TEATRO DE TRINCHEIRA E DIGNIDADE
(A propósito de “N.E.V.E.R.M.O.R.E”
do Grupo Chévere en Vimianzo)
SANTIAGO PAZOS
Antes de nada felicitar a Chévere porque,
despois de gañar o Premio Nacional de Teatro en 2014, acaban de obter o Premio
da Crítica de Artes Escénicas de Galicia 2022 por esta obra que fala da
verdade, da memoria, da dignidade, das debilidades que provoca a subsistencia, ou
a avaricia, e a demostrada incompetencia dos que tiñan a responsabilidade (ben
pagada) de coidar polo interese común e que se puxeron de costado para fuxir de
verse salpicados polo chapapote que non deixaba respirar o noso mar.
Como dicía Manuel Rivas, hai unha Galicia
distraída e outra que está a espigar. E con esta segunda é coa que traballa este
Grupo de Teatro para chamar a atención desoutra adormecida e taciturna que se
deixa manipular a conciencia, que sabe que lle están a mentir pero en vez de
reaccionar prefire pensar que vive nunha condena divina.
Aínda que o título fai referencia a ese
gran poema “O corvo” de Poe, do que fala
é do afondamento do petroleiro Prestige en 2002, da desastrosa xestión política
e administrativa que se fixo, dos movementos cidadáns “Nunca Máis” e “Burla
Negra”, dos comportamentos solidarios da poboación ante aquela marea negra de
chapapote que asolagou as nosas costas e tamén, como seguindo un fío condutor
secuencial, da pandemia do Covid en 2022, xa que moito material que se gardou
daquela catástrofe foi usado para guarecerse da peste recente.
Chévere fan teatro político na súa acepción
máis ampla, a que define todo aquelo que se relaciona cos asuntos públicos. E
fan teatro documento porque se mergullan nas hemerotecas e arquivos
radiofónicos para armar un relato crible. Dramatizan uns feitos que de tan
reais case parecen inventados. Por iso reproducen as conversas dos
responsables, as roldas de prensa e as declaracións de uns e outros sen poñer
nin quitar unha coma.
Pero non esquezamos que é teatro, que ese
instante único de conexión entre creadores e público ha de servirse de instrumentos
cerimoniais específicos. Aí está esa escenografía que impacta, esa cortina de
fundas brancas esperando polos corpos solidarios que as devolverán ennegrecidas
de chapapote, ou eses paraugas negros que recordan a manifestación da dignidade
en Santiago á que fomos moitos dos que enchemos o patio de butacas. E por riba
de todo esa armazón sonora artesanal, xenial en todos os aspectos, da que son
artífices os propios actores. Estupendos. Non nomeo a ninguén porque o
NEVERMORE de Chévere xurde dun traballo de grupo admirable.
Tamén xurde da memoria colectiva, da
conciencia común. Ao final, actores e público, posto en pé, volvemos berrar
“Nunca Máis” aplaudindo con xenerosidade ese traballo tan ben feito, e sabendo
interiormente que, por desgraza, volverá a pasar. Mentres, na Sala de
Exposicións da Casa de Cultura de Vimianzo as grandes mulleres do mar pintadas
por Viki Rivadulla puñan unha nota de cor e valentía.
Se non estou mal informado, esta obra
poderase ver na Coruña a principios de decembro. E eu, de poder ser, repito. Xa
me entenden...
Saúde e larga vida…