sábado, 8 de octubre de 2022

GALEATRO

 FIOT 31

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 2022 (CARBALLO)

ARRANCA CON VARIEDADE E, EN XERAL, BO GUSTO 

SANTIAGO PAZOS

Na introdución que abre o programa, din os organizadores que “atoparemos voces que descobren, transgresoras, que comparten, que loitan, que fan rir, novas, que aman, que berran, miúdas, que curan, que namoran... E todas elas collen neste FIOT”. E se analizamos as actividades que vimos esta fin de semana podemos confirmar que houbo variedade e, en xeral, bo gusto. Aínda que, entre tantas voces, a min faltoume a da amizade, a do Profesor José María de La Viña, con quen durante tantos anos confrontaba pareceres e discursos teatrais. Como diría él, pasen e lean...


GALEATRO

A estrea de “Wombo Combo” é un acontecemento que nos enche de orgullo por moitos motivos. A progresión deste proxecto profesional de teatro, feito en Carballo, no que tanto traballo e ilusión poñen Alba Bermúdez e Toné Martínez, nesta ocasión acompañados por Mario Rodríguez e dirixidos por Davide González, é digno de eloxio.

E se por riba, a presentación escénica e o vestiario de Anahi Taraburelli impacta e consigue transportarnos con facilidade da realidade á virtualidade, se os actores impoñen un ritmo fiable que nos conduce a aceptar con credibilidade que xa vivimos nesa dualidade existencial, e se a dramaturxia de Paula Carballeira, tan clarividente, avisa que temos que deixar aos rapaces vivir no seu propio tempo virtual sen que esquezan que o mundo real é bastante máis atractivo, só nos queda darlle un aplauso e desexarlles éxito.  

CIA. D'ES TRO (FOTO DE MAILBARGÜEN)
 

 CANDO OS NENOS MANDAN

Que asco! berrou unha nena cando Fran Rodríguez, de “Pedras de cartón”, anunciou que Romeo e Xulieta, representados por dous tubos de cartolina, dábanse un bico. Nada dixera antes, cando lle estaban a contar un lote de mortes e traizóns, tan frecuentes nas obras de Shakespeare. Estaba máis atenta, e ría a esgalla, cando o actor puña voces estridentes ou pronunciaba onomatopeas extravagantes. O intento de achegar o teatro clásico aos cativos non é mala, pero os ríos da pedagoxía non han de levar sangue, senón auga clara.

Un gran descubrimento foron as habilidades coas buxainas de Guillem Vizcaíno, Compañía D’ES TRO. Teatro de Rúa participativo que persigue manter vivos aqueles xogos nos que virtuosismo e intelixencia ían unidos. Non cabía unha palla na Praza do Concello. Un pracer para todos os sentidos. Merece un premio e volver cando queira.

ILUSTRACIÓN DE XABI LÓPEZ

PEDRO BRANDARIZ

Xusta homenaxe a un home traballador que tiña como ADN unha humanidade inmensa e moita capacidade de superación. O público fioteiro e os compañeiros de profesión responderon como merecía. Isabel Risco, Fran Rei, Caxoto, Víctor Grande, Pablo Díaz e, entre outros moitos, Antón Reixa, creativo coma sempre e moi emocionado, recordaron a ese amigo que sempre estaba disposto a embarcarse en travesías teatrais de todo tipo.

Persoalmente podía contar moitas anécdotas que vivín con el. Como cando fun a reclamar na Oficina do Consumidor da Coruña e encontreino detrás do mostrador atendendo solícito a unha señora. Estaba facendo unha substitución temporal porque o traballo de actor aínda non lle daba para poder subsistir.

Os contadores de historias en galego que viñeron a renderlle respecto aproveitaron para crear unha Asociación de Narración Oral (NOGA) que loitará por manter viva esta marabillosa tradición. Benvida sexa.

MARTA IGLESIAS E TITO ROBER

MONÓLOGOS E IMPROS

Marta Iglesias e Tito Rober fan improvisacións para escachar coa risa. E se o digo eu, que son coma un toxo, pódenmo crer de verdade. Non se enganen, facer un monólogo en condicións é un privilexio que escasea. A maioría pensa que é pan comesto, pero están equivocados. Vicente Mohedano, por exemplo, constrúe un discurso de divulgación científico-social que engancha e conciencia. Fala de Epicuro, de liberdade, autocoñecemento ou sentido de comunidade, e deixa unha nítida mensaxe: “cando consumes en exceso, ti mesmo te convertes en mercancía”. Xenial.

Sen embargo, a Alberte Montes, que por certo fala pestes del, escríbelle os monólogos o seu s(ogro), e Marta Doviro rematou cun Rap ben composto para ver se así esqueciamos todo o que penosamente escoitáramos anteriormente.

 

En xeral, penso que nin tan mal. Tivemos comezos de peor calidade, mais este ano coincide con anticiclón cando precisamos de auga. (Bendita e ben contada). Xa veremos...

 

Saúde y larga vida… 


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS 

DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios: