lunes, 21 de marzo de 2022

ALBERTO GENDE

ENCHER O BALEIRO 

DE ALBERTO GENDE


SANTIAGO PAZOS

 

Non resulta sinxelo escribir sobre Alberto Gende  cando acabas de ler esa minuciosa, exhaustiva e sentida loanza do seu irmán Xurxo (poeta de lembranzas e mudanzas a navalladas), no completo libro-catálogo “Encher o baleiro”, deseñado con todo mimo por Juan Félix (outro Chapela), que se publica con motivo desta merecida Exposición Homenaxe, no Pazo da Cultura de Carballo, cando se compren dez anos do pasamento do artista. En realidade, tería que copiar aquí ese texto e non dicir máis nada.

Pero tamén é certo que a personalidade de Alberto suxire e merece valoracións diverxentes, fundamentalmente por esa polifacética dedicación profesional, teórica e vital da que facía gala, xa que sabía que no mundo das artes, cando viaxas na procura dunha linguaxe propia, os camiños íntimos e persoais por percorrer e os procesos creativos nos que mergullarse esixen asumir riscos dos que non se pode fuxir. Un viacrucis cheo de encontros, desencantos, depurados descubrimentos e un cúmulo de contradicións que foxen das certezas absolutas, por ser estas o maior obstáculo para acadar esa identidade que representa o interior nu do verdadeiro artista.


E sendo certo que nunca rexeitou admitir todo tipo de influencias, considero innecesario adscribilo a un movemento artístico concreto, nin citar a ningún mestre ilustre, porque cando un artista que dende tan mociño consegue ser un referente admirado, e que concita ao seu arredor tantas sensibilidades alleas, só indica que detrás da súa obra hai verdade e sincero compromiso. Por iso sempre foi fiel, dende o debate interior e por tanto abstracto, a esa inquedanza por configurar espazos estéticos e conceptuais únicos que lle conferían un valor creativo engadido, e cuxo resultado excepcional podemos comprobar nesta completa Retrospectiva.

Penso que tanto o libro catálogo como o deseño expositivo acertan interpretando a inxente produción de Alberto, dende unha narrativa que amosa as diversas disciplinas nas que pescudou, sen presentalas coma compartimentos estancos, respectando certa cronoloxía, para facilitar o tránsito do lector espectador nesa viaxe, inevitablemente diversa e invasora, pola vida e obra do artista.


E se facemos un pequeno resumo da súa produción, temos que destacar que como deseñador gráfico, tanto en logos, en carteis, ou programas, podemos ver obras nas que consegue concentrar con intelixencia as esencias básicas da mensaxe que se pretende transmitir en imaxes que impactan. Como debuxante simplifica o trazo para destacar só o que imprime carácter. Como fotógrafo intenta mostrar o cotiá con desenfado intencionado, sen esquecer que cada xesto marca a liña que separa o accidental do provocativo. E como pintor, hai que destacar que, despois de dedicarse a facer collages que delatan caóticas coincidencias, ou a explorar nesa serie de conxuncións de refugallos, que adquiren formas caprichosas cando son artellados ao antollo do creador, descobre que nada do que un verdadeiro artista maquina é inocente e que cada etapa é unha estación de paso que ha de levalo, con rigor e disciplina, cara un estado de imperfecta satisfacción. 

 

E aí, nese momento tan decisivo da súa vida, presenta esas últimas “Pinturas ocultas”, o traballo máis introspectivo, analítico e rigoroso, abstracto e conciso, da súa traxectoria pictórica. Unha proposta na que amosa moito máis do que pretende agochar tras ese enigmático título. Un derradeiro acto de rebeldía que nos obriga a reflexionar, máis aló dos dilemas puramente técnicos, plásticos ou cromáticos, sobre a intencionalidade última que comporta a obra de arte en si mesma. En definitiva, un chanzo máis nesa permanente loita na que viven os artistas, confrontando o mundano co íntimo, e a materia co espírito, para conseguir elaborar un esquema afectivo e filosófico dentro do que poder vivir sen avergoñarse.

Parabéns e saúde





NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Carballo e Bergantiños de La Voz de Galicia









 

 

 


viernes, 11 de marzo de 2022

SANTIAGO PICOS

AS DIVERSIDADES DE SANTIAGO PICOS

GALERÍA DE ARTE / ESPIRAL MAIOR FORO

(RÚA DO SOL, 34 - CARBALLO) 


SANTIAGO PAZOS

(FOTOGRAFÍAS DE ELIZABETH NÚÑEZ

 

Miguel Anxo Fernán Vello, Santiago Picos e Santiago Pazos


Dicía Don Santiago Ramón y Cajal, en 1899, que todo home podía ter a capacidade de ser o escultor do seu propio cerebro. O segredo era moi sinxelo: traballo e perseveranza. Hoxe, dominados pola cultura de masas e as redes sociais, vivindo nesa sociedade líquida, definida por Z. Baumant, na que toda idea se volatiliza case antes de ser expresada, e inmersos en superar vangardas e transvangardas,  pretender tal cousa como ser dono dalgo tan exclusivo semella unha tarefa case que imposible.

 

O que si creo é que somos quen de construír unha mirada persoal sobre do que nos acontece, tanto interior como exteriormente. E algúns teimudos como son os artistas, caso de Santiago Picos,  non só acadan esa mirada única e particular, senón que teñen o privilexio, non sempre ledo, de poder confrontar o seu traballo con esoutras miradas alleas que perseguen ser reconfortadas estética e espiritualmente. Unha especie de paraíso cheo de contradicións.

 


Aí é onde se atopa Santiago Picos, un pintor e ilustrador que, entrando xa na madurez creativa, aínda conserva esa frescura contemplativa, non exenta dunha profunda reflexión crítica, que lle permite xogar e compaxinar, sen complexos estéticos ou académicos, estilos diversos como poden ser o simbolismo surrealista ou o expresionismo gótico  para enriquecer a súa proposta pictórica.

 

Un divertimento ecléctico que, lonxe de amosar inxenuidade, suxire un serio compromiso teórico e filosófico que podemos resumir nesa frase de E. M. Cioran na que sinala que o primeiro pensador foi sen lugar a dúbidas o primeiro maniático dos por que? Autor que xunto a Poe ou Lovecraft son lecturas de cabeceira de Picos.

 

E son eses “por que?” os que conducen a Santiago Picos a profundar na diversidade de estilos e correntes artísticas, dende  Durero a Dalí, para conformar unha identidade propia. Instrumentos non lle faltan, é un perfeccionista, debuxa con trazo seguro e limpo e pinta con dominio das perspectivas e as cores. Pero se me permiten destacar unha facultade que eu aprecio por riba de todas, ten unha mirada única que permite, como recorda o pintor e escritor Alfred Kubin, que o espectador subsista na propia pureza simbólica.

 

Esta Mostra que podemos ver en Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34) é un exemplo da positiva evolución dun artista que agroma para darnos nun futuro próximo moitas e agradables sorpresas.

 

Parabéns para Santiago Picos e saúde.


Nota: 

Este artigo foi publicado na Edción para Carballo e Bergantiños de "La Voz de Galicia"



   

viernes, 17 de diciembre de 2021

XULIO GARCÍA RIVAS




A VIAXE DENDE A PAISAXE Á ABSTRACCIÓN 


SANTIAGO PAZOS

 

Cando temos oportunidade de gozar dunha exposición de pintura tan salientable como “As raíces da luz” de Xulio García Rivas na Galería de Arte Espiral Maior Foro, (neste preocupante Nadal cheo de renovados bríos pandémicos), temos a impresión de topar cun dilema conceptual que nos obriga a mirar sen complexos académicos, a rexeitar arquetipos, a descifrar paisaxes figurativos baixo capas de tinta que agochan con timidez o que a intuición recoñece, a pouco que escaravellemos no subconsciente, como espazos propios, xa recorridos, pisados e vividos.

Esa suposta contradición entre figuración e abstracción, esa aflixida catarse que se produce cando comparamos unha paisaxe clásica con esas manchas de pintura que marcan difusamente lindes, camiños, montañas, mares encrespados e firmamentos, ao discorrer libre sobre a tela branca dun cadro, paréceme ficticia.

Penso que non hai artistas máis respectuosos co clasicismo que eses ousados creadores que exploran sen medo nesa vertixe paralizante que provoca un lenzo branco (coa excepción, por suposto, de Malevich). E no caso de Xulio é moi patente a influenza que exercen, sobre o seu mundo creativo, autores como Friedrich, Turner, Monet, Matisse ou o paisaxismo tradicional xaponés. Como docente e profesor asume que non existe evolución creativa se non se coñece e se aprende da Historia do Arte, e que toda transformación precisa da análise crítica do acontecido antes.

Escribía de xeito didáctico García Rivas en 2015, con motivo dunha exposición súa no Pazo da Cultura de Carballo, que “as obras falan só de pintura na que a abstracción e figuración non son conceptos opostos senón que proceden da realidade profunda da arte que é a súa propia linguaxe. A miña pintura é realista aínda que non sexa verista ou visualmente representativa porque a súa realidade de fondo consiste nunha expresividade emocional a través da cor. A pintura non está rematada só no papel, senón na mente de quen a contempla. O espectador ten que ser unha parte activa e ten dereito, polo tanto, a reinterpretar as obras aínda discrepando do seu autor, especialmente nas pinturas que se basean na capacidade de suxerir por medio da mancha, do xesto, da cor e da luz”.

Esta reflexión define perfectamente un traballo no que, con sutileza extrema, convida a mirar a paisaxe dende un estado de íntima sensibilidade, que fuxe do canon iconográfico establecido.  Unha aposta que reivindica a comunicación libre entre creador e espectador ao deixar aberto un amplo espazo de interpretación persoal.

Parabéns para este pintor que amosa madurez plástica, claridade de ideas, (recomendo ler con detemento os títulos dos cadros), e dominio da técnica, e agradecementos para Miguel Anxo Fernán Bello por elixir a Rúa do Sol de Carballo para instalar este importante Foro cultural de obrigada visita para todos os amantes das artes plásticas e da literatura.

Saúde.


NOTA: 

Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia

    

    (20/12/2021)

  

sábado, 20 de noviembre de 2021

lunes, 1 de noviembre de 2021

NUEVE DE NUEVE TEATRO

 

(FIOT 30)

 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


O TEATRO É UN VELENO PURIFICADOR

 (A propósito de “Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)”

de José Troncoso para Nueve de nueve Teatro)

 

SANTIAGO PAZOS

 

 

Celebro que o FIOT 30 pechase a Programación de Sala cunha obra que fala do teatro como un veleno purificador, un mecanismo perverso argallado para transgredir esa idea de normalidade que os convencionalismos sociais impoñen. Un elixir que, polo menos nun momento de ficción, consigue liberarnos desas ataduras, cargas e prexuízos que nos impiden ser esoutra personaxe na que soñabamos converternos sen ser quen de logralo. 

Esa capacidade do teatro para aducir, non só aos profesionais de vocación, senón tamén a ese público que acude na procura de vivir un acontecemento extraordinario, no que a permisividade sobre calquera materia ha de ser sempre norma e nunca excepción, tróuxome a memoria “París no se acaba nunca”, novela de Enrique Vila-Matas na que se queixa da inxustiza que supón non poder verse de xeito distinto a como os demais o perciben. (“Si al menos alguien, ya no digo mucha gente sino alguien, supiera verme idéntico físicamente a Hemingway”).

Lamento, por certo, que me levou hai tempo a escribir un artigo que se titulaba “Xogando a non ser quen es”, no que defendía a tese de que todos podemos transformarnos e soñar, ou facer realidade esas fantasías que, parecendo inalcanzables, non son tan difíciles de acadar se perseveramos con forza. E defendía eu, por suposto de forma metafórica, que sempre que me petou fun Andy Warhol e nunca me topei con ninguén que dubidase de tal cousa.

 

E precisamente, neste “Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)” xogan a iso mesmo, a propor alternativas contra o conformismo sen perspectivas, confrontando as contradicións que se producen na relación dunha curiosa parella “normal” na que un deles decide facer realidade esa ilusión, aparentemente atolada, de que debe e pode cambiar de vida, mentres a outra non comprende esa necesidade de cambio e teme perder a tranquilidade que lle produce o status social conseguido. Unha traxicomedia, como afirma o autor e director José Troncoso, na que a cuestión fundamental e vivir ou non vivir.

Mais se deixamos as pretensións artísticas a un lado, incluídas as miñas literarias divagacións existenciais,  e nos centramos na dramaturxia e na posta en escena, pronto descubrimos que toda a arquitectura desta simpática obra susténtase na gran capacidade de Mariano Marín, (encargado da composición e dirección musical e Premio Max por este traballo), que crea un espazo sonoro no que a música, moi ben interpretada ao piano en directo por Néstor Ballesteros, non só acompaña o que acontece no escenario, senón que delimita e marca con precisión o ritmo, os tempos e os movementos.

E se esa estrutura escénica ao estilo dos clásicos musicais está adecuadamente orquestrada, a interpretación de dous actores xeniais, como son Carmen Barrantes e Jorge Usón, que dominan ese estilo de humor grotesco e pouco natural de crear personaxes histriónicos, é sobresaínte. Parecía por momentos que foran pulchinelos artellados por mans alleas.

 


Unha historia tenra, sinxela, estupendamente escrita e dirixida, que utiliza o teatro como un revulsivo para encontrar esa felicidade esquiva que todos perseguimos, mais que, pola contra, ten un final dramático que non esperaba. Seguramente é un defecto persoal, non me importa que unha traxedia acabe con todos os protagonistas esnaquizados, pero a miña sensibilidade non soporta que iso pase nunha comedia musical. Ai!

E como temos que pechar, xa que no teatro non queda nin o apuntador, espero terlles transmitido, coas miñas reflexións, que un artista, como dicía André Gide, non debe contar a súa vida tal e como a vive, senón vivila como quere contala. 

Saúde y larga vida…


NOTA: Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"


 

 

 

 

martes, 26 de octubre de 2021

VOADORA

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

A ESTÉTICA É A MENSAXE?

(A propósito de “Othelo” de Marta Pazos con Voadora) 

SANTIAGO PAZOS


Foto de Estrella Melero para Voadora 

Non, por suposto que a estética por si soa non é a mensaxe aínda que pareza que, dalgún xeito, Voadora ven a confirmar aquelo que dicía Marshall McLuhan cando aseguraba que a mensaxe estaba no Medio. E penso que non é así porque na conversa que tivemos co Produtor José Díaz, no “Café con...” un pouco antes da función, dounos detalles bastante concretos sobre do seu proceso de traballo. Unha dinámica que comeza por afondar obsesivamente na actualización textual de cada proxecto que emprenden para darlle consistencia teórica, pasando posteriormente a explorar a dramaturxia que mellor se adapte a iso que se quere contar.

Agora ben, cando vas a un espectáculo desta Compañía sabes que o seu persoal estilo imponse sobre calquera outra consideración. E nese eido, sen dúbida pola procedencia artística da escenógrafa e directora Marta Pazos, licenciada en Belas Artes, a montaxe escénica, a estética, ten un peso que condiciona os outros elementos que conforman ese produto teatral.  Música, luz, tempo, ritmo, movemento e interpretación funcionan coma un engrenaxe compenetrado e sen fisuras. Unha pintura na que o marco non é un accesorio aleatorio, a obra é total ou non é nada.

A única vez que vimos a Voadora no FIOT foi en 2014 con aquela Tempestade, outro Shakespeare, que me sorprendeu por certos momentos de xenialidade e por aqueles espellos nos que confrontaban o texto orixinal coa contemporaneidade, algo que retoman neste “Othelo” tan particular e transgresor. E quere o azar que naquel ano vimos tamén o primeiro “Othelo” representado no FIOT, o da Compañía chilena El Viajeinmóvil, enfocada, coa axuda de marionetas, en destacar a manipulación dos sentimentos humanos e a violencia contra a muller. E será por coincidencias, ou non, que este “Othelo” de Voadora recupera esa visión de que, se intuímos o que se cala na obra, Desdémona sería a protagonista indiscutible.

E como diría algún poeta, falan máis os silencios que aqueles berros que che rouban os soños, porque velaí que o ano seguinte (2015) vimos outro “Othelo”, do arxentino Gabriel Chamé, que con técnica de clown e facendo comedia, algo que tamén recupera Voadora, amosan unha revisión espacial, plástica, divertida e moderna desa obra, centrada na dominación e os celos.

 

Foto de Estrella Melero para Voadora 


Rememorando isto non quero dicir que todo estaba escrito antes e que Voadora só lle fixo un traxe novo á propostas antes exploradas. Simplemente quero facer unha especie de simbiose histórica que confirma que esa aposta de Marta Pazos por explorar narrativas que nos permitan entender, cunha visión actualizada tanto teórica como estética, conflitos que foron contados, séculos atrás, dende códigos de comportamento que hoxe en día están caducados, é unha opción razoable e saudable.

Finalmente, facer unha pequena pero importante reflexión, case sempre os artificios escénicos impiden que a mensaxe que se quere transmitir chegue nítida a ese receptor anónimo que busca entender, non só o discurso, senón as circunstancias que provocan que tal discurso teña motivos para ser feito. E penso que, por descoñecer eses innovadores  códigos de comunicación, a maioría dos espectadores fioteiros saíron decepcionados porque non entenderon a lingua na que Voadora lles estaba afalar. Polo demais, a montaxe é excepcional.

Saúde y larga vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"

 

 

 

  

SERENA PRODUCCIONES

 

(FIOT 30)

 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


A MEMORIA COMO CATARSE E LIBERACIÓN

(A propósito de “Solo un metro de distancia” de Antonio C. Guijosa)

SANTIAGO PAZOS


 

Se calquera tipo de violación é un acto repulsivo e noxento, a que se exerce en contra da infancia é terriblemente repugnante porque engade a ese execrable delito o espolio da inxenuidade, o secuestro dunha vida e dunha personalidade que están por construír, a subtracción violenta desa sensación única que cada un debe experimentar por si mesmo de crecer e descubrir o propio corpo. Unha lacra que incita a utilizar toda esa artillería visceral que provoca e que como seres racionais debemos controlar para non parecermos a eses que detestamos.

Esa racionalidade analítica é a que utiliza tan intelixentemente  Antonio C. Guijosa en “Solo un metro de distancia”, que como un experto cirurxián fai unha disección completa da mente da vítima, e de todas as circunstancias que a rodean, sen a mínima concesión á lágrima fácil e sen escatimar en ningún momento amosar as debilidades e contradicións argumentais que padecen as personaxes  protagonistas deste drama.

A terapia que propón é individual e colectiva, un espazo de reflexión que amarra ao espectador na butaca sen darlle máis tregua que unha peza musical de Ludovico Einaudi, unha especie de purgante que fai de transición entre unha primeira parte expositiva e outra segunda resolutiva. ( Autor, por certo, que sempre acompaña como banda sonora estes artigos que eu escribo).

Dicía Bernard Dort, en “Tendencias do teatro actual”, que o gran problema que debe obsesionar ao teatro é a aptitude que ten para representar a realidade e poñer en escena o mundo que vivimos. E penso que onte puidemos comprobar como hoxe en día hai profesionais con capacidade dabondo para crear unha dramaturxia que aborda sen complexos e con profundidade todo o que acontece, o que nos perturba ou nos deleita, o que nos dana ou nos libera.

E se o autor e director é quen de construír esa estrutura teatral tan potente e descritiva,  as catro actrices están espléndidas, cribles e naturais. Debe ser ben complicado, tratando un tema tan sensible, non deixarse levar pola inercia tráxica, nin abusar do xesto exaxerado e o lamento de tradición clásica. Toda a interpretación é contida e suficientemente expresiva para que o espectador non se extravíe nesa narrativa espesa que compón esta gran obra. Un estilo que se compadece pouco dese público que vai ao teatro por pasar o tempo.

Ana Mayo, (vítima), Camila Viyuela, (a irmán que vai parir unha nena), Muriel Sánchez, (psicóloga) e Beatriz Grimaldos, (parella lesbiana da vítima), debuxan e transmiten con verdade a despersonalización, o desdobramento mental, a viaxe na procura da orixe do trauma, o recoñecemento da aldraxe, a culpa, o perdón, o abismo, o esquecemento, a covardía, os intentos de suicidio, os prexuízos, a memoria, a vida recobrada, a liberdade.

Hai moita narrativa, mil aspectos que contar, avaliar, unha necesidade de purificación imposible. O texto non para, non hai un silencio onde acougar un pouco, as palabras son como martelos que trituran os miolos desa vítima que non pode escapar do seu pasado, nin vivir un presente digno. O infanticida, culpable de apropiarse indecentemente da inocencia máis prezada, non ten conciencia de ser tal, (detesto ese concepto de vitimario, tan usado ultimamente para definir a un asasino). E os cómplices por omisión non queren escoitar, recordar, compadecerse. Todos pregan por un silencio que atrona, sen comprender que só a catarse é o camiño que pode curar tanto sufrimento.

Seguramente hai elementos que complican a comprensión sinxela do relato. Aspectos secundarios que por si mesmos poderían ser centro de atención. Por exemplo, que a vítima sexa lesbiana, ou ese personaxe que lle ofrece as pastillas suicidas co que espera ter un futuro prometedor, ou incerto, quen sabe? Pero nada disto lle quita mérito a unha obra tan ben escrita, dirixida e interpretada.

E mentres sigo a escoitar a Einaudi como se foxe unha pregaria, non esquezo esa última confesión da nai da vítima na que, sen pedir perdón nin pretender confortala, confirma que ela, cando logrou fuxir, nunca volveu pisar a casa dos seus pais.  ¿?

Saúde y larga vida…


NOTA: Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"


 

 

 

 

martes, 19 de octubre de 2021

RON LALÁ

 

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


A RISA EN VERSO

 (A propósito de “Andanzas y entremeses de Juan Rana” de Ron Lalá)

SANTIAGO PAZOS

 


Eu gozaría poder vivir eternamente con esa íntima sensación que Modesto Fraga describe nestes versos de “Adagio por outono”: “A túa pel tan suave é a caricia / que ansío ter nas noites de outonía, / o saboroso celme de alegría / a ensalitrada man que me acaricia.”

Mais polo xeral, esa idílica inercia de buscar un paraíso sempre me levou a sufrir tempos dominados pola ironía desta Greguería de Don Ramón Gómez de la Serna: “En el billete de ida y vuelta tememos que nos perforen la vuelta en vez de la ida, obligándonos a volver al revés, comenzando a ir otra vez para poder volver de nuevo”.

E igual que co meu devir teño este tipo de contradicións, con Ron Lalá pásame algo parecido. Non sei se a ese estilo, onde recuperan a métrica clásica da mellor poesía satírica, lle picaron o billete de volta e teñen que cambiar de rumbo para comezar de novo, se inexorablemente de éxito tamén se morre, ou se por non cambiar de rexistros languideces sobre un pedestal que os ventos corroen sen piedade. Non fago gran descubrimento se lles digo que parecerse demasiado a un mesmo pasa de ser virtude a pecado sen decatarnos que os tempos mudaron.

Sei, porque o seu Director, Yayo Cáceres, confirmouno onte, que esa reflexión non só é unha percepción miña, xa que no novo proxecto que están argallando farán cambios substanciais sen perder, por suposto, as “Esencias Ronraleras”, unha loita permanente para que “a risa non morra enferma de seriedade”.


“Andanzas y entremeses de Juan Rana” é unha obra baseada nun cómico que tivo gran éxito no século de ouro para quen escribiron dramaturgos como Calderón de la Barca e que, acusado de sodomía pola Inquisición, saíu indemne grazas a protección de poderosos amigos. Espectáculo que mantén esa liña de crítica ácida e desenfadada sobre todo tipo de corruptelas, abusos de poder e convencionalismos sociais, e que profunda na dificultade que o humor, a sátira, e incluso o escarnio de ser preciso, tiveron na historia e teñen na actualidade.

Supoño que para quen os vira por primeira vez sería un descubrimento extraordinario. Música en directo, ritmo trepidante, ocorrentes, divertidos, próximos, populares e cultos a un tempo, simpáticos e luminosos. Eu aplaudo esa disposición, a dos artistas para provocar esa chea de gargalladas, e a do público por mirar e escoitar engaiolado chanzas e chacotas que lle fixeron pasar momentos ben divertidos.


Agora ben, os que miramos dende a memoria e vemos o camiño que ten percorrido Ron Lalá dende “Mundo y final”  ata os xeniais “Siglo de oro, siglo de ahora”, “En un lugar del Quijote” o “Cervantina”, intuímos que neste “Juan Rana” abusan da “rondalla” e dese ton de tuna resabida que a min tanto me desagrada. E penso que, sendo Álvaro Tato un autor admirable, non atina aquí con esa rima, que noutras ocasións, era capaz de elevarnos a momentos de alta creatividade lírica.

Por outra parte, penso que a representación escénica que vimos onte  ten un defecto pouco comprensible, os tempos, ritmos e composición que marcan movementos, música e voces, ían por momentos descompasados. Ir á présa entorpece, chegas antes pero esqueces as coordenadas do camiño polo que transitas.

Di Eduardo Moga en “Los versos satíricos” que tendemos a rir e a protestar, e ambos son aspectos fundamentais da propia condición humana, froitos dun longo aprendizaxe cultural. E eu, despois de ver esta obra de Ron Lalá, que só nalgún pequeno momento gocei, teño que insistir, como tantas outras veces fago, que nos procesos creativos, eses saltos  sen rede nos que arriscamos vida e obra, conforman un camiño máxico do que nunca seremos capaces de desprendernos se os facemos con verdade.


Sen lugar a dúbida, Ron Lalá teñen un amor especial polo que fan, polo teatro cómico, pola música, por intentar transportar ao espectador a eses lugares onde un só verso provoca todas as risas do mundo, pero tamén é certo que a evolución social e cultural do ser humano, quizais por excesiva sofisticación, precisa de que os transmisores desa cultura muden os códigos de comunicación para poder entender os problemas deste cambiante mundo que nos toca vivir e padecer

 

Saúde y larga vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia"