lunes, 23 de septiembre de 2024

FIOT 33

 

FIOT 33

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE


NON HOUBO ESCENARIO CAPAZ DE TANTA MÁSCARA

SANTIPAZOS



Como xa saben os afeccionados fioteiros, antes de comezar coas críticas individuais de cada obra, como é tradición neste medio de comunicación, sempre me gusta facer unha reflexión xeral sobre certos aspectos que afectan a organización do festival, non só da programación. Desta volta collo como título prestado ese verso do libro “Fragor do urdido”, de Eva Veiga e Fernando X. Fernández Naval, que ilustra con precisión o que quero contar. As máscaras son miradas fugaces e discursos encriptados que só se poden descifrar con intuición desconfiada.  

Na presentación desta edición falouse con bastante claridade da necesidade de aumentar a financiación por mor da subida do IPC que afecta tan negativamente, tanto na cesta da compra familiar como no consumo cultural. E tamén se falou, sen concretar verbalmente, das dificultades técnicas ás que se enfronta o FIOT nos últimos anos. Neste caso, as intervencións dos representantes públicos parecíase moito a aquel chiste do gran Gila no que un detective preguntaba con indirectas se alguén matara a alguén. A cuestión, dita sen sutilezas, é se Carballo precisa dun novo auditorio adaptado ás necesidades actuais, e sobre todo futuras, ou seguimos encorsetados outros dez anos.

Podemos estar orgullosos por conseguir ter un festival de teatro que obtén premios de excelencia cultural. Cada ano menos internacional pero con programas ben argumentados, para todo tipo de públicos e sensibilidades, que nos permite ver obras de gran éxito e calidade, con apostas arriscadas en favor da diversidade social na que vivimos e modernizándose a través das novas plataformas de comunicación. Nada que obxectar a este respecto, aínda que non sobra recordar aquela máxima de que de éxito tamén se morre. Como di o Director do FIOT, Alberto Sueiro, e así o manda a tradición, este será o mellor da historia e oxalá teña razón.

FOTO DE VANESSA RÁBADE

O futuro do FIOT non depende nin da organización nin dos programadores, que traballan con ambición de seguir en primeira liña como referentes do teatro en Galicia. O dilema é se queremos crecer e liderar ou repetirnos ano tras ano na zona de confort, se apostamos por aumentar a financiación e se afrontamos o reto de construír  un novo espazo con capacidade para acoller obras de gran formato e aumentar o número de butacas. Algo que só depende das administracións públicas que colaboran co FIOT. (Iso de que só podamos ver a versión 1 de Vania x Vania porque a segunda versión non colle no escenario é penoso). E quen ten que liderar este proceso é o Concello de Carballo, sen demorarse moito tempo, xa que coñecendo como funcionan os procedementos nestas cousas, eu seguramente morrerei antes de que as administracións competentes se arremanguen a camisa.

Falamos de manter, promocionar e deixar crecer un proxecto que sitúa a Carballo na vangarda da cultura en Galicia. Ese lugar que xa ocupa, sumado ao Rexenera Fest ou o Carballo Interplay, por méritos propios. Por suposto que ten un custe e que esta sociedade ten outras moitas necesidades perentorias que precisan de mellor cobertura, mais iso non debe ser impedimento para inverter en equipamentos culturais imprescindibles. Non vaia pasarnos como aos pés das Geishas, práctica ancestral que detesto, que ao impedirlles crecer acaban deformados.

Ten moita razón Rafael Álvarez (El Brujo)  cando di que ou a vida é un chiste, ou non hai quen o aguante. Así que deixando a un lado eses mencionados debates, recomendar que acudan ao teatro e que gocen das risas e dos prantos. 

Saúde e longa vida...


NOTA: 

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

 

 

 

 

 

 

domingo, 1 de septiembre de 2024

martes, 16 de enero de 2024

MAREA BRANCA

MAREA BRANCA

SANTIPAZOS

PELLETS NA PRAIA DE RAZO (CARBALLO) (FOTO DE MARÍA CANEDO)


O artigo que poden ler a continuación foi redactado o mércores da pasada semana. Tempo suficiente para asumir responsabilidades, algo pouco corrente en política cando se trata de render contas. É certo que a Xunta elevou o nivel de risco para que o Goberno Central, que tamén puido ser máis dilixente, puidese colaborar. Mais a realidade é que só o fixeron para descargar culpas como demostran as declaracións, que poden ler en todos os medios de comunicación, do Presidente Rueda e o propio Feijoo, da Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez e do Conselleiro do MAR Alfonso Villares. Iso de ter competencias para engrosar presupostos autonómicos e, cando se deben exercer para encarar os problemas, endosarlle a outras institucións o traballo de solucionalos é unha práctica que se da moi a miúdo no Estado Español. E mentres todo discorre segundo marca o guión electoral, os voluntarios seguen a limpar as praias. Eu, fuxindo de tantas lerias, quédome coas declaracións da Bióloga Eva Giménez-Guri, investigadora na Universidade inglesa de Exeter, dedicada a investigar o impacto destes granulados plásticos na vida mariña, cando di que ao escoitar que non son perigosos bota as mans á cabeza. Xa sabemos que a contaminación por plásticos nos océanos é inmensa, pero querer quitarlle importancia a esta marea branca, como están a facer certos columnista, políticos e algúns medios de comunicación é indignante.

 

DÉJÀ VU

Esta nova marea contaminante provocada pola chegada de “péllets” de plástico ás costas galegas actualiza na memoria outras xa vividas. Parece que teñamos nun déjà vu que funciona en bucle coa particularidade que os recordos fanse realidade nun presente aciago, semellante e distinto a un tempo. Sabemos por experiencia que os accidentes sorprenden por moito que sexamos conscientes que sempre estaremos expostos a que acontezan. Agora ben, ao que non debéramos estar condenados é a sufrir eternamente os mesmos erros nas decisións que se deben adoptar, tanto na prevención como nas solucións, para enfrontar e tomar medidas contra estas catástrofes. Minimizar os efectos ecolóxicos como se fixo co Prestige, actitude que está a repetir a Xunta de Galicia sen ningún pudor, é unha falta de asunción de responsabilidade na xestión que pon de manifesto a incompetencia e a constatación de que non aprenderon nada, que non existen protocolos adecuados de actuación autonómica, nin regras claras de colaboración entre as distintas administracións para casos tan preocupantes que afectan ao medio ambiente. De novo son os cidadáns comprometidos coa natureza os primeiros que se poñen a traballar para limpar, baixo pancartas de “Nunca máis” ou “ Outra máis”, a porcallada que empresas navieiras deixan no noso litoral impunemente, sufrindo ataques denigrantes como os de Daniel Castro, Patrón Maior de Muxía, que os acusa de actuar por intereses electorais. Non sorprende que no PP estean preocupados xa que se o chapapote acabou co “fraguismo”, os minúsculos graos de plástico poden acabar co legado de Feijoo en Galiza. Por outra parte, a oposición e a cidadanía teñen todo dereito, e mesmo obriga, de esixir responsabilidades a quen goberna, coincida en época electoral ou non.