(FIOT 30)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A RISA EN VERSO
(A propósito de “Andanzas y entremeses de Juan
Rana” de Ron Lalá)
SANTIAGO PAZOS
Eu gozaría poder vivir eternamente con esa
íntima sensación que Modesto Fraga describe nestes versos de “Adagio por
outono”: “A túa pel tan suave é a caricia / que ansío ter nas noites de
outonía, / o saboroso celme de alegría / a ensalitrada man que me acaricia.”
Mais polo xeral, esa idílica inercia de
buscar un paraíso sempre me levou a sufrir tempos dominados pola ironía desta
Greguería de Don Ramón Gómez de la Serna: “En el billete de ida y vuelta
tememos que nos perforen la vuelta en vez de la ida, obligándonos a volver al
revés, comenzando a ir otra vez para poder volver de nuevo”.
E igual que co meu devir teño este tipo de
contradicións, con Ron Lalá pásame algo parecido. Non sei se a ese estilo, onde
recuperan a métrica clásica da mellor poesía satírica, lle picaron o billete de
volta e teñen que cambiar de rumbo para comezar de novo, se inexorablemente de
éxito tamén se morre, ou se por non cambiar de rexistros languideces sobre un
pedestal que os ventos corroen sen piedade. Non fago gran descubrimento se lles
digo que parecerse demasiado a un mesmo pasa de ser virtude a pecado sen
decatarnos que os tempos mudaron.
Sei, porque o seu Director, Yayo Cáceres,
confirmouno onte, que esa reflexión non só é unha percepción miña, xa que no
novo proxecto que están argallando farán cambios substanciais sen perder, por
suposto, as “Esencias Ronraleras”, unha loita permanente para que “a risa non
morra enferma de seriedade”.
“Andanzas y entremeses de Juan Rana” é unha
obra baseada nun cómico que tivo gran éxito no século de ouro para quen
escribiron dramaturgos como Calderón de la Barca e que, acusado de sodomía pola
Inquisición, saíu indemne grazas a protección de poderosos amigos. Espectáculo que
mantén esa liña de crítica ácida e desenfadada sobre todo tipo de corruptelas,
abusos de poder e convencionalismos sociais, e que profunda na dificultade que
o humor, a sátira, e incluso o escarnio de ser preciso, tiveron na historia e
teñen na actualidade.
Supoño que para quen os vira por primeira
vez sería un descubrimento extraordinario. Música en directo, ritmo trepidante,
ocorrentes, divertidos, próximos, populares e cultos a un tempo, simpáticos e
luminosos. Eu aplaudo esa disposición, a dos artistas para provocar esa chea de
gargalladas, e a do público por mirar e escoitar engaiolado chanzas e chacotas
que lle fixeron pasar momentos ben divertidos.
Agora ben, os que miramos dende a memoria e
vemos o camiño que ten percorrido Ron Lalá dende “Mundo y final” ata os xeniais “Siglo de oro, siglo de
ahora”, “En un lugar del Quijote” o “Cervantina”, intuímos que neste “Juan
Rana” abusan da “rondalla” e dese ton de tuna resabida que a min tanto me
desagrada. E penso que, sendo Álvaro Tato un autor admirable, non atina aquí
con esa rima, que noutras ocasións, era capaz de elevarnos a momentos de alta
creatividade lírica.
Por outra parte, penso que a representación
escénica que vimos onte ten un defecto
pouco comprensible, os tempos, ritmos e composición que marcan movementos,
música e voces, ían por momentos descompasados. Ir á présa entorpece, chegas
antes pero esqueces as coordenadas do camiño polo que transitas.
Di Eduardo Moga en “Los versos satíricos”
que tendemos a rir e a protestar, e ambos son aspectos fundamentais da propia
condición humana, froitos dun longo aprendizaxe cultural. E eu, despois de ver
esta obra de Ron Lalá, que só nalgún pequeno momento gocei, teño que insistir,
como tantas outras veces fago, que nos procesos creativos, eses saltos sen rede nos que arriscamos vida e obra,
conforman un camiño máxico do que nunca seremos capaces de desprendernos se os
facemos con verdade.
Sen lugar a dúbida, Ron Lalá teñen un amor
especial polo que fan, polo teatro cómico, pola música, por intentar transportar
ao espectador a eses lugares onde un só verso provoca todas as risas do mundo,
pero tamén é certo que a evolución social e cultural do ser humano, quizais por
excesiva sofisticación, precisa de que os transmisores desa cultura muden os
códigos de comunicación para poder entender os problemas deste cambiante mundo
que nos toca vivir e padecer
Saúde y larga vida…
NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia"
No hay comentarios:
Publicar un comentario