(FIOT 30)
SÁTIRA PEDAGÓXICA SOBRE ECOLOXÍA
(A propósito de “Greenpiss” de Yllana)
SANTIAGO PAZOS
Cando dicimos que o teatro ha de ser un espello da realidade e dos problemas que afectan ao ser humano non só nos referimos a eses dramas serios e sisudos que enchen as carteleiras da maioría dos teatros que polo mundo hai, porque tamén dende o humor, a sátira e a ironía pódese reflexionar atinadamente sobre do que acontece.
É o caso de Yllana con “Greenpiss”, que con ese estilo tan persoal de mímica travesa poñen o foco na defensa do planeta facendo pedagoxía ecolóxica. Cousa ben seria, por certo, a non ser que che toque na familia un primo descrente, algo do que ninguén de nós está libre de padecer.
Parten dun fío argumental moi potente: a multinacional Nonsanto, unha empresa que só pensa na conta de resultados, que experimenta con produtos tóxicos, que unta a políticos, forzas de seguridade e xuíces para saír sempre ganando nas súas trasnadas, sexan cales sexan os efectos ambientais que causan eses negocios, da pé a unha serie de sketchs ocorrentes e disparatados nos que se denuncian esas prácticas.
E non só dan estopa a eses desapiadados
depredadores, reparten tamén con
bastante intelixencia e sarcasmo contra esas contradicións nas que caen todos os
movementos de denuncia social, independentemente dos motivos que persigan. Por
exemplo nesa parodia de Greta Thunberg, ese vegano que mata unha noxenta rata,
aquel ecoloxista que se enche de hamburguesas, ou aqueloutro que non sabe onde
reciclar a inxente cantidade de envoltorios que trae un simple e pequeno
aparello que mercou.
Nesta obra teñen momentos de gran intensidade cómica e outros de transición repetitiva que, dende o meu punto de vista, afean un pouco o conxunto. Dito con todo respecto, tecnicamente son bastante borralleiros, pouco limpos na xestualidade e usan a palabra (ou unha especie de pseudolingua) con demasiada frecuencia en contraposición coa mímica pura. Pero quizais sexan estas características as que lle confiren identidade propia e tanto éxito popular.
Ademais, como defensor de todas as heterodoxias, non debo marcar límites o labor creativo, non me preocupa se fan ou non teatro, como denunciaba, ano tras ano, o Profesor De la Viña, nin se manteñen as esencias da mímica e da pureza xestual como único vehículo de comunicación. O que si debo destacar son eses momentos xeniais que me sorprenderon moi gratamente. Tomen nota: eses bañistas emporcallados nun mar inundado de plásticos, esa caída maxistralmente interpretada que recordarei coma un dos mellores gags da miña historia como espectador teatral, ou esa árbore que acaba coa vida dun incauto paxariño. Desculpen se esquezo outras que a vostedes lles gustaron máis.
En definitiva, teño que declarar, para que mentirlles, que non son un gran fan de Yllana. Gústanme moitas cousas que fan pero tamén me causa fatiga esta insistencia do FIOT de programalos permanentemente. Pásame como co caldo de miña nai, gustábame moito, pero facíao un domingo e duraba ata o xoves para volver repetir o domingo seguinte. Para alternar, de cando en vez, tocaba lentellas. E menos mal!.
Saúde y larga vida…
No hay comentarios:
Publicar un comentario