ADOSADOS
ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA DAS FESTAS
SAN XOÁN 2018
CARBALLO
TEXTO: SANTIAGO PAZOS
ILUSTRACIÓN: JUJOBACA (Juan José Barro)
VERBENA DE SAN XOÁN EN CARBALLO
SE NON PODES DE FRONTE,
ENTRA DE COSTADO
(Sobre tipos, tipiños,
tipazos ou tipejos)
I
Ás veces parece que todo o que se nos presenta neses
camiños polos que andamos está disposto aí para nós, para nosa regalía, para
collelo sen máis traballo que aceptalo como se fose noso por propia xenética,
coma unha extensión de nós mesmos. Vemos unha fiestra e cremos que con entrar
tan campantes, sen necesidade de cumprimentar ningún tipo de requisito ou
exixencia, xa está todo, dito e feito.
Mais a realidade pon a cada quen no lugar que lle toca,
que non ten porque coincidir co que por xustiza lle correspondería. Así é a
vida. E as cousas nunca son tan doadas como aparentan. Por iso, tantas e tantas
veces, temos que cambiar de ritmo para seguir avanzando, alterar as primeiras
intencións pasando encollidos polo aro porque ergueitos non cabemos, ou
modificar a postura corporal para entrarmos de costado xa que a nosa fachenda é
demasiado voluminosa e de fronte non podemos.
Nesa andaina podemos manter ou mudar, se ben nos parece,
os principios básicos que conforman o noso carácter, o pensamento e
comportamento ético que nos identifica e nos humaniza. Agora ben, os ocasionais
pareceres, os diversos modos de ver e de sentir a relación con todo o que nos
arrodea, sexa vivo ou morto, vexetal ou animal, os costumes e as súas puntuais
manifestacións, poden ir mudando, deben ir mudando e adaptándose ao cambio dos tempos.
II
Velaí que sen pretendelo nun principio saíume toda unha
declaración de intencións vitais e chea de parámetros existenciais. Un armazón
conceptual necesario para camiñar por este mundo cheo de luz, de trampas, de
bicos ou de labazadas nos fociños. Un mundo ateigado de boas e malas cousas,
xente honesta e ruín, paraísos por descubrir e abismos mortais. Por iso é tan
importante ter e mostrar sempre unha actitude tan crítica como positiva e unha
mirada utópica ante os retos que van xurdindo na viaxe particular de cada quen.
Sinceramente non estou moi seguro de que este prólogo sexa
o axeitado para introducir a historia que quería contar. Neste mar de dúbidas
no que sempre navego penso que para publicar nesta revista festiva precisaría algo
máis lixeiro que elucubrar sobre se é mellor poñer boa cara, ou cara de can,
para conseguir encaixar e ser respectado no espazo social que habitamos.
A cousa é que ese encabezamento “Se non podes de fronte,
entra de costado”, (teño que confesar que sen un título do meu gusto non son
quen de escribir unha soa palabra), da para reflexionar profunda e profusamente
sobre da vida e as súas circunstancias. Ten un fondo instrumental e
utilitarista que pode resultar interesado e egoísta ao tempo que apropiado,
dende o meu punto de vista, para non sufrir innecesariamente.
Como teño oído tantas veces, cando te pasas de bo acabas
parecendo parvo, aínda que moitas veces, como podemos ver a continuación,
mellor ser un pouco parvo que demasiado raposeiro.
III
Do que quería falar en realidade era daqueles tipos, tipiños,
tipazos ou tipejos que pululaban de fronte e de costado polas verbenas, aló
polos anos sesenta e setenta, camiñando en espiral ou formando pequenos remuíños,
delimitando por zonas o campo da festa para non deixar escapar a mínima
posibilidade de encontrar unha moza coa que bailar, ou algo máis se cupido se
encaprichaba.
Hoxe en día é un anacronismo, as formas de relacionarse,
por fortuna, cambiaron. Os lugares para ligar diversificáronse. O papel da
muller deixou de ser pasivo por imposición machista pasando a ser dona de si
mesma por dereito, aínda que por desgraza esas brasas maléficas sigan fumegando
en moitos aspectos e a igualdade sexa menos real do que aparenta nos papeis.
Pero en épocas non tan remotas, grupos de mozas formando
ringleiras esperaban pacientes e con moito recato a que o rapaz que lles
gustaba reparase nelas e se dignase a pedirlles unha peza de baile. Mentres non
chegaba ese adonis, divertíanse ou aguantaban e sufrían carros e carretas cos
tipos, tipiños, tipazos ou tipejos que se paseaban lucíndose diante delas.
Entre eses tipiños que desfilaban garbosos e cheos de
desexo estaba aquel, que farto de dar voltas sen éxito, sentaba aburrido á
beira do pilón que había nos xardíns carballeses, mirando con envexa cara os
grupos que charlaban e rían divertidos na terraza do Copacabana, ou observaba a
zona da palmeira onde as parellas, baixo aquela tenue luz e o doce cheirume das
rosas, sentábanse para intimar un pouco, acariciarse e bicarse se cadraba. En
xeral sen moito roce por iso de “qué dirán” as malas linguas.
Os tipejos, unha especie de armas tomar, pasaban
trotando, pisando, asoballando. Sen admitir un non por resposta insistían como
cabestros obrigando ás mozas a cambiar de sitio, buscando refuxio coas amigas,
cerca dun familiar ou dalgún veciño de confianza que estivera pola beira. En
grupo tiñan mellor defensa.
Había tipazos que se paseaban altivos co pescozo estirado,
como pavos en celo, empurrando cos cóbados ergueitos para abrirse paso en busca
dalgunha presa que fose do seu gusto. Polo xeral non tiña problemas para
recibir respostas positivas, pero ¡pobre da que lle negara o baile! Pasaría de
candidata a diana de chanzas e improperios nun abrir e cerrar de ollos.
E tamén estaban eses tipos normais, nin feos nin guapos,
a maioría, que cando non podían entrarlle de fronte á moza que lles gustaba, entraban
de costado buscándolle as voltas e as reviravoltas con simpatía e triunfaban,
ou non...
Xa digo que eran outras épocas, aínda que non tan
remotas.
Boas festas e saúde
A revista pódese mercar na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo
No hay comentarios:
Publicar un comentario