(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO
CUESTIÓN DE CONFIANZA
(A
propósito de “O electo” de Contraproducións e Focus)
SANTIAGO PAZOS
Ás veces, coma onte na estrea de “O electo”,
un atópase en situacións non preconcibidas que lle permiten acceder a
información privilexiada. Na fila de abaixo estaba sentado o autor da obra
orixinal, o actor e escritor Ramón Madaula, e na butaca de enfronte podía
observar con detalle a Cándido Pazó, director e creador desta versión en
galego. Ramón atendía expectante a todo o que acontecía no escenario. E
Cándido, penso que feliz e nervioso a un tempo, repetía para os seus adentros os
diálogos que os actores ían tendo.
Ramón Madaula e Cándido Pazó ao finalizar a estrea
Cabe destacar que esa actitude de Cándido
Pazó di moito sobre esa paixón e compromiso profesional tan forte que ten,
consigo mesmo e cos espectadores, en cada obra que dirixe ou interpreta. Pode
gustarche ou non, podes considerar que acerta ou erra, pero notas que cada
traballo está feito cunha seriedade cabal e contrastada. Tamén con afecto. O
traballo artístico precisa deses dous compoñentes, razón e sentimento. E
Cándido Pazó, na súa traxectoria artística como contador de historias,
dramaturgo e director teatral, tennos acostumados a darnos a ración equilibrada
de cada un deles segundo o baremo que considera axeitado.
E nesta ocasión demostra que coñece moi ben
a xente da Galicia na que vive e que domina os rexistros humorísticos que a fan
rir a gargalladas. Sen necesidade de meter o coitelo para facer sangue
innecesaria deixa ao descuberto, de xeito sutil, vicios e virtudes,
particulares e comunitarias, que todos coñecemos. É certo que non se complica
buscando elementos rebuscados, lévanos directamente a ese territorio cómico co
que todos estamos familiarizados. E anque dito así parece sinxelo, non é tal. Hai
que dominar esas ferramentas, como fai Cándido, para que o resultado teña o
acollemento pretendido.
Esta é unha comedia que trata sobre a
personalidade dun político ao que un tic accidental, produto da inseguridade , non
lle permite asumir a condición de Presidente da Xunta de Galicia para o que foi
elixido. Eiva que será tratada por un psiquiatra que cuestionará todas as
convencións ás que a política real nos ten acostumados, cunha terapia na que os
enredos dialécticos, a través de áxiles e retranqueiros diálogos, van poñendo
ao descuberto os profundos motivos dese defecto.
A todo isto temos que engadir, seguindo esa
lectura que a propia obra propón, que o “medo a ter medo” funciona como metáfora da propia conciencia e que para liderar
con convicción unha sociedade é preciso certo
delirio que enmascare a hipocrisía na que as propias relacións sociais se
desenvolven.
E se a todo isto lle sumamos que conta con
dous actores, Manu Baqueiro e Antonio Mourelos, que están espléndidos
defendendo personaxes que xogan con referentes coñecidos cun estilo moi persoal
e convincentes, o futuro de éxito está asegurado.
Como ven, todo é unha cuestión de confianza...
Como ven, todo é unha cuestión de confianza...
Nota ao marxe: Só por curiosidade acudín a
ver a reacción do público na segunda función que ofreceu o fIOT e teño que
dicir que os aplausos e “bravos” foron, como no día da estrea, unánimes.
Parabéns.
Parabéns.
Saúde y larga vida…
No hay comentarios:
Publicar un comentario