miércoles, 4 de marzo de 2026

FERNANDO CABEZA QUILES

 

 

APUNTES SOBRE  “DEFUNTOS E SANTOS INOCENTES”




SANTIAGO PAZOS

 

“Ningún autor aspira a ser lido. A máxima gloria que perseguen é que lle poñan a propia testa, esculpida en bronce, na esquina dunha praza da súa vila para que as pombas lle caguen enriba”. Esta é a reflexión que fai Sergio del Molino para queixarse da irrelevancia social na que caen a maior parte dos escritores na actualidade. Nalgún caso ben merecida e noutros moitos totalmente inxusta.

Pero compartamos, ou non, tal afirmación, son dos que pensa que a honra e recoñecemento público non tería que vir, por obriga, dun comportamento de servidume compracente co poder. E xuraría que o autor de “Defuntos e santos inocentes”, a non ser que lle dera un pronto de arrebato incomprensible de vaidade, estará de acordo comigo.

E podo asegurar que, por moito que Fernando sexa merecedor dalgún que outro topónimo insigne por méritos propios, co que realmente se sentiría satisfeito, aparte de ser lido con interese, sería con poder ver que eses fillos, como el chama a os seus libros, que xa son familia numerosa, estiveran en todas as bibliotecas de Galicia.

O das pombas é outro cantar. Son libres de cagar onde lles pete porque, como símbolo da liberdade e por moito que os seus excrementos sexan corrosivos, non dependen, coma nós, de ter que decidir en conciencia por loitar polos dereitos que nos corresponden, ou aplaudir coma ovelliñas a eses inimigos da dignidade humana que tanto proliferan. Isto é o que realmente lle remexe a Fernando por dentro. Palestina, sen ir máis lonxe.

De aí vén o seu compromiso social, deixa a dedicación exhaustiva e rigorosa sobre toponimia para enfrontar narrativas que pescudan na conciencia histórica e social sen curvofilias, como ben di, nin reviravoltas. Como exemplo, este libro no que ao tempo que nos conta acontecementos familiares e vivencias persoais, aproveita tamén, sen prexuízos, para contarse a si mesmo, espirse e ser sincero, sen intención maledicente de axustar contas co pasado, nin cos seus protagonistas, pero sen agochar as experiencias vividas.

Di Borobó, non sei se por amor familiar, no limiar de “Chamáchesme Moreniña”, que a Cabeza Quiles salvárono do deporte profesional, e do silencio literario, estar inmerso entre dous salvadores: Cabeza de León e él mesmo. Por certo que, nese retranqueiro libro, conta Fernando que “O escritor e médico Tomás Vilariño vén de publicar un libro de fábulas onde, a través de 150 páxinas, realiza un exercicio irónico e devastador dos vicios da sociedade actual. O autor traballa no Hospital Psiquiátrico Provincial como especialista en terapia literaria”. Texto que puidera ser premonitorio do que vostedes descubrirán de ler este último libro.

Recordemos o que Miro Villar dixo en “Domingo de Resurrección”: “ O autor destas historias, ti (lector ou lectora), e eu mesmo somos da tribo dos letraferidos”.  Pola parte que me corresponde espero no ter arruinado o final destas entrañables historias cun epilogo que só pretendía poñer os puntos suspensivos. Menos mal que Antonio Andrade no seu limiar xa deixa os puntos onde corresponden.

Saúde...

E LEAN......

------------------------------------------------------------------------------------------------------DEFUNTOS E SANTOS INOCENTES

Autor: FERNANDO CABEZA QUILES

Editado por ESPIRAL MAIOR

________________________________________________________________________________ 

LIBROS DE FERNANDO CABEZA QUILES (INDIVIDUAIS E COLECTIVOS) QUE SE PODEN ENCONTRAR NAS BIBLIOTECAS DE CARBALLO

1. Toponimia de Ribeira ( 1 ) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

2. A toponimia celta de Galicia ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

3. A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

4. Galicia, o galego e os galegos ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

5. Os nomes de lugar ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

6. Domingo de Resurrección ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

7. Toponimia de Galicia ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

8. Os nomes da terra ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

9. Galegos en Las Alpujarras granadinas ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

10. O segredo dos zapatos e outros contos ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 3) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

11. Parroquias costeiras de Carballo ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

12. Contos azuis ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 2) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

13. Chamáchesme moreniña ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

14. As parroquias de Barizo, Mens e Vilanova ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

15. As parroquias de Artes, Sofán e Verdillo ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

16. O río Anllóns ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

17. Toponimia da Estrada ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS

18. Toponimia de Carballo ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA

19. Parroquias de Brantuas, Niñóns e Cores ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS TOTAL : 50 exemplares nas dúas bibliotecas


NOTA: Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de La Voz de Galicia.







martes, 10 de febrero de 2026

MILAGROS COTELO

 

MILAGROS COTELO: ALGO MÁIS QUE FANTASÍA

Santiago pazos 

Obra de Milagros Cotelo

A Galería Estudo Garabato de Carballo, que dirixe o pintor Mon Lendoiro, inaugurou a nova tempada de exposicións deste ano 26 cunha proposta individual de Milagros Cotelo. Baixo o título de “Liñas e liñas”, conxuga a semellanza textual do trazo xeométrico coas febras de fío. Unha mostra que consta de 22 debuxos de pequeno formato, tamaño postal, realizados con bolígrafo azul e presentados, cosidos cada un deles, sobre redondos bastidores de bordar de pura cor branca. Sinxela e imaxinativa simbiose entre Arte Popular, (despectivamente denominada ás veces como traballo manual para negarlle valor artístico), e esoutras Belas Artes ás que se lles supón, como valor engadido, un alto grao de creatividade e sublimación.

Co subtítulo de “Fantasía libremente imaxinada” pretende, con aparente inocencia, introducirnos nun mundo creativo enganosamente idealizado. Xa que se miramos con detemento, esas figuras expresan algo máis que pura fantasía. Nelas descubrimos xestos de estrañeza, pesadelos, medos e arrevesados soños, ante espazos en branco que esixen do espectador unha mirada persoal que desentrañe o que sexa que estea fora das fronteiras deses bastidores. A autora parece que xoga e se divirte, que todo ese traballo xurde espontaneamente, pero a pouco que indaguemos darémonos conta de que a maioría desas enigmáticas figuras están clamando expectantes ante algo que só poderemos intuír se observamos e escoitamos con emoción.

Aínda que Milagros di que están feitos sen unha idea preconcibida, eu penso que son a consecuencia dun proceso de longa traxectoria tanto técnica como intelectual. Vénme á memoria aquel cadro “Sen título” exposto en 2016 no que un neno saca expectante a cabeza dunha cuncha na que vive escondido como un cangrexo e, tamén, aquelas caixas de cartón dende as que os cativos temerosos, ou xogando ás agochadas, vixían un horizonte incerto. E non esquezamos esoutra obra socialmente crítica como son “Dende a ventá”, unha plácida paisaxe tras unhas cortinas vermellas corroídas polo tempo, ou “O festín”, no que os corvos visten de frac e levan maletíns negros cheos de cartos. Por iso non estraña que no texto de presentación destas obras, referíndose ás dificultades técnicas, diga que “... despois de loitar con derrames de tinta e intensidades de presión, póñome ao fronte e, dun xeito relaxado, firmamos unha paz duradeira e frutífera. Oxalá todas as guerras rematarán así, tranquilamente. Claro que para iso, os mandatarios deste convulso planeta terían que ter un cerebro que polo menos ocupara o capuchón dun bolígrafo”. Como poden ver, toda unha declaración de principios.

A pesares das súas dificultades físicas, Milagros Cotelo é un exemplo de superación reivindicativa. Pintando a súa propia realidade, como dicía Frida Kahlo, está a defender ese espazo que só lle pertence a ela e que comparte con nós para avisarnos de que a fantasía nace desa realidade que, con moita frecuencia, intentamos esconder.

Parabéns para Milagros. E non deixen de ver e admirar esta irónica expresión dun mundo tan fantástico como real. Saúde... 


EXPOSICIÓN LIÑAS E LIÑAS

(GALERÍA GARABATO)
























NOTA: 
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA