jueves, 2 de noviembre de 2017

MÓNICA CAMAÑO (XOGRARESA DO OUTONO 2017)

26 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 
CARBALLO

ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN
XOGRARESA DO OUTONO 2017

MÓNICA CAMAÑO



TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT


A actriz Mónica Camaño foi elixida nesta vixésimo sexta Edición do FIOT como Xograresa de Outono pola súa intensa e diversa traxectoria profesional e compromiso activo co sector cultural.

Mónica Camaño é unha muller polivalente; a súa carreira transcorre entre o teatro, o cine e a televisión. A súa versatilidade fai dela unha profesional cunhas óptimas cualidades para desenvolverse en calquera destas destrezas.

Desde que comezara a súa andaina artística, hai 30 anos, colaborou con compañías como o Centro Dramático Galego, Teatro do Aquí, Teatro de Ningures, Teatro do Morcego ou agora con Contraproducións, o que lle supuxo traballar con directores como Roberto Vidal Bolaño, Xan Cejudo, Celso Parada, Julio Cardoso, Etelvino Vázquez, Manuel Lourenzo ou Álvaro Lavín en funcións como Emigrados, A Nona, Kevtch, Bailadela da morte ditosa, As do peixe ou Nacidas libres, entre outras.

Froito deste traballo fíxoa merecedora dun premio María Casares pola súa calidade interpretativa.

A sensibilidade coa que a nosa nova xograresa aborda os personaxes e a temática no seu traballo involúcrana e comprométena, dun xeito especial, co sector cultural, levándoa, por exemplo, a constituír, xunto co tamén actor e director portugués Zé Paredes, Teatro Nu, un proxecto de posta en común das realidades galego-portuguesa a través da poesía.

Tamén dirixiu diversos espectáculos, ademais de ser parte activa na dinamización teatral, con grupos de teatro comunitario.

Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á AC Telón e Aparte.

Saúde

No hay comentarios: