é unha experta en dar vida a personaxes fundamentais para o teatro galego, rompendo con ese rol subalterno das mulleres, que ela mesma denuncia, coma os que fai en “Citizen” ou “Eroski paraiso”, senón que ademais representa un estilo de facer teatro que seguramente creará escola.

 

Así e todo, debo recoñecer que esperaba da nosa xoglaresa algo máis que un popurrí de escenas extraordinarias que xa coñecía. Pensaba que esa actriz, que non se recoñece como tal, ía espirse para nós amosando iso que esconde, sexa o que sexa, debaixo da pel de tanta ficción coa que nos ten impresionados.

Recordo ir ver ao gran transformista Paco España nun pequeno Cabaret na Praza de Atocha de Madrid no que, despois de actuar caracterizado de Lola Flores, ía quitando capas de pintura, puntillas e volantes, para que vísemos en directo a ese home tal como era en realidade. E dicir, un actor con múltiples caretas.

 

Así que desde a admiración que lle profeso tanto a Patricia de Lorenzo como a Xesús Ron, como director, recoméndolles que lle dean unha volta a esta proposta teatral que, alo menos a min, decepcionoume por falta de un relato convincente.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

 

 

  

miércoles, 26 de octubre de 2022

AMOR TOTAL

 

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TODO É TRANSITORIO

 (A propósito de “Freak” de Amor Total)

SANTIAGO PAZOS


FREAK (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Todo na vida é transitorio, sentencia unha das protagonistas desta descarnada obra, como remedando sen querer a Jorge Manrique cando dicía: “Nuestra vida son los rios que van a dar en la mar, que es el morir”. Un destino inevitable que obriga a ser sincero cun mesmo, nalgún momento da vida, e sen prexuízos chamar as cousas polo seu nome e abrirse en canal ante esoutra persoa que pensas que te pode comprender.

 

Tía e sobriña adoecen, neste caso concreto, entre a excitación da máis moza por pescudar con insistencia e inquedanza no coñecemento que, supón, dá a experiencia,  e a vergonza da primeira que prefire, nun primeiro momento, gardar silencio. Por iso non hai dialogo entre elas ata case chegado o final, despois de mirarse no espello, por separado, mentres artellan un discurso franco e honesto.

 

Son dúas princesas de fábula descompostas e rotas por motivos moi diferentes. Por iso a linguaxe, as expresións que utilizan son tan directas: “me cabrea no correrme”, “el coño huele a bacon”, “la polla...”. Falan como o facemos cando estamos en confianza, desfreados, e perdemos o medo a nomear o noso corpo sen poñernos vermellos.

 

Si, é unha obra na que o sexo é tratado con crueza e con dozura, todo a un tempo. Na mesma secuencia a inocencia é tan vulgar, que a perversión parece anxelical. E as dúas opcións compleméntanse con tanta naturalidade que provoca en parte do público certa incomodidade tenra.

 

O descubrimento do sexo, o coñecemento do propio corpo e o seu goce, só ou acompañad@s, a explotación do mesmo, o fraude que supón que iso non era tan ideal como cho contaran nin tan noxento como pensaras. Nada que non coñecéramos, pero que tampouco estamos acostumados a escoitar con tanto descaro en directo e sen profilácticos.

 

Podía falar sobre a interpretación desigual das dúas actrices, da escenografía psicanalítica, do vestiario fetichista, dese texto voraz e desapiadado de Anna Jordan (excepcional), da dirección tan austera de Paula Amor que pon o aceno onde é preciso sen facerse notar pero marcando carácter e control dos tempos. Podía dicir, e digo, que o público fioteiro demostrou que xa é maior de idade.

 

Que ledicia confirmar de novo (non me canso) que todo iso que agocha a realidade xa no lo contan no teatro. Menos mal...    

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


 

  

QUICO CADAVAL E CHUSA PÉREZ DE VALLEJO

 

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

A SIMBIOSE PERFECTA ENTRE PALABRA E XESTO

 (A propósito de “Contando polos dedos” de Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo) 

SANTIAGO PAZOS

CADAVAL E CHUSA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Cadaval é o mestre por excelencia da narrativa oral galega. A súa presenza, dentro ou fora do escenario, sempre esconde un coello debaixo da boina galega fabricada en Navarra que te vai sorprender. Non importa se o conto é un reconto que seguramente oíches cen veces, ou aquela historia inventada pola imaxinaría popular, ou polo propio Quico, que esqueceras que xa escoitaras cando eras cativo. Como lle pasou a Milagros Cotelo que, oíndo o da pelexa entre o canteiro e o abade, recordou que seu pai xa llo contara moitas veces, sendo nena.

 

A linguaxe, a memoria e a narrativa de Cadaval é unha especie de serpe descoñecida que se retorce sibilina buscando, entre o incauto público, un oco para colarse, xogar con el, e divertirse. Improvisa, pero non tanto como parece. Dende logo, ao meu parecer, non textualmente. É certo que ten unha capacidade case hipnótica de contar a mesma historia moitas veces e que ti penses que sempre é nova. Claro que falo dende a miña percepción obnubilada pola admiración que lle teño.

 

Eu sempre lle vexo algo distinto por unha causa fundamental, considero que é coma unha especie de trileiro que controla o tempo e espazo escénico ao seu antollo. Por iso aínda que pareza que se repite, non é certo. É un narrador extraordinario, unha especie de malabarista da palabra que sabe como dominar os silencios, que mira ao espectador sen complexos para preguntarlle directamente se se sente cómodo, alegre, sorprendido ou aburrido.

 

Nesta ocasión ía acompañado por Chusa Pérez de vallejo para facer unha especie de linguaxe de signos un pouco especial, no teatro xa sabemos que nada é o que parece. Fan boa parella. Compenetrados e confidentes.  Chusa, neste caso, aporta frescura, desenfado e moita creatividade. Parabéns para ela.

 

Pido desculpas, iso si, para os que pensen que se me nota moito que son fan incondicional de Quico Cadaval, pero de cando en vez penso que me podo permitir estas licencias que, por outra parte, son loanzas de sobra merecidas.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

  

PONT FLOTANT

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

SÓ SOMOS UNHA PARTÍCULA DE PO PERDIDA NO UNIVERSO

(A propósito de “Eclipse total” de Pont Flotant)

SANTIAGO PAZOS

 

ÁLEX CANTÓ E JESÚS MUÑOZ (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Cando acudo no verán a unha desas excursións nocturnas que se organizan para ver os ceos, con Jorge Mira de introdutor, erudito e xenial, sempre insiste en que hai máis estrelas no universo que graos de area en todas as praias da terra. E se me permiten facer certo paralelismo, é o mesmo que contan Pont Flotant, neste “Eclipse total”, en referencia a insignificancia do ser humano na historia de ese universo. Palabra, ou concepto, tan enorme que cando a pronuncias parece que empacha.

 

Poñan agora de fondo musical “Il mondo” de Jimmy Fontana (canción que canta en directo Jesús Muñoz) e reflexionen, sen dramatismos innecesarios e sen “lágrimas manipuladoras”, sobre o paso de cada quen por este mundo, sobre as relacións familiares ou de amizade. Rememoren minuciosamente eses momentos, sutís ou bastos, que marcaron esa vida que está a piques de terminar. Inexorablemente, a morte chega sempre por sorpresa e precisamos irmos coa tranquilidade que non foi un erro vivir. Aínda que, seguramente, teñen razón eses que din que a vida está sobrevalorada.

 

A dramaturxia admirable de Pont Flotant (Álex Cantó, Joan Collado, Jesús Muñoz e Pau Pons) xurde dun traballo de investigación e documentación (recordemos as referencias á Posidonia ou ao Big Bang) serio e contrastado sen perder esa visión abstracta sobre a crueza dos datos que o teatro ten que impoñer sempre.

 

A escenografía metafórica, con esa plataforma circular que xira coma o propio mundo con eses globos que semellan ser planetas e, ao mesmo tempo, con ese realismo costumista representado por esa gran mesa familiar na que as confidencias son a expresión simplista das relacións persoais, familiares e sociais, crean espazos paralelos mais non contraditorios.

 

E cabe destacar esa interpretación extraordinaria (de Álex e Jesús), na que dan voz e forma a un lote de personaxes sen perder en ningún momento naturalidade e ritmo. Mesmo utilizan os seus propios nomes para deixar constancia desa honestidade profesional que tan poucas veces vemos.

 

E non esquezamos esa coidada estética do material que usan para ambientar cada escena, eses rolos de tela coa historia inacabada do universo, esa primeira tea que contén a súa biografía familiar e vital, ou ese cúmulo de roupa sobre dos corpos inertes como alegoría do paso do tempo.

 

Ningún elemento e fortuíto. Todo nesta obra está pensado e medido con equilibrio para non excederse nin perderse nese sentimentalismo barato do que tanto se abusa no mundo do espectáculo.  Din os flamencos, cantantes e bos afeccionados, que para distinguir aos xenios tes que sentir unha especie de belisco nas entrañas. Eu onte sentín algo parecido vendo ese Eclipse total. Se queren xa poden apagar “Il mondo” ou poñelo en bucle. Grazas.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


SAMBUSECK

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

VIVINDO FÓRA DA PAISAXE

 (A propósito de “Impalpable” de Sambuseck) 

SANTIAGO PAZOS

SAMBUSECK (FOTO DE VANESSA RÁBADE)


“Neste pobo non hai paisaxe”, di unha das intérpretes de “Impalpable”, obra baseada na vida e textos de Manuel Puig, o escritor arxentino de “Boquitas pintadas” ou “El beso de la mujer araña”. Unha frase que resume a desolación na que se encontran as mulleres protagonistas desta historia na que a única forma de fuxir da realidade asfixiante na que viven é soñar e esperar. Soños concentrados nunha pantalla cinematográfica na que a ficción é o azucre que axuda a que o tempo de espera pase e a ilusión de trunfo non desvaneza.

 

A época (anos 50), a dramaturxia, os diálogos, a vestimenta, o ritmo, a escenografía, a música, a cadencia verbal e interpretativa, semellan ser parte dun serial filmado en 16mm que se proxecta coma se fora un bucle recorrente para adormecer o tempo. É un tipo de teatro arcaico, amaneirado e aburguesado na forma e rebuscado e transgresor no discurso. Unha especie de contradición na que vive moita xente que loita por romper coas rutinas pero non ten galadas para facer a maleta e fuxir, incluso se foxe necesario, dun mesmo.

 

Como dicía Severo Sarduy en “Cobra”, a escritura é o arte de descompoñer un orde para compoñer un desorde.  E no teatro esa dicotomía esquizofrénica é a caluga vertebral que o distingue doutras manifestacións artísticas. Por algo esa literatura neobarroca de Sarduy era tan teatral.

 

En Impalpable usan os zapatos de tacón para falar por teléfono. Unha exquisita licencia abstracta que define con perfección alegórica e ese personaxe, Manuel Puig, que mantén unha presencia intanxible durante toda a función.

 

Non considero que sexa esta unha gran obra para recordar eternamente, pero si gocei desa estética cinematográfica e da capacidade que ten esta compañía para conxelar o tempo. E considero preciso remarcar que os códigos de comunicación teatral teñen características particulares que dependen de condicionamentos que non sempre coñecemos.

 

O importante e mirar e escoitar con interese e aprehender. Como Javier, o xove camareiro da cafetería do Pazo, que sempre me insiste en que non sabe se lle gusta o teatro, ou non, pero desfruta moito de vernos a afeccionados e profesionais tan buliciosos e contentos cando hai función.

 


Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


 

NATALIA FERNANDES

 

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

DESFACENDO ENTORTOS

 (A propósito de “¿Podemos hablar de Caetano?” de Natalia Fernandes) 

SANTIAGO PAZOS

NATALIA FERNANDES (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Como xa saben, unha das miñas seccións preferidas do FIOT é o OTNI. Ese Obxecto Teatral Non Identificado no que cabe calquera tipo de proposta escénica alternativa e na que se mesturan as diversas disciplinas que forman parte dese mundo ambiguo e polivalente das Artes Escénicas. E os debates que se producen ao finalizar a función soen ser enriquecedores tanto para o público asistente como para os profesionais que se prestan amablemente a facelos.  Eu acostumo a participar neles, unhas veces porque teño moito interese nalgún aspecto concreto e outras moitas, a maioría, porque me da moita mágoa que ninguén corresponda a esa vontade elegante que ten o artista para conectar co espectador máis aló da propia obra. Incluso me parece unha falta de consideración quedar calados.

 

Agora ben, igual que os artistas teñen que gozar da liberdade de expresión en toda a súa extensión, tamén os espectadores temos certo dereito a patexar se o consideramos oportuno. Non foi o caso. A miña participación no debate desta obra non pretendía, de ningún xeito, faltarlle ao respecto á intérprete por moito que tanto ela, como parte do público, o entendera así. Conseguindo con esa errónea interpretación dos meus argumentos que a propia organización do FIOT me censurase publicamente.

 

Non sempre temos a capacidade de expresar con precisión aquelo que queremos dicir. Por iso a lingua sempre será bífida, o que fala e o que escoita forman parte dun dueto que non sempre goza da harmonía necesaria para se entender. Puiden excederme na miña argumentación e por iso pedín desculpas sinceras. Desculpas nas que insisto polos efectos negativos que as miñas palabras ocasionaron. Nunca pretendidos, nin intencionadamente vexatorios, se é que así foron entendidos.

 

Se cuestionar que unha obra en proceso de creación, pagada con cartos públicos galegos (AGADIC e Concello de Carballo) a través dunha beca de residencia, se faga totalmente en castelán e que incluso, sendo esa intérprete hispanobrasileira, teña a ocorrencia de traducirnos unha canción do gran Caetano Veloso do brasileiro ao castelán, sendo o público galego, paréceme que non é unha observación corrosiva e si moi pertinente.

 

E si teño que recoñecer que quizais non era o lugar, nin o momento oportuno para abrir un debate, que considero imprescindible, sobre eses arquetipos que condenan a mulleres e homes a depender de determinadas medidas físicas para traballar en certos sectores profesionais. Aspectos que nada teñen que ver coa capacidade e creatividade persoal.

 

Unha mágoa que en vez de falar dunha obra que considero unha homenaxe necesaria sobre Caetano Veloso e a Bossa Nova, cunha interpretación afortunada, con forza e sensibilidade, con plasticidade e dominio do movemento, con poder para transmitir e concitar ao público a participar, teña eu que dedicar este artigo a explicarme.

 

Desculpen que abuse da súa paciencia. Natalia Fernandes repite varias veces que o antroido non é alegre. En iso coincidimos. Dou por feito que non todos nos achegamos ao Cruceiro das ánimas polos mesmos motivos.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

jueves, 20 de octubre de 2022

REBORDELOS

 

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

DEPENDENCIA E BRECHA DIXITAL

 (A propósito de “Amantis” de Rebordelos)

 

SANTIAGO PAZOS


Como xa teño dito, en moitas ocasións, o labor dun festival de teatro pagado con cartos públicos ha de ter unha sensibilidade moi especial para atender e achegarse a públicos diversos. No caso do FIOT non só cumpre con ese cometido senón que cada ano intenta reforzar esa diversidade. As consecuencias dese esforzo son evidentes, crear afección e rachar con esa etiqueta de que o teatro é unha actividade cultural que só entende unha elite arcaica e distinguida.

 

O exemplo máis palpable é o FioTeen. Espectáculos feitos especialmente para adolescentes, que tratan de temas que lles tocan de cheo, que falan deles e os seus problemas en primeira persoa. Non coma un extracto de poboación que vive afastada nun gueto, senón como parte dunha sociedade complexa na que son un sector moi importante. Son o presente, a vangarda que construirá ese mundo futuro que, todos confiamos con certa esperanza, será mellor que o actual.

 

En “Amantis”, de Rebordelos, o actor Roque Ruiz cóntalle a un público escolar, que non pasa dos 16 anos, a súa experiencia dixital coas redes sociais (son coma un tren que vai a toda hostia) e a brecha que ese dominio, e dependencia, crea con seus pais e a sociedade na que vive, incluídos os compañeir@s de xeración.

 

Dillo na lingua que mellor entenden, cos códigos de conducta que coñecen perfectamente por serlles propios, (para ser alguén tes que ter un nome que se identifique cunha marca única e persoal). Interactúa de xeito natural e os rapaces responden desinhibidos de sexo, de porno, de amor, de fracaso, de éxito fácil, de esforzo, de abandono familiar, de acoso, de bullying escolar. Recoméndalles que teñen que crear o seu propio dicionario, “hai palabras para todo”, insiste.

 

As tendencias xeracionais xa non se definen nos departamentos de socioloxía, por moito que estes traballen con seriedade e metodoloxía científica, xa que o marketing económico controla cada aspecto que atinxe aos cambios de comportamento social.

 

Teatralmente, a obra non está especialmente coidada. Supoño que problemas de dirección, unha iluminación e unha escenografía que non se corresponden coa época tecnolóxica na que vivimos (problemas de presuposto, sospeito), os cambios de ritmo rompen co discurso e deixan, por veces, ao actor perdido no limbo da improvisación. Menos mal que a Roque Ruiz non lle faltan ganas de facer un bo traballo. Incluso nese mal Rap do final vese que ten dotes para converterse nun gran actor.

 

Mais, deixando esas minucias de repugnante a un lado, o importante é que a rapazada gozou do teatro sentíndose protagonista da súa propia realidade.

 

 

 

Saúde e larga vida…

 

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA