MAREA BRANCA
SANTIPAZOS
O artigo que poden ler a continuación foi redactado o mércores da pasada semana. Tempo suficiente para asumir responsabilidades, algo pouco corrente en política cando se trata de render contas. É certo que a Xunta elevou o nivel de risco para que o Goberno Central, que tamén puido ser máis dilixente, puidese colaborar. Mais a realidade é que só o fixeron para descargar culpas como demostran as declaracións, que poden ler en todos os medios de comunicación, do Presidente Rueda e o propio Feijoo, da Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez e do Conselleiro do MAR Alfonso Villares. Iso de ter competencias para engrosar presupostos autonómicos e, cando se deben exercer para encarar os problemas, endosarlle a outras institucións o traballo de solucionalos é unha práctica que se da moi a miúdo no Estado Español. E mentres todo discorre segundo marca o guión electoral, os voluntarios seguen a limpar as praias. Eu, fuxindo de tantas lerias, quédome coas declaracións da Bióloga Eva Giménez-Guri, investigadora na Universidade inglesa de Exeter, dedicada a investigar o impacto destes granulados plásticos na vida mariña, cando di que ao escoitar que non son perigosos bota as mans á cabeza. Xa sabemos que a contaminación por plásticos nos océanos é inmensa, pero querer quitarlle importancia a esta marea branca, como están a facer certos columnista, políticos e algúns medios de comunicación é indignante.
DÉJÀ VU
Esta
nova marea contaminante provocada pola chegada de “péllets” de plástico ás
costas galegas actualiza na memoria outras xa vividas. Parece que teñamos nun
déjà vu que funciona en bucle coa particularidade que os recordos fanse
realidade nun presente aciago, semellante e distinto a un tempo. Sabemos por
experiencia que os accidentes sorprenden por moito que sexamos conscientes que sempre
estaremos expostos a que acontezan. Agora ben, ao que non debéramos estar
condenados é a sufrir eternamente os mesmos erros nas decisións que se deben
adoptar, tanto na prevención como nas solucións, para enfrontar e tomar medidas
contra estas catástrofes. Minimizar os efectos ecolóxicos como se fixo co
Prestige, actitude que está a repetir a Xunta de Galicia sen ningún pudor, é
unha falta de asunción de responsabilidade na xestión que pon de manifesto a
incompetencia e a constatación de que non aprenderon nada, que non existen
protocolos adecuados de actuación autonómica, nin regras claras de colaboración
entre as distintas administracións para casos tan preocupantes que afectan ao
medio ambiente. De novo son os cidadáns comprometidos coa natureza os primeiros
que se poñen a traballar para limpar, baixo pancartas de “Nunca máis” ou “
Outra máis”, a porcallada que empresas navieiras deixan no noso litoral
impunemente, sufrindo ataques denigrantes como os de Daniel Castro, Patrón Maior
de Muxía, que os acusa de actuar por intereses electorais. Non sorprende que no
PP estean preocupados xa que se o chapapote acabou co “fraguismo”, os
minúsculos graos de plástico poden acabar co legado de Feijoo en Galiza. Por
outra parte, a oposición e a cidadanía teñen todo dereito, e mesmo obriga, de
esixir responsabilidades a quen goberna, coincida en época electoral ou non.
No hay comentarios:
Publicar un comentario