sábado, 28 de abril de 2018

"VOANTES" DE LAURA TOVA

SINXELEZA CONTRA OS EXCESOS

(A propósito de “VOANTES”)
EXPOSICIÓN DE LAURA TOVA

(PAZO DA CULTURA- ANDAR 1- CARBALLO)
Do 12 de abril ao 6 de maio


  
Teño escoitado en moitas ocasións que os excesos de ruído non deixan escoitar ben a música. E aínda que os excesos en si mesmos non sempre sexan negativos, penso que é unha reflexión que se pode xeneralizar e aplicar noutras disciplinas. Por exemplo no deseño gráfico publicitario, no que se procura que a mensaxe teña unha nitidez incuestionable liberándoa de referentes secundarios.


Algo así pasa en “Voantes”, unha mostra na que Laura Tova bota man da sinxeleza, sinal inconfundible do seu persoalísimo estilo, para amosarnos un punto de vista persoal sobre a liberdade. Unha proposta conceptual na que o importante reside no que se conta, na mensaxe, dunha forma sinxela e directa, sen subterfuxios lingüísticos nin complexas iconografías, pero cunha profundidade filosófica e vital que invita a reflexión, individual e colectiva, sobre desa capacidade humana para soñar e pensar en liberdade.


Proxecto interdisciplinario no que palabra, imaxe e materia  son as ferramentas que dan forma e visibilidade a esa gran idea/forza que quere transmitirnos: que somos quen, se queremos e nos empeñamos, de superar a maldición de Ícaro sempre que as nosas ás están feitas de sentimentos puros e sinceros.


Despois de ver este magnifico traballo non teño dúbida de que a ilustradora carballesa está nun momento de creatividade excelente, demostrando unha madurez de estilo, tanto formal como teórico, que destaca singularmente nese mundo artístico no que se move profesionalmente. Un estilo, por outra parte, que evoluciona, dentro dese minimalismo figurativo tan persoal, sen perder orixinalidade.


Eu de vós non perdería esta ocasión para gozar de ese mundo de arte e sensibilidade que nos ofrece Laura Tova en “Voantes”.

Parabéns e saúde.


 SANTIAGO PAZOS




No hay comentarios: