CARBALLO
FESTAS DE SAN XOÁN 2022
O MANIFESTO REBELDE DE MARÍA BARCALA
SANTIAGO PAZOS
“Libre coma os paxaros” é unha excelente obra sobre textos de Rosalía de Castro que a Compañía Teatro do Atlántico, coa dramaturxia e dirección de Xulio Lago, ven representando por toda Galicia con gran éxito de crítica, aínda que lamentablemente non así de público. Un aspecto importante sobre o que terán que debater os programadores culturais porque, sen dúbida, algo falla nos canles de comunicación e publicidade que utilizan.
É unha mágoa que incluso en Carballo, vila de gran afección teatral, fóramos tan poucos. Extremo, por certo, que non afectou a entrega absoluta da gran actriz María Barcala para defender un traballo de interpretación complexo, sensiblemente lírico e terriblemente prosaico nese cometido de presentarmos unha Rosalía de Castro limpa das tradicionais manipulacións e apropiacións a que estivo sometida en vida e despois de morta. Escritora que loita por romper cos noxentos arquetipos da época na que lle tocou vivir.
De aí que “Manifesto rebelde”, acertado subtitulo para unha peza teatral que, de seguro, permanecerá no tempo coma un dos traballos máis serios que se teñen feito sobre desta personaxe tan importante para Galicia, os galegos e a poesía universal, sexa tamén o emblema apropiado para unha actriz acostumada a acariñar cada palabra que pronuncia sobre dun escenario e loitar por proxectos que compren con esa gran esixencia do teatro comprometido coas cousas que de verdade importan.
Quero recordar, porque son parte do traballo extraordinario de María Barcala e da miña memoria escénica, “Memoria de Helena e María” onde a palabra quere ser alternativa contra todo tipo de violencia , “O principio de Arquímedes” no que as dúbidas e os malos entendidos rachan coa integridade de seres expostos a escrutinios maledicentes, “Helena: xuízo a unha lurpia” na que unha muller reivindica o seu dereito a ser quen é, ou “Dúas donas que bailan” onde a fraxilidade física e mental imponse sobre os prexuízos e os medos.
Realmente, María e Rosalía parécense bastante. Socialmente non cambiamos tanto coma para afirmar que as mulleres de hoxe non sofren ese delirios machistas que padecían antes. Por iso este “Manifesto rebelde” ha de ser colectivo e compartido por mulleres e homes en pro da igualdade de xénero.
Mais se atendemos a estrutura dramática, teño que dicir que padece de defectos que só se explican por exceso de confianza na capacidade interpretativa de María Barcala ou por economizar na intendencia escénica. E menos mal que ela recita e xesticula, mesturando dozura e xenio, interiorizando un discurso que lle é propio, atomizando na mirada e nas mans unha rabia imposible de canalizar.
Tecnicamente ten alternativas, luces e sombras, música, movementos, uso de espazos escénicos. Xulio Lago tenme demostrado que sabe facer todo isto, mais neste Manifesto rebelde está bastante desaparecido, con todo respecto.
A sorte é que María Barcala, como xa nos ten acostumados, demostra que é unha das mellores actrices que temos en Galicia. Así que temos que coidala e ir a vela, admirala e aplaudirlle. E se poden ir ver “Libre coma os paxaros”, vaian, non a deixen soa ante butacas valeiras. Saúde.
NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia
ENCHER O BALEIRO
DE ALBERTO GENDE
SANTIAGO
PAZOS
Non
resulta sinxelo escribir sobre Alberto Gende cando acabas de ler esa minuciosa, exhaustiva
e sentida loanza do seu irmán Xurxo (poeta de lembranzas e mudanzas a navalladas),
no completo libro-catálogo “Encher o baleiro”, deseñado con todo mimo por Juan
Félix (outro Chapela), que se publica con motivo desta merecida Exposición
Homenaxe, no Pazo da Cultura de Carballo, cando se compren dez anos do
pasamento do artista. En realidade, tería que copiar aquí ese texto e non dicir
máis nada.
Pero
tamén é certo que a personalidade de Alberto suxire e merece valoracións diverxentes,
fundamentalmente por esa polifacética dedicación profesional, teórica e vital da
que facía gala, xa que sabía que no mundo das artes, cando viaxas na procura
dunha linguaxe propia, os camiños íntimos e persoais por percorrer e os
procesos creativos nos que mergullarse esixen asumir riscos dos que non se pode
fuxir. Un viacrucis cheo de encontros, desencantos, depurados descubrimentos e
un cúmulo de contradicións que foxen das certezas absolutas, por ser estas o
maior obstáculo para acadar esa identidade que representa o interior nu do
verdadeiro artista.
E
sendo certo que nunca rexeitou admitir todo tipo de influencias, considero
innecesario adscribilo a un movemento artístico concreto, nin citar a ningún
mestre ilustre, porque cando un artista que dende tan mociño consegue ser un
referente admirado, e que concita ao seu arredor tantas sensibilidades alleas,
só indica que detrás da súa obra hai verdade e sincero compromiso. Por iso
sempre foi fiel, dende o debate interior e por tanto abstracto, a esa inquedanza
por configurar espazos estéticos e conceptuais únicos que lle conferían un
valor creativo engadido, e cuxo resultado excepcional podemos comprobar nesta
completa Retrospectiva.
Penso
que tanto o libro catálogo como o deseño expositivo acertan interpretando a
inxente produción de Alberto, dende unha narrativa que amosa as diversas
disciplinas nas que pescudou, sen presentalas coma compartimentos estancos,
respectando certa cronoloxía, para facilitar o tránsito do lector espectador nesa
viaxe, inevitablemente diversa e invasora, pola vida e obra do artista.
E se facemos un pequeno resumo da súa produción, temos que destacar que como deseñador gráfico, tanto en logos, en carteis, ou programas, podemos ver obras nas que consegue concentrar con intelixencia as esencias básicas da mensaxe que se pretende transmitir en imaxes que impactan. Como debuxante simplifica o trazo para destacar só o que imprime carácter. Como fotógrafo intenta mostrar o cotiá con desenfado intencionado, sen esquecer que cada xesto marca a liña que separa o accidental do provocativo. E como pintor, hai que destacar que, despois de dedicarse a facer collages que delatan caóticas coincidencias, ou a explorar nesa serie de conxuncións de refugallos, que adquiren formas caprichosas cando son artellados ao antollo do creador, descobre que nada do que un verdadeiro artista maquina é inocente e que cada etapa é unha estación de paso que ha de levalo, con rigor e disciplina, cara un estado de imperfecta satisfacción.
E
aí, nese momento tan decisivo da súa vida, presenta esas últimas “Pinturas
ocultas”, o traballo máis introspectivo, analítico e rigoroso, abstracto e
conciso, da súa traxectoria pictórica. Unha proposta na que amosa moito máis do
que pretende agochar tras ese enigmático título. Un derradeiro acto de rebeldía
que nos obriga a reflexionar, máis aló dos dilemas puramente técnicos, plásticos
ou cromáticos, sobre a intencionalidade última que comporta a obra de arte en
si mesma. En definitiva, un chanzo máis nesa permanente loita na que viven os
artistas, confrontando o mundano co íntimo, e a materia co espírito, para
conseguir elaborar un esquema afectivo e filosófico dentro do que poder vivir
sen avergoñarse.
Parabéns e saúde
AS DIVERSIDADES DE SANTIAGO PICOS
GALERÍA DE ARTE / ESPIRAL MAIOR FORO
(RÚA DO SOL, 34 - CARBALLO)
SANTIAGO PAZOS
(FOTOGRAFÍAS DE ELIZABETH NÚÑEZ)
Miguel Anxo Fernán Vello, Santiago Picos e Santiago Pazos
Dicía Don Santiago Ramón y Cajal, en 1899, que todo home podía ter a capacidade de ser o escultor do seu propio cerebro. O segredo era moi sinxelo: traballo e perseveranza. Hoxe, dominados pola cultura de masas e as redes sociais, vivindo nesa sociedade líquida, definida por Z. Baumant, na que toda idea se volatiliza case antes de ser expresada, e inmersos en superar vangardas e transvangardas, pretender tal cousa como ser dono dalgo tan exclusivo semella unha tarefa case que imposible.
O que si creo é que somos quen de construír unha mirada persoal sobre do que nos acontece, tanto interior como exteriormente. E algúns teimudos como son os artistas, caso de Santiago Picos, non só acadan esa mirada única e particular, senón que teñen o privilexio, non sempre ledo, de poder confrontar o seu traballo con esoutras miradas alleas que perseguen ser reconfortadas estética e espiritualmente. Unha especie de paraíso cheo de contradicións.
Aí é onde se atopa Santiago Picos, un pintor e ilustrador que, entrando xa na madurez creativa, aínda conserva esa frescura contemplativa, non exenta dunha profunda reflexión crítica, que lle permite xogar e compaxinar, sen complexos estéticos ou académicos, estilos diversos como poden ser o simbolismo surrealista ou o expresionismo gótico para enriquecer a súa proposta pictórica.
Un divertimento ecléctico que, lonxe de amosar inxenuidade, suxire un serio compromiso teórico e filosófico que podemos resumir nesa frase de E. M. Cioran na que sinala que o primeiro pensador foi sen lugar a dúbidas o primeiro maniático dos por que? Autor que xunto a Poe ou Lovecraft son lecturas de cabeceira de Picos.
E son eses “por que?” os que conducen a Santiago Picos a profundar na diversidade de estilos e correntes artísticas, dende Durero a Dalí, para conformar unha identidade propia. Instrumentos non lle faltan, é un perfeccionista, debuxa con trazo seguro e limpo e pinta con dominio das perspectivas e as cores. Pero se me permiten destacar unha facultade que eu aprecio por riba de todas, ten unha mirada única que permite, como recorda o pintor e escritor Alfred Kubin, que o espectador subsista na propia pureza simbólica.
Esta Mostra que podemos ver en Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34) é un exemplo da positiva evolución dun artista que agroma para darnos nun futuro próximo moitas e agradables sorpresas.
Parabéns para Santiago Picos e saúde.
Nota:
Este artigo foi publicado na Edción para Carballo e Bergantiños de "La Voz de Galicia"
A VIAXE DENDE A PAISAXE Á ABSTRACCIÓN
SANTIAGO PAZOS
Cando
temos oportunidade de gozar dunha exposición de pintura tan salientable como “As raíces da luz” de Xulio
García Rivas na Galería de Arte Espiral Maior Foro, (neste preocupante Nadal cheo
de renovados bríos pandémicos), temos a impresión de topar cun dilema
conceptual que nos obriga a mirar sen complexos académicos, a rexeitar
arquetipos, a descifrar paisaxes figurativos baixo capas de tinta que agochan
con timidez o que a intuición recoñece, a pouco que escaravellemos no
subconsciente, como espazos propios, xa recorridos, pisados e vividos.
Esa
suposta contradición entre figuración e abstracción, esa aflixida catarse que
se produce cando comparamos unha paisaxe clásica con esas manchas de pintura que
marcan difusamente lindes, camiños, montañas, mares encrespados e firmamentos,
ao discorrer libre sobre a tela branca dun cadro, paréceme ficticia.
Penso
que non hai artistas máis respectuosos co clasicismo que eses ousados creadores
que exploran sen medo nesa vertixe paralizante que provoca un lenzo branco (coa
excepción, por suposto, de Malevich). E no caso de Xulio é moi patente a
influenza que exercen, sobre o seu mundo creativo, autores como Friedrich,
Turner, Monet, Matisse ou o paisaxismo tradicional xaponés. Como docente e
profesor asume que non existe evolución creativa se non se coñece e se aprende
da Historia do Arte, e que toda transformación precisa da análise crítica do
acontecido antes.
Escribía
de xeito didáctico García Rivas en 2015, con motivo dunha exposición súa no
Pazo da Cultura de Carballo, que “as obras falan só de pintura na que a
abstracción e figuración non son conceptos opostos senón que proceden da
realidade profunda da arte que é a súa propia linguaxe. A miña pintura é
realista aínda que non sexa verista ou visualmente representativa porque a súa
realidade de fondo consiste nunha expresividade emocional a través da cor. A
pintura non está rematada só no papel, senón na mente de quen a contempla. O
espectador ten que ser unha parte activa e ten dereito, polo tanto, a
reinterpretar as obras aínda discrepando do seu autor, especialmente nas
pinturas que se basean na capacidade de suxerir por medio da mancha, do xesto,
da cor e da luz”.
Esta
reflexión define perfectamente un traballo no que, con sutileza extrema,
convida a mirar a paisaxe dende un estado de íntima sensibilidade, que fuxe do
canon iconográfico establecido. Unha
aposta que reivindica a comunicación libre entre creador e espectador ao deixar
aberto un amplo espazo de interpretación persoal.
Parabéns
para este pintor que amosa madurez plástica, claridade de ideas, (recomendo ler
con detemento os títulos dos cadros), e dominio da técnica, e agradecementos
para Miguel Anxo Fernán Bello por elixir a Rúa do Sol de Carballo para instalar
este importante Foro cultural de obrigada visita para todos os amantes das
artes plásticas e da literatura.
Saúde.
NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia
(20/12/2021)
(FIOT 30)
O TEATRO É UN VELENO PURIFICADOR
(A propósito de “Con
lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)”
de José Troncoso para Nueve de nueve Teatro)
SANTIAGO PAZOS
Celebro que o FIOT 30 pechase a Programación de Sala cunha obra que fala do teatro como un veleno purificador, un mecanismo perverso argallado para transgredir esa idea de normalidade que os convencionalismos sociais impoñen. Un elixir que, polo menos nun momento de ficción, consigue liberarnos desas ataduras, cargas e prexuízos que nos impiden ser esoutra personaxe na que soñabamos converternos sen ser quen de logralo.
Esa capacidade do teatro para aducir, non só aos profesionais de vocación, senón tamén a ese público que acude na procura de vivir un acontecemento extraordinario, no que a permisividade sobre calquera materia ha de ser sempre norma e nunca excepción, tróuxome a memoria “París no se acaba nunca”, novela de Enrique Vila-Matas na que se queixa da inxustiza que supón non poder verse de xeito distinto a como os demais o perciben. (“Si al menos alguien, ya no digo mucha gente sino alguien, supiera verme idéntico físicamente a Hemingway”).
Lamento, por certo, que me levou hai tempo
a escribir un artigo que se titulaba “Xogando a non ser quen es”, no que
defendía a tese de que todos podemos transformarnos e soñar, ou facer realidade
esas fantasías que, parecendo inalcanzables, non son tan difíciles de acadar se
perseveramos con forza. E defendía eu, por suposto de forma metafórica, que
sempre que me petou fun Andy Warhol e nunca me topei con ninguén que dubidase
de tal cousa.
E precisamente, neste “Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)” xogan a iso mesmo, a propor alternativas contra o conformismo sen perspectivas, confrontando as contradicións que se producen na relación dunha curiosa parella “normal” na que un deles decide facer realidade esa ilusión, aparentemente atolada, de que debe e pode cambiar de vida, mentres a outra non comprende esa necesidade de cambio e teme perder a tranquilidade que lle produce o status social conseguido. Unha traxicomedia, como afirma o autor e director José Troncoso, na que a cuestión fundamental e vivir ou non vivir.
Mais se deixamos as pretensións artísticas a un lado, incluídas as miñas literarias divagacións existenciais, e nos centramos na dramaturxia e na posta en escena, pronto descubrimos que toda a arquitectura desta simpática obra susténtase na gran capacidade de Mariano Marín, (encargado da composición e dirección musical e Premio Max por este traballo), que crea un espazo sonoro no que a música, moi ben interpretada ao piano en directo por Néstor Ballesteros, non só acompaña o que acontece no escenario, senón que delimita e marca con precisión o ritmo, os tempos e os movementos.
E se esa estrutura escénica ao estilo dos clásicos
musicais está adecuadamente orquestrada, a interpretación de dous actores
xeniais, como son Carmen Barrantes e Jorge Usón, que dominan ese estilo de
humor grotesco e pouco natural de crear personaxes histriónicos, é sobresaínte.
Parecía por momentos que foran pulchinelos artellados por mans alleas.
Unha historia tenra, sinxela, estupendamente escrita e dirixida, que utiliza o teatro como un revulsivo para encontrar esa felicidade esquiva que todos perseguimos, mais que, pola contra, ten un final dramático que non esperaba. Seguramente é un defecto persoal, non me importa que unha traxedia acabe con todos os protagonistas esnaquizados, pero a miña sensibilidade non soporta que iso pase nunha comedia musical. Ai!
E como temos que pechar, xa que no teatro non queda nin o apuntador, espero terlles transmitido, coas miñas reflexións, que un artista, como dicía André Gide, non debe contar a súa vida tal e como a vive, senón vivila como quere contala.
Saúde y larga vida…
NOTA: Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"