(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO
CANDO O FUME NON TE DEIXA VER CON NITIDEZ
(A
propósito de “Fariña” de Undodez Producións)
SANTIAGO PAZOS
Se por algo destacan as obras de teatro de produción
galega vistas este ano no FIOT, como “Medida X Medida” ou “O Electo”, é pola
perda, penso eu, dunha especie de falsa humildade que atenazaba ás nosas
Compañías. Digo falsa porque creo que tiña máis relación co medo a asumir
riscos económicos que coa capacitación profesional, a falta de ideas, ou a
ambición artística.
E o caso de “Fariña” é, posiblemente, o máis destacado. Se miramos o envoltorio
podemos comprobar que non se escatima en nada. Numeroso, bo, e recoñecido
elenco, música en directo composta por unha banda de prestixio, como son
Novedades Carminha, coidada escenografía, potente e axeitada iluminación,
últimas tecnoloxías, programas de man de bonito deseño e papel de calidade, vestiario
relucinte e fume, moito fume. Tanto fume que por veces non te deixaba ver con
nitidez o que estaba a pasar no escenario.
Certo é que dun gran decorado non ten por
que saír unha gran obra, pero todo axuda e, por se tiveran dúbidas, teño que
deixar claro que aplaudo esa ousadía calculada. E dicir, asumen un risco que
dalgún xeito non é tan grande se no seu haber poñemos algúns aspectos de non
pouca importancia. Por exemplo, que tratan un tema de rabiosa actualidade adaptando
o libro “Fariña” de Nacho Carretero, censurado e prohibido recentemente, sobre
o que se fixo unha serie de televisión que tivo bastante éxito.
E podemos sumar que contan cun director de
prestixio recoñecido, como é Tito Asorey, que ademais fai aquí unha labor
loable. E uns actores famosos e populares como Xosé Touriñán, Marcos Pereiro, María
Vázquez, Cris Iglesias e Sergio Zerraeta, que por si mesmos xa enchen teatros.
Actores que, lonxe de apartarse de certos
estereotipos polos que son coñecidos, por momentos parece que potencian,
intencionadamente ou non, eses rexistros. Isto ocasiona que as personalidades
dese tremendo lote de personaxes, que teñen que interpretar, non sexan marcadas
con suficiente identidade, resultando en moitos casos un traballo artificioso. E
aínda así, con todos estes compoñentes o éxito de “Fariña” está asegurado. Non
teño dúbida algunha, porque os espectadores saben perfectamente a quen van ver
e coñecen bastante ben a historia que lle contarán.
Sen embargo, penso que esta obra pode ser contada,
sen perder ese toque de humor acre, nun estilo con menos pachanga. Xa sei que o
que se conta son feitos reais e totalmente esperpénticos, pero quizais, e
precisamente por iso, a gravidade do tema precisa dun enfoque con menos bombas
de palenque.
Igual é un problema meu porque, xa ven, gustoume
moito o trato e o enfoque que lle dan a loita de esas nais bravas que foron as
primeiras en levantar esa pancarta que rachou coa complicidade económica,
social, política e xudicial, co narcotráfico. E tamén ese final satírico que
nos avisa de que moitas veces cambian as formas pero os delitos seguen a ser
cometidos polos mesmos que un día criamos ter vencidos.
E dito todo isto, parabéns para ese teatro
galego que esta a perder os medos.
Saúde y larga vida…
No hay comentarios:
Publicar un comentario