(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
EXISTE O QUE NON VEMOS?
(A propósito de “Hay alguien en el bosque” de Cultura i Conflicte e Teatre de L’Aurora)
SANTIAGO PAZOS
(FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Claro que o que non vemos tamén existe. Por moito que
fagamos como ese recorrente mono que tapa ollos, oídos e boca para non ver,
escoitar ou falar, a realidade é tan testuda que non se pode agochar. Un gran amigo
dicíame, nunha viaxe que fixemos ao deserto de
Arxelia, que sempre había testemuñas por moito que a min me parecese que
só estabamos rodeados de area.
Aquí, no 92, estabamos de festa, Xogos Olímpicos,
Exposición Universal, boato e pompa. As circunstancias estaban non moi lonxe,
na antiga Iugoslavia. Recordo perfectamente aquela Avenida dos francotiradores
en Sarajevo, capital de Bosnia e Herzegovina. A xente corría asustada buscando
refuxio, cando viña de comprar o pan, para non ser vítimas mortais do tiro ao
branco indiscriminado que facían dende os tellados. Mais naqueles días pouco
sabiamos da limpeza étnica que os serbios estaban a facer, matando aos homes e
violando ás mulleres e nenas.
Menos mal que
os periodistas pronto comezaron a contarmos, fotografar e denunciar o que alí
estaba a pasar de verdade. Como Jordi Pujol Puente, o fotoperiodista español que
morreu tiroteado mentres documentaba aquela barbarie. Ou a escritora croata Slavenka Drakulic que escribe unha novela sobre eses terribles
acontecementos. Texto que serve de base para este proxecto de Cultura i
Conflicte, xentes de diversos ámbitos profesionais que traballan para dar
visibilidade a vítimas que, por moito que pase o tempo, nunca deixaran de selo.
Neste caso cun proxecto educativo, un documental, unha Instalación fotográfica e a intensa obra de teatro que
acabamos de ver en Carballo.
Un obra completa no aspecto técnico xa que mestura
destacadas interpretacións de actrices e actores de renome como Ariadna Gil,
Montse Esteve, Oscar Muñoz, Magda Puig, Judit Farrés, Pep Pascual e Erol Lleri,
con proxeccións de vídeos documentais e música en directo na que participan
todos. Aínda que destaca Pep Pascual, sobre todo nese só de jazz prodixioso que
nos regalou. Sen esquecer a labor de Joan Arqué Solá, director intelixente que
foi quen de meter esa voluminosa escenografía nun escenario tan pequeno e
conseguir que tantos personaxes non se esnafraran por falta de espazo.
Mais o importante aquí é a historia que nos contan, a parálise
corpórea e a mente en branco traumática das vítimas, as escusas dos verdugos
condenados, a necesidade de comprender o que pasou dos fillos que naceron
daquelas violacións, o medo a contar porque obriga a recordar, o recoñecemento
dese home que se considera culpable porque todos os machistas o son, medo e
máis medo. É historia, feitos que non vimos, que non vivimos, que tardaron en
contarnos, pero que foron reais, existiron. Non son opinións, é realidade,
historia recente.
Toda a engrenaxe, incluíndo os cambios de ritmo que definen a intensidade dramática das diferentes escenas, funciona perfectamente porque están a contar verdades que a actualidade urxente agocha. Din, iso si, que intentaron evitar caer na pornografía emocional. Algo que se por unha parte é de agradecer ao quitarlle actitudes viscerais innecesarias, por outra réstalle forza interior as interpretacións e amósase, en certo modo, como un pouco aséptica. En definitiva, unha obra necesaria e moi recomendable, xa que nos bosques sempre pode haber indesexables esperando para atacar.
Saúde e longa vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario