lunes, 21 de marzo de 2022

ALBERTO GENDE

ENCHER O BALEIRO 

DE ALBERTO GENDE


SANTIAGO PAZOS

 

Non resulta sinxelo escribir sobre Alberto Gende  cando acabas de ler esa minuciosa, exhaustiva e sentida loanza do seu irmán Xurxo (poeta de lembranzas e mudanzas a navalladas), no completo libro-catálogo “Encher o baleiro”, deseñado con todo mimo por Juan Félix (outro Chapela), que se publica con motivo desta merecida Exposición Homenaxe, no Pazo da Cultura de Carballo, cando se compren dez anos do pasamento do artista. En realidade, tería que copiar aquí ese texto e non dicir máis nada.

Pero tamén é certo que a personalidade de Alberto suxire e merece valoracións diverxentes, fundamentalmente por esa polifacética dedicación profesional, teórica e vital da que facía gala, xa que sabía que no mundo das artes, cando viaxas na procura dunha linguaxe propia, os camiños íntimos e persoais por percorrer e os procesos creativos nos que mergullarse esixen asumir riscos dos que non se pode fuxir. Un viacrucis cheo de encontros, desencantos, depurados descubrimentos e un cúmulo de contradicións que foxen das certezas absolutas, por ser estas o maior obstáculo para acadar esa identidade que representa o interior nu do verdadeiro artista.


E sendo certo que nunca rexeitou admitir todo tipo de influencias, considero innecesario adscribilo a un movemento artístico concreto, nin citar a ningún mestre ilustre, porque cando un artista que dende tan mociño consegue ser un referente admirado, e que concita ao seu arredor tantas sensibilidades alleas, só indica que detrás da súa obra hai verdade e sincero compromiso. Por iso sempre foi fiel, dende o debate interior e por tanto abstracto, a esa inquedanza por configurar espazos estéticos e conceptuais únicos que lle conferían un valor creativo engadido, e cuxo resultado excepcional podemos comprobar nesta completa Retrospectiva.

Penso que tanto o libro catálogo como o deseño expositivo acertan interpretando a inxente produción de Alberto, dende unha narrativa que amosa as diversas disciplinas nas que pescudou, sen presentalas coma compartimentos estancos, respectando certa cronoloxía, para facilitar o tránsito do lector espectador nesa viaxe, inevitablemente diversa e invasora, pola vida e obra do artista.


E se facemos un pequeno resumo da súa produción, temos que destacar que como deseñador gráfico, tanto en logos, en carteis, ou programas, podemos ver obras nas que consegue concentrar con intelixencia as esencias básicas da mensaxe que se pretende transmitir en imaxes que impactan. Como debuxante simplifica o trazo para destacar só o que imprime carácter. Como fotógrafo intenta mostrar o cotiá con desenfado intencionado, sen esquecer que cada xesto marca a liña que separa o accidental do provocativo. E como pintor, hai que destacar que, despois de dedicarse a facer collages que delatan caóticas coincidencias, ou a explorar nesa serie de conxuncións de refugallos, que adquiren formas caprichosas cando son artellados ao antollo do creador, descobre que nada do que un verdadeiro artista maquina é inocente e que cada etapa é unha estación de paso que ha de levalo, con rigor e disciplina, cara un estado de imperfecta satisfacción. 

 

E aí, nese momento tan decisivo da súa vida, presenta esas últimas “Pinturas ocultas”, o traballo máis introspectivo, analítico e rigoroso, abstracto e conciso, da súa traxectoria pictórica. Unha proposta na que amosa moito máis do que pretende agochar tras ese enigmático título. Un derradeiro acto de rebeldía que nos obriga a reflexionar, máis aló dos dilemas puramente técnicos, plásticos ou cromáticos, sobre a intencionalidade última que comporta a obra de arte en si mesma. En definitiva, un chanzo máis nesa permanente loita na que viven os artistas, confrontando o mundano co íntimo, e a materia co espírito, para conseguir elaborar un esquema afectivo e filosófico dentro do que poder vivir sen avergoñarse.

Parabéns e saúde





NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Carballo e Bergantiños de La Voz de Galicia









 

 

 


viernes, 11 de marzo de 2022

SANTIAGO PICOS

AS DIVERSIDADES DE SANTIAGO PICOS

GALERÍA DE ARTE / ESPIRAL MAIOR FORO

(RÚA DO SOL, 34 - CARBALLO) 


SANTIAGO PAZOS

(FOTOGRAFÍAS DE ELIZABETH NÚÑEZ

 

Miguel Anxo Fernán Vello, Santiago Picos e Santiago Pazos


Dicía Don Santiago Ramón y Cajal, en 1899, que todo home podía ter a capacidade de ser o escultor do seu propio cerebro. O segredo era moi sinxelo: traballo e perseveranza. Hoxe, dominados pola cultura de masas e as redes sociais, vivindo nesa sociedade líquida, definida por Z. Baumant, na que toda idea se volatiliza case antes de ser expresada, e inmersos en superar vangardas e transvangardas,  pretender tal cousa como ser dono dalgo tan exclusivo semella unha tarefa case que imposible.

 

O que si creo é que somos quen de construír unha mirada persoal sobre do que nos acontece, tanto interior como exteriormente. E algúns teimudos como son os artistas, caso de Santiago Picos,  non só acadan esa mirada única e particular, senón que teñen o privilexio, non sempre ledo, de poder confrontar o seu traballo con esoutras miradas alleas que perseguen ser reconfortadas estética e espiritualmente. Unha especie de paraíso cheo de contradicións.

 


Aí é onde se atopa Santiago Picos, un pintor e ilustrador que, entrando xa na madurez creativa, aínda conserva esa frescura contemplativa, non exenta dunha profunda reflexión crítica, que lle permite xogar e compaxinar, sen complexos estéticos ou académicos, estilos diversos como poden ser o simbolismo surrealista ou o expresionismo gótico  para enriquecer a súa proposta pictórica.

 

Un divertimento ecléctico que, lonxe de amosar inxenuidade, suxire un serio compromiso teórico e filosófico que podemos resumir nesa frase de E. M. Cioran na que sinala que o primeiro pensador foi sen lugar a dúbidas o primeiro maniático dos por que? Autor que xunto a Poe ou Lovecraft son lecturas de cabeceira de Picos.

 

E son eses “por que?” os que conducen a Santiago Picos a profundar na diversidade de estilos e correntes artísticas, dende  Durero a Dalí, para conformar unha identidade propia. Instrumentos non lle faltan, é un perfeccionista, debuxa con trazo seguro e limpo e pinta con dominio das perspectivas e as cores. Pero se me permiten destacar unha facultade que eu aprecio por riba de todas, ten unha mirada única que permite, como recorda o pintor e escritor Alfred Kubin, que o espectador subsista na propia pureza simbólica.

 

Esta Mostra que podemos ver en Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34) é un exemplo da positiva evolución dun artista que agroma para darnos nun futuro próximo moitas e agradables sorpresas.

 

Parabéns para Santiago Picos e saúde.


Nota: 

Este artigo foi publicado na Edción para Carballo e Bergantiños de "La Voz de Galicia"