CARTA ABERTA A DON JOSÉ M. GARCÍA GONDAR
Respectado Párroco de Carballo:
Ten que saber que a pereza que me produce escribir esta carta pública, sendo inmensa, só é un átomo comparado coa tristura que teño cando paso estes días diante da Capela da Milagrosa e vexo ese adro espido e baleiro da frondosa natureza que ata hai poucos días lucía.
É curioso que, mentres no mundo se fala da importantísima influencia dos espazos verdes para loitar contra o cambio climático, se tallen árbores nun espazo público e de recollemento espiritual. Unha árbore sa, frondosa, que proporcionaba sombra aos fregueses que por alí sentaban e tamén acubillo aos paxaros que nel aniñaban
Penso que ese proxecto de remodelación para poñer unha fonte e unhas oliveiras só é unha escusa para que se vexa a grandiosidade, (refírome ao tamaño), dese mural da nosa Patroa, cando a Milagrosa loce ben máis bonita dentro da súa capela. E xa non entro no estado de abandono no que se encontra ese solar pegado a capela, cheo de silvas e maleza. Cuestión de gustos nos que seguramente un agnóstico declarado como son eu non debera comentar.
Xa debera saber Vostede que non é bo espir un Santo para vestir outro. Mais a realidade é que a paisaxe do noso barrio xa non é a que era por decisión exclusivamente súa, un erro (penso) que espero que o tempo, as oliveiras e o abrollar da auga desa fonte consigan esquecelo.
Afectuosamente
Santiago Pazos
NOTA:
ESTA CARTA FOI PUBLICADA NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario