lunes, 11 de junio de 2018

ARTE É FEMININO

ARTE É FEMININO
(EXPOSICIÓN COLECTIVA)


PAZO DA CULTURA DE CARBALLO
Do 8 de xuño ao 15 de xullo de 2018


Pedro Tasende
"Nai" 
(Carboncillo sobre lenzo)


O' Mighelo
"Imperdibles" 
(Acrílico, arume de espiño e imperdibles sobre lenzo)


Eva Facal
S/T 
(Acrílico sobre madeira)


Peter Kramer
S/T 
(Tinta china sobre papel)


Lola Oviedo
S/T 
(Deseño en tea)


María Marticorena
"Hasta los huevos" 
(Vídeo-performance e instalación) (Ver en www.mariamarticorena.com)


Ana García
"Labregas galegas" 
(Fotografía dixital)


Francisco Javier Rodríguez
"Serea" 
(Óleo sobre lenzo)


Damián Varela
"A nosa vida" 
(Talla en madeira con gubias)


Chiña
S/T 
(Mixta sobre tea)


Cristina Castro
"Camille Claudel"
(Lapis e pasteis en cartolina)


Mon Lendoiro
"As mulleres da miña casa e mais eu" 
(Rotulador sobre lenzo)


Mónica Noya
"Podemos contalo" 
(Nº 11 da serie Dourado soño negro) (Fotografía)


Antonio Taracido
"Amor de nai" 
(Serigrafía)


A. M. A
"Deusa / alma"
(Tinta e lápices acuarelables sobre papel)


Esther Chamoso
"Resiliencia" 
(Acuarela e lapis sobre papel)


Teresa Candal
"Dóenme as tetas (dóeme a alma) porque son muller"
(Acuarela, tinta china e acrílica sobre papel fabriano)


Milagros Cotelo
"A familia en feminino" 
(Collage)


Raúl Herrera
"Hansel e Gratel" 
(Acrílico e betume de xudea sobre táboa)







viernes, 8 de junio de 2018

VIACRUCIS (DE ASUNCIÓN ANTELO A RAMÓN CHAO)


PREXUÍZOS,
VICIOS PRIVADOS E PÚBLICAS VIRTUDES
(DE ASUNCIÓN ANTELO A RAMÓN CHAO)

UN VIACRUCIS DE SANTIAGO PAZOS


Primeira Estación
Rosalía Férnandez Rial

Di a poeta e lingüista bergantiñán Rosalía Fernández Rial, nun artigo sobre “O Fidalgo” de San Luís Romero publicado na Revista Galega de Teatro (erreguete), que “en moitos casos, os prexuízos acaban por cegarnos e non nos permiten ler con obxectividade”. 

Segunda Estación
Con José Antonio Andrade na Exposición Homenaxe a Asunción Antelo

E eu teño que confesar que esa mesma cegueira foi un obstáculo para acercarme a vida e obra de Asunción Antelo coa inxenuidade inqueda que merecía. Unha chea de prexuízos e resaibos turbábanme a visión ata que me din conta que levaba o obxectivo desenfocado, que máis aló do interese da súa obra literaria e artística, (aspecto que pode depender de gustos persoais tanto estéticos como literarios), destacaba unha personaxe moi especial, única, exemplar. Unha muller de forza e bravura digna de respecto e admiración. Unha creadora, sempre dona de si mesma, que foi quen de romper moldes e transgredir convencionalismos nunha época e lugar nos que vivir contra corrente era unha ousadía que non se perdoaba e mesmo se penaba coa cadea e o desprezo social.

Terceira Estación
Mon Lendoiro e Cristina Abelleira

De aí que “Eu nacín antes de tempo”, esa frase tan desasosegada de Asunción, que ben puidera ser atribuída a moitos poetas de renome, sexa a cita perfecta escollida por Mon Lendoiro para lle render unha merecida homenaxe na Galería Estudo Garabato. Unha exposición na que participamos unha morea de escritores e artistas de toda a bisbarra. Unha mostra plural de técnicas de traballo e estilos creativos que conseguen presentarmos a esta Rexobeira de Bergantiños dunha forma compacta, plástica, artística, literaria e conceptualmente .

Cuarta Estación
Composición fotográfica para Versos de rebeldía 
de Santiago Pazos

A miña modesta aportación, se me teño que comparar coa altura creativa de todos eses autores e artistas que participan, é unha composición fotográfica, na que a axuda do profesor José Mª De la Viña foi imprescindible, e estes sinxelos versos que pretenden desvelar ese aspecto dramático e abafante que a realidade cotiá no lugar de Segufe debía de entrañar para un ser tan libre:

VERSOS DE REBELDÍA

“Escaravellando na terra coas mans núas e o mundo en contra.

Racha un pau no ar como se tronzara un oso que muda a carne de cor
e a falsa e prístina inocencia esvaece vencida por versos de rebeldía.

Onde a raíz da pataca prende a palabra de Asunción Antelo florece.”


Quinta Estación
Migual Anxo Calvo "O' Mighelo"

Non vou citar a todos os participantes porque son moitos e estades todos convidados a visitar a galería e gozar cos seus traballos. Pero si quero mencionar a Miguel Anxo Calvo que, amais de amosarnos un espléndido retrato, un texto cabal e dúas esculturas, que de seguro sorprenderían a homenaxeada, estreou unha estupenda peza para acordeón, tanto na composición como na execución, dedicada a Rexoubeira. Todo o que fai “O’ Mighelo” ten un valor engadido, sae do corazón. Unha pureza de sentimento que reside na sinceridade máis íntima que pode ter un ser humano.

 
Sexta Estación
Mais cando falamos de prexuízos non queda outro remedio que facer referencia aos vicios privados e ás virtudes públicas, porque uns e outras van formando capas opacas de hipocrisía que esconden unha ignorancia que pelexa contra o progreso e négase a ser recoñecida como tal. Detrás dunha cortina chamada ben común só se esconden, por veces, intereses privados e perversas morais que funcionan como bridas para sociedades embrutecidas.
 
Sétima Estación
Mural de Milu Correch (Foto: Turismo Carballo)

Aí, nese escuro espazo de prexuízos e de falsas pulcritudes, temos que situar as vestiduras resgadas desa xente que non deixou que a muralista arxentina Milu Correch puidera realizar con liberdade o proxecto que tiña en mente para formar parte do Rexenera Fest deste ano. E temos que felicitar a organización por dar unha resposta equilibrada que, lonxe de alimentar polémicas movidas pola carraxe sobre da pureza da alma e as impurezas do corpo, buscaron unha alternativa, aceptada con elegancia pola propia artista, e decidiron modificar a proposta cambiándoa por un mural tenebrista cheo de referencias pagás e pintado cunha execución técnica excelente. A maiores, convidaron a artista a regresar a Carballo para pintar ese mural orixinal noutra parede menos sensible aos efectos pecaminosos da intervención humana.  


Oitava Estación
Mural de Lula Goce

Penso que concordarán comigo se digo que tanto a inocencia como o pecado está nos ollos que miran, non nos obxectos que eses ollos ven. As feridas da sensibilidade lévanse no interior preto dos remedios para curalas e os alimentos necesarios para engrandecela non andan lonxe se miramos ben dentro, acó, no máis profundo de nós mesmos. Por iso, derrubar muros con pintura abrindo fronteiras estéticas e ideolóxicas é unha labor en prol dunha humanización urbana imposible de parar porque xa é un feito instalado no imaxinario colectivo carballés. Non será un camiño libre de atrancos pero ninguén poderá pechalo con cancelas de ignorancia. E parecen telo moi claro tanto o concelleiro de Promoción Económica Xosé Regueira, como a técnica de turismo Maite Parga, que amosan acotío unha actitude de discreción e sensatez, en todos os proxectos que emprenden,  que xoga sempre a favor do avance sen pausa de cambios e mudanzas imprescindibles para que Carballo sexa unha vila de referencia.


Novena Estación
E de virtudes públicas falamos cando os nosos feitos están motivados por intereses nos que o persoal pasa a un segundo plano en favor do conxunto da cidadanía. Poñer a “res pública” por riba de calquera outro interese é o que diferenza as sociedades democráticas das que non o son. Nada que ver con tanto vicio privado que anega de corrupción a vida pública e política deste pais e que nos enche de vergoña día tras día.


Décima Estación
E de interese público é o destino dos nosos impostos. Decisións políticas que definen a mentalidade social dos gobernantes. Por poñer un exemplo, os primeiros recortes en época de crise económica na maioría das institucións públicas aplicáronse no sector cultural. En Carballo non foi así. E teño reflexionado moitas veces co alcalde Evencio Ferrero sobre dese asunto e do que podemos denominar economía cultural. Do que custa manter un nivel de actividades de altura e das ganancias e perdas que reporta. E en contra do que pensan algunhas “mentes preclaras” insistindo en que son fondos perdidos, coincidimos plenamente en que por cada euro que invertamos en educación e cultura, máis pronto que tarde, as ganancias para o conxunto da cidadanía crecen de forma exponencial. E non me refiro só ao imprescindible crecemento espiritual e persoal, senón ao aspecto puramente material e pecuniario.


Undécima Estación
Galería Manuel Eirín

Tamén hai veces que os intereses privados aportan beneficios á colectividade, puideramos dicir que de unha forma intrínseca, natural. Negocios privados que, dende o meu punto de vista, teñen un gran compoñente altruísta. É o caso do pintor e decorador Manuel Eirín Nemiña que abre unha galería de arte e artesanía de calidade en Carballo cunha retrospectiva que, en certo modo, rende homenaxe a Manuel Facal, pintor, escultor e gravador carballés de sona internacional que xa hai moito tempo que merecía unha mostra de ese nivel na súa vila natal. E digo altruísta porque as ganancias privadas, (se non terminan en perdas), dun negocio deste tipo, nunha vila de tamaño medio como a nosa, son moi pequenas en comparanza coa súa aportación pública de interese artístico e cultural.


Duodécima Estación
Mural de Bosoletti (Foto: Turismo Carballo)

O mundo das ideas e a creatividade é o espazo natural da liberdade e o principal tesouro que unha sociedade democrática ten para sentirse orgullosa de si mesma. É un completo desatino que na actualidade, con pretextos de dubidosa credibilidade, a liberdade de expresión estea limitada por unha lei mordaza que asfixia toda manifestación inconveniente para o poder. As palabras en democracia, gústennos máis ou menos, sexan incómodas ou gratas, compártamos o seu significado ou non, son a única e pacífica arma coa que contan os  individuos e a colectividade para se manifestar con liberdade. Pero por se quedaban dúbidas de que a arte non admite buzos, nin impedimentos moralistas para se desenrolar, Bosoletti deixounos pintada unha muller que sae da pedra sen pudor, impresionante.


Decimoterceira Estación
Hai que ter moito coidado porque os prexuízos son defectos que descoñecemos como propios, (xa que só os recoñecemos en testa allea), e que inflúen nas actitudes e decisións actuando como espitas velenosas. Estes dias que estamos a vivir convulsos movementos políticos, (nada novo por outra parte), sería estupendo que demostrásemos a nosa madurez democrática desdramatizando unha realidade que necesita limpeza e cambios profundos para alcanzar uns niveis de consenso, convivencia e liberdade aceptables. Seguramente ningún tempo pasado foi mellor e ningún tempo por vivir será peor que o que vivimos, por iso un pouco de mesura e tranquilidade non viría nada mal.


Decimocuarta Estación
Ramón Chao con Farruco Fraga e Santiago Pazos en Carballo


Non podía ser doutro modo, esta última estación tiña que ir dedicada a un amigo que nos deixou máis orfos do que xa estabamos. O triste pasamento do escritor e periodista galego Ramón Chao encheume de lembranzas. Aló polo ano 1982 entrou sorrinte na cafetería do Círculo de Bellas Artes de Madrid, onde nos citáramos, cun feixe de vinilos dos  “Carayos”, grupo no que tocaban os seus fillos Manu e Antonio. Despois vímonos en moitas ocasións por diversas circunstancias, sempre boas. E aínda vivindo na distancia e mantendo un contacto moi esporádico nunca deixou de tratarme con amizade e agarimo. Aceptou vir a visitarnos a Carballo e coa colaboración de Farruco Fraga e a Asociación Cultural Lumieira organizamos un animado coloquio no que desvelou boa parte da súa biografía. Unha visita na que o acompañaba Felisa, a súa amada dona, e que deixou unha pegada difícil de esquecer. E de xustiza dicir que os bos homes nunca se van porque a súa memoria permanece viva nos corazóns dos que tivemos a sorte de admiralos e respectalos.




domingo, 27 de mayo de 2018

HOMENAXE A ASUNCIÓN ANTELO




“EU NACÍN ANTES DE TEMPO”


HOMENAXE A ASUNCIÓN ANTELO

GALERÍA ESTUDO GARABATO - CARBALLO 2018






VERSOS DE REBELDÍA 


ESCARAVELLANDO NA TERRA COAS MANS NÚAS E O MUNDO EN CONTRA.

RACHA UN PAU NO AR COMO SE TRONZARA UN OSO QUE MUDA A CARNE DE COR
 E A FALSA E PRÍSTINA INOCENCIA ESVAECE VENCIDA POR VERSOS DE REBELDÍA.

ONDE A RAÍZ DA PATACA PRENDE A PALABRA DE ASUNCIÓN ANTELO FLORECE.





AUTOR: SANTIAGO PAZOS 

ASESOR FOTOGRÁFICO: JOSÉ Mª DE LA VIÑA 




martes, 1 de mayo de 2018

"O Bululú" do Colectivo Miolos

O BULULÚ

EXPOSICIÓN DO COLECTIVO MIOLOS
(Milagros Cotelo, Santiago Picos, Cristina Castro e Mon Lendoiro)


ESPAZO XOVE CARBALLO
Rúa Valle Inclán (Carballo - A Coruña)

(Do 15 de xuño ao 31 de xullo de 2018)

Actuación de Carmen Cotelo na Inauguración 
(Fotografía de Mon Lendoiro)



Sen dúbida unha interesante e novidosa proposta esta homenaxe aos Bululú. Entrañables e admirados comediantes que con todo o seu repertorio dentro dunha maleta viaxaban en solitario, de cidade en cidade, representando todo tipo de espectáculos. E por extensión un agarimoso homenaxe ao mundo do teatro en conxunto.

Doce obras plásticas alegóricas doutras tantas coñecidas obras de teatro entre as que podemos encontrar “Divinas palabras” de Valle Inclán, “Hamlet” de Shakespeare, “Vodas de sangue” de García Lorca, ou “Morte dun viaxante” de Arthur Miller.

Os catro artistas que forman o colectivo Miolos amosan técnicas e estilos diferentes pero seguindo un hilo condutor común. Todas as obras, dun mesmo tamaño, van enmarcadas dentro dunhas artísticas maletas, que simbolizan o carácter viaxeiro do Bululú, feitas por eles mesmos.

Recomendable exposición tanto pola temática como polo nivel creativo que nos presentan. De visita obrigada para todos os interesados tanto nas artes plásticas como nas artes escénicas e a literatura.

Saúde


SANTIAGO PAZOS


 







  








sábado, 28 de abril de 2018

"VOANTES" DE LAURA TOVA

SINXELEZA CONTRA OS EXCESOS

(A propósito de “VOANTES”)
EXPOSICIÓN DE LAURA TOVA

(PAZO DA CULTURA- ANDAR 1- CARBALLO)
Do 12 de abril ao 6 de maio


  
Teño escoitado en moitas ocasións que os excesos de ruído non deixan escoitar ben a música. E aínda que os excesos en si mesmos non sempre sexan negativos, penso que é unha reflexión que se pode xeneralizar e aplicar noutras disciplinas. Por exemplo no deseño gráfico publicitario, no que se procura que a mensaxe teña unha nitidez incuestionable liberándoa de referentes secundarios.


Algo así pasa en “Voantes”, unha mostra na que Laura Tova bota man da sinxeleza, sinal inconfundible do seu persoalísimo estilo, para amosarnos un punto de vista persoal sobre a liberdade. Unha proposta conceptual na que o importante reside no que se conta, na mensaxe, dunha forma sinxela e directa, sen subterfuxios lingüísticos nin complexas iconografías, pero cunha profundidade filosófica e vital que invita a reflexión, individual e colectiva, sobre desa capacidade humana para soñar e pensar en liberdade.


Proxecto interdisciplinario no que palabra, imaxe e materia  son as ferramentas que dan forma e visibilidade a esa gran idea/forza que quere transmitirnos: que somos quen, se queremos e nos empeñamos, de superar a maldición de Ícaro sempre que as nosas ás están feitas de sentimentos puros e sinceros.


Despois de ver este magnifico traballo non teño dúbida de que a ilustradora carballesa está nun momento de creatividade excelente, demostrando unha madurez de estilo, tanto formal como teórico, que destaca singularmente nese mundo artístico no que se move profesionalmente. Un estilo, por outra parte, que evoluciona, dentro dese minimalismo figurativo tan persoal, sen perder orixinalidade.


Eu de vós non perdería esta ocasión para gozar de ese mundo de arte e sensibilidade que nos ofrece Laura Tova en “Voantes”.

Parabéns e saúde.


 SANTIAGO PAZOS




miércoles, 20 de diciembre de 2017

MON LENDOIRO

PERSEVERANZA
A PROPÓSITO DE “PEQUENOS MOMENTIÑOS DE FELICIDADE”

EXPOSICIÓN DE MON LENDOIRO

NA GALERÍA  ESTUDO GARABATO
(Do 16 de decembro ao 26 de xaneiro de 2018)

CARBALLO (A CORUÑA)





Se tivera que definir cunha soa palabra a Mon Lendoiro diría que non é moi doado, pero se non teño máis remedio, quizais perseveranza sería a máis acaída.

Perseveranza: persistir nunha maneira de ser ou de obrar, insistir, ademais de durar moito tempo, recolle o Xerais como significado. Perseveranza, é dicir, Mon Lendoiro.




Non busca transcender, ou así mo parece, nin coa súa obra, nin co seu comportamento vital, pero loita por conquistar ese espazo propio no que poder desenrolar toda esa creatividade e inquietude que bule no seu maxín. Gústanlle as cousas pequenas, directas, sen subterfuxios. E cando se enfronta a grandes tarefas, é dos que tiran do carro, en grupo, pero na vangarda, sen medo a fracasar porque sabe que co esforzo todo se pode lograr.

Aí están, para demostralo, o Colectivo Crea formas, os murais de Derrubando muros con pintura, os libros ilustrados, e as innumerábeis exposicións individuais e colectivas. Sen esquecer, por suposto, o que considero esa aposta, tan arriscada como necesaria, ou case imprescindíbel, para a vida cultural de Carballo, como é a Galería Estudo Garabato.   


A súa obra pictórica é moi persoal. Entre un naif con certas connotacións hippies e un pop art colorista e tenro, está chea de significados e sentimentos, como ben se pode comprobar nesta exposición individual. Eses pequenos momentos de felicidade allea e persoal que impregna de sensibilidade a mirada máis esquiva.

Parabéns e grazas, Mon Lendoiro. E segue perseverando...

Salud



SANTIAGO PAZOS

martes, 19 de diciembre de 2017

FELIZ NADAL / FELIZ NAVIDAD


Un ano mais, dende o corazón de intrusosenlared,
grazas mil por visitarme.

Feliz Nadal e próspero ano 2018

.............

Un año más, desde el corazón de intrusosenlared,
gracias mil por visitarme.

Feliz Navidad y próspero año 2018

SANTIPAZOS