jueves, 2 de noviembre de 2023

METRO CADRADO

(FIOT 32)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TEATRO NUNHA CAIXIÑA DE REGALO

(A propósito de Micro-Escenas Metro Cadrado) 

SANTIAGO PAZOS

 

CARLOTA MOSQUERA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

No teatro, nin o tempo nin o espazo han de estar limitados. A creatividade é campo aberto para todo tipo de propostas. Como unha desas caixas que conteñen un agasallo marabilloso en potencia pero que non sempre ten que agradar. En Metro Cadrado, esta proposta innovadora do FIOT que xa vai pola sétima edición, incorporan eses embrións de ideas que, polo xeral, aspiran a crecer e facerse adultas, ou adolescentes co tempo, como pouco. Teñen o problema que os autores sempre teñen tanto que contar, ou menos, que non lles chega o tempo, ou sobra. E ás veces, incluso, sóbralle o espazo por moi pequeno que este sexa.

Eu nunca perdo unha función. Sempre encontro algo que me entusiasma ou que me incomoda. Algo sen importancia para ese acto litúrxico que, en esencia, é o teatro. Aquí o importante consiste en amosar e comunicar, por unha parte, e ver e comprender, por outra. Actor, actriz, autores e espectadores comparten un espazo non habitual, reducido e próximo. O público está tan preto dos intérpretes que case se confunden entre si.

MAR FIÚZA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Este ano tivemos, como nos anteriores, obras para non esquecer e outras que precisan de volta e volta, como cando cociñas á prancha, para madurar e agromar. Exquisiteces como “Ninguén tira fotos nos enterros” de Carlota Mosquera, “O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate” de Mar Fiúza, ou “AnanKé? Edipo en quince minutos” de Contraditoria Compañía. E outras propostas que, ao meu parecer, precisan de actuacións menos etéreas como “O que é o raio, nin maldita idea” de Souvenir, “Espazo vacío” de Cecilia Vázquez, ou “Canta nai, canta” de Álvaro Reboreda Ortega.

Seguramente estas reflexións non concordarán cos resultados das votacións que facemos cando termina cada espectáculo. Son apreciacións persoais. O importante é ese achegamento que esta sección do FIOT fai para que o teatro se pareza máis ao mundo real que vivimos ou soñamos e menos a ese ceo estrelado que sae nas revistas. E tamén como soporte para que ideas interesantes que están en proceso de creación vaian collendo corpo, apoios e aceptación.  

Saúde e longa vida…

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE

LA VOZ DE GALICIA







 

 

 

 

 

 




 

 

 

 




  

1 comentario:

Anónimo dijo...

Pois si que debe ser reducido o espacio, xa me gustaría compartirlo.