viernes, 17 de diciembre de 2021

XULIO GARCÍA RIVAS




A VIAXE DENDE A PAISAXE Á ABSTRACCIÓN 


SANTIAGO PAZOS

 

Cando temos oportunidade de gozar dunha exposición de pintura tan salientable como “As raíces da luz” de Xulio García Rivas na Galería de Arte Espiral Maior Foro, (neste preocupante Nadal cheo de renovados bríos pandémicos), temos a impresión de topar cun dilema conceptual que nos obriga a mirar sen complexos académicos, a rexeitar arquetipos, a descifrar paisaxes figurativos baixo capas de tinta que agochan con timidez o que a intuición recoñece, a pouco que escaravellemos no subconsciente, como espazos propios, xa recorridos, pisados e vividos.

Esa suposta contradición entre figuración e abstracción, esa aflixida catarse que se produce cando comparamos unha paisaxe clásica con esas manchas de pintura que marcan difusamente lindes, camiños, montañas, mares encrespados e firmamentos, ao discorrer libre sobre a tela branca dun cadro, paréceme ficticia.

Penso que non hai artistas máis respectuosos co clasicismo que eses ousados creadores que exploran sen medo nesa vertixe paralizante que provoca un lenzo branco (coa excepción, por suposto, de Malevich). E no caso de Xulio é moi patente a influenza que exercen, sobre o seu mundo creativo, autores como Friedrich, Turner, Monet, Matisse ou o paisaxismo tradicional xaponés. Como docente e profesor asume que non existe evolución creativa se non se coñece e se aprende da Historia do Arte, e que toda transformación precisa da análise crítica do acontecido antes.

Escribía de xeito didáctico García Rivas en 2015, con motivo dunha exposición súa no Pazo da Cultura de Carballo, que “as obras falan só de pintura na que a abstracción e figuración non son conceptos opostos senón que proceden da realidade profunda da arte que é a súa propia linguaxe. A miña pintura é realista aínda que non sexa verista ou visualmente representativa porque a súa realidade de fondo consiste nunha expresividade emocional a través da cor. A pintura non está rematada só no papel, senón na mente de quen a contempla. O espectador ten que ser unha parte activa e ten dereito, polo tanto, a reinterpretar as obras aínda discrepando do seu autor, especialmente nas pinturas que se basean na capacidade de suxerir por medio da mancha, do xesto, da cor e da luz”.

Esta reflexión define perfectamente un traballo no que, con sutileza extrema, convida a mirar a paisaxe dende un estado de íntima sensibilidade, que fuxe do canon iconográfico establecido.  Unha aposta que reivindica a comunicación libre entre creador e espectador ao deixar aberto un amplo espazo de interpretación persoal.

Parabéns para este pintor que amosa madurez plástica, claridade de ideas, (recomendo ler con detemento os títulos dos cadros), e dominio da técnica, e agradecementos para Miguel Anxo Fernán Bello por elixir a Rúa do Sol de Carballo para instalar este importante Foro cultural de obrigada visita para todos os amantes das artes plásticas e da literatura.

Saúde.


NOTA: 

Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia

    

    (20/12/2021)