miércoles, 28 de septiembre de 2022

FIOT 31

  

FIOT 31

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 2022

(CARBALLO, DE 30 DE SETEMBRO A 31 DE OUTUBRO)

LA VOLUNTAD DE CREER     (FOTO DE LAIA NOGUERAS)


MOITAS VOCES  E  ALGÚN SILENCIO

SANTIAGO PAZOS


 

“Y contiene un silencio tan lleno de contenido,

fuerza y tensión que te pone el corazón a cien.”

Raquel Vidales

 

A cita fai referencia a “La voluntad de creer”, de Pablo Messiez, unha das grandes propostas que (espero ansioso) poderemos ver este outono teatral en Carballo. E seguramente tamén lle iría ben a ese “Silencio”, de Juan Mayorga e Blanca Portillo, repleto de xestos, pausas e moita palabra estupendamente escrita. E temos que sumar, entre outras moitas obras que non cito por falta de espazo, as bufonadas irreverentes de Leo Bassi, o compromiso humano de Titzina, a descarnada sinceridade núa de Amor Total, ou esa investigación das profundidades do mundo do fútbol feita por Nacho Carretero (autor de Fariña) que Tito Asorey dirixe para o CDG con Touriñán como fichaxe estrela.

Discursos teatrais que transcenden e provocan reflexións profundas sobre todo o que acontece no noso mundo, con nós de protagonistas, actores secundarios, ou como espectadores pasivos. Un FIOT que nos presenta un programa cheo de voces plurais e  contraditorias, centrado na complexa diversidade creativa actual e, por tanto, confusa e tremendamente rica en matices. Un teatro sen prexuízos, liberado deses medos pandémicos que nos tiñan atenazados. Un teatro que recupera esa tarefa imprescindible de ser arte revulsivo e proclamar aos catro ventos todo iso que a correcta diplomacia do silencio esconde.

Os que me coñecen saben que non son persoa de loanzas gratuítas, pero tamén intento opinar con xustiza, e vendo a programación deste FIOT 31 penso que temos, nas diversas seccións, bo teatro e para todos os públicos: maiores, pequen@s, transaccionais, sofisticad@s, alternativ@s, cult@s, tímid@s, ou de calquera outra condición ou seita á que poidamos pertencer.

Agora ben, é curioso que nun programa que se titula VocesFIOT a palabra que máis se cita no mesmo, coido que con gran diferencia, precisamente sexa “silencio”. Unha contradición, supoño, non prevista, xa que bastante traballo teñen os programadores con procurar que todos sexamos felices e gocemos entre tanta actividade escénica.

Por exemplo, temos que agradecer esa homenaxe a Pedro Brandariz, cómico de humanidade inmensa, traballador incansable e fioteiro empedernido. Pero tamén temos que subliñar que, por motivos seguramente xustificados, non estarán María Casares (cen anos do seu nacemento), Roberto Vidal Bolaño (20 anos do seu pasamento). E sen pretender facer un repaso do martiroloxio teatral, está o esquecemento de Xesús San Luís Romero (150 aniversario do seu nacemento), carballés represaliado e referente do teatro galego co que temos unha gran débeda.

               ACTO DE PRESENTACIÓN DO FIOT 31   (FOTO DE VANE RÁBADE)

E xa que falamos de silencios, chamoume moito a atención que o día da presentación, rachando coa tradición dos últimos anos, ninguén reclamase a construción  dun novo teatro para Carballo. Un centro cómodo para o espectador que teña un escenario suficientemente grande como para poder acoller obras de gran formato. Todos sabemos que no escenario actual colle de milagre unha pequena Orquestra de Cámara, e que entre butacas só existe un espazo de tortura digno do Marqués de Sade.

Ben. Xa sabedes que, tendo en conta que o teatro é crítica e liberdade, nesta primeira introdución que fago da programación do FIOT sempre xogo polos extremos. A miña recomendación é que vaiades e desfrutedes desta nobre arte na que mentiras e verdades comparten o mesmo espazo. Iso de que nunca hai entradas é unha lenda urbana. Mais se preferides que volo conten, eu destriparei todo o que aconteza polo miúdo nesta mesma páxina, en La Voz de Galicia e a través de RadioVoz Bergantiños.

Saúde! Que viva o teatro e longa vida ao FIOT !


NOTA: 

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE "LA VOZ DE GALICIA"

 


                                                                                                                

 

 

No hay comentarios: