domingo, 4 de noviembre de 2018

MICROTEATRO

(FIOT 2018)
27 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

MICROTEATRO METRO CUADRADO

POR 15 MINUTOS DE GLORIA

SANTIAGO PAZOS

Este ano veño insistindo no carácter pedagóxico que ten o FIOT, con iniciativas innovadoras como se pode comprobar en moitas desas seccións que complementan o programa de sala oficial. No caso do Certame de Microteatro Metro Cuadrado funciona como un escaparate para grupos e compañías que precisan de visibilidade, de espazos nos que poder amosar a súa creatividade.

E que mellor escenario que Carballo para dar renda solta a esas iniciativas? Diversos establecementos comerciais da vila préstanse para exercer como pequenos e improvisados teatros onde actores e público, un pequeno número de espectadores, rompen as barreiras do espazo e case mesturados participan desa cerimonia tan saudable como é transcender os significados das mutuas realidades.

Despois dunha criba feita por un xurado competente, só seis grupos tiveron a sorte de gozar deses 15 minutos de gloria prometidos.






PREMIO MELLOR ESPECTÁCULO
MOITO MORRO TEATRO, con “A bonequiña”
Lugar: Ganesha Terapias Naturales.

Unha ambientación moi coidada e cunha dramaturxia compacta e clara. Bonita de ver en conxunto, pola súa factura estética e pola interesante proposta temática, con mensaxe e reivindicación social engadida. Para min os mellores deste II Certame de Microteatro, e vese que o resto do público tamén o considerou así.




PREMIO MELLOR ACTOR
DIEGO M. BUCETA, con “As vacacións máis longas”
Lugar: Galería de Arte Manolo Eirín.

Danza contemporánea. Ben feita, penso. Ou, mellor dito, executada con beleza. Pero, sen ser especialista no tema, penso que repetitiva en exceso. Ten ritmo e unha presentación estética conceptualmente moi lograda. Non era o meu preferido para ese premio, pero sospeito que a xente votou polo esforzo.


 

M+1(TEATRO CIRCO DANZA), con “Mi bici”
Lugar: Cereales Porteiro, SL.

Profesional traballo de clown e circo con momentos de interacción co público entretidas e divertidas. Tenro e virtuoso, mais non tanto como para sorprender. Seguramente máis apropiada para facer no programa de Teatro de rúa no xardín.


 

HELENA SALGUEIRO, con “Pan”
Lugar: Panadería Ana Mesejo.

Proposta rompedora, alternativa, cunha actuación bastante salientable. Canta e fai música de percusión cos elementos da panadaría. Mestura dramatización, folclore tradicional e danza contemporánea de xeito harmonioso. Quixo contar moito en pouco tempo e iso desluciu un pouco a súa participación. Sen dúbida ten un futuro prometedor. Era a miña aposta como mellor actriz.



FAUNOS, con “Antes que nada”
Lugar: Corredor do Pazo da cultura.

Van directos ao corazón, a parte sensible do espectador. A enfermidade, a compaixón, o amor por riba de calquera circunstancia. A proposta é boa, mais a representación dos actores non tivo a capacidade suficiente de transmitir todo iso que se intuía. Precisan de recorrido para que o espectáculo adquira peso.


 

TUKUMPÁS TEATRO, con “A historia das flores”
Lugar: Floraría Taibo.

Son bos e con ideas interesantes. Desta volta non chegaron ao nivel que nos amosaron o ano pasado, cando gañaron como actores e como espectáculo. Unha ambientación decadente para contar unha historia de amor e vida moi sinxela e tenra con música en directo. Mais penso que se perden en excesivos prolegómenos en vez de ir ao concreto, a sacarlle partido a un idea clara e concisa.




Saúde y larga vida…





No hay comentarios: