martes, 1 de noviembre de 2022

PABLO MESSIEZ

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

PUNTOS DE FUGA

 (A propósito de “La voluntad de creer” de Buxman e Teatro Español)

 

SANTIAGO PAZOS 

LA VOLUNTAD DE CREER (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

 

Esta obra ven a confirmar o que xa intuímos en “Los brillantes empeños” e comprobamos en “Todo el tiempo del mundo”, un estilo de facer teatro baseado na procura de encontrar ese punto de fuga que nos permita comprender ou, polo menos, intentar explicar esa parte etérea e sublime que marca as nosas vidas máis aló da subsistencia corpórea.

 

Se os temas centrais foron antes a poesía utilizada como instrumento de comunicación abstracta para non falar do que é preciso, ou a idealización dun presente soñado no que todo é aparencia, aquí, Pablo Messiez, escolle a Fe e as crenzas como escusa para seguir a falar da propia existencia do ser humano como algo máis que unha criatura darwiniana.

 

A posta en escena tampouco é moi diferente deses exemplos citados. Vemos unha continuidade estética e formal que impactan e identifican perfectamente a este creador tan honesto como admirable. Iso si, estruturalmente recordoume moito a aquela marabillosa “La función por hacer” de Miguel del Arco. Nada raro, por outra parte, xa que teñen proxectos en común.

 

Sabe que sen público non hai teatro e que as supostas paredes clásicas desapareceron cando uns personaxes lorquianos prendérenlle lume. Por iso os actores parlamentan entrecruzando textos, por veces contraditorios, e dialogan como se estivesen filosofando sobre o que é divino ou humano mentres lle piden ao público que participe nese debate irresoluble. En cuestións de Fe, cada quen é dono de crer ou dubidar.

 

O público fioteiro gardaba un silencio sepulcral, expectante por ver se a esperanza é un concepto que aínda ten vixencia. Estamos tan de volta de todo que só o teatro, este teatro, o de verdade, é capaz de prender esa luminaria que nos permite seguir tendo confianza en que nunca nos comerán as ratas. E por moito que sabemos que o mal existe, algo insatisfactorio e irracional mantennos vivos e alerta. Se o mal existe, a bondade tamén será dona do seu espazo.

 

Sempre insisto, como sociólogo, que as sociedades necesitan ter unha especie de argamasa, sexa cal sexa, para poder subsistir.  E parece que a Fe para Messiez, exposta como unha opción máis, pode cumprir esa función. Non sei! Como ben di un dos actores, estamos aquí ata que xa non estamos máis.

 

Pero ben, aquí falamos de teatro. O público aplaudiu con ganas, moitos postos en pé. Os actores, o director, a posta en escena, o tratamento temático, luces, escenografía e música están perfectos. Mais eu esperaba algo que non encontrei. As expectativas son moi traidoras. Un precisa confrontar e non encontra con quen.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




 

 

 

No hay comentarios: