miércoles, 6 de octubre de 2021

Manolo Alcántara

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 

O RELOXO IMPERTINENTE

(A propósito de “Déjà vu” de Manolo Alcántara)

SANTIAGO PAZOS 

 


Con “Déjà vu”, de Manolo Alcántara, comezou o Programa de Sala deste FIOT 30 que ten a pretensión de resarcirnos desa pausa que tiveron que facer por culpa da pandemia. E xa que sen público non hai teatro, é unha ledicia recuperar ese contacto social que esixe esta actividade cultural que facilita e permite entender e coñecer o devir da historia das relacións humanas na que a nosa participación como espectadores é indispensable. E temos que felicitarmos porque o mundo da cultura, castigado con tanta crueldade, comece a amosar de novo a súa capacidade creativa e transgresora.

 

E xa entrando en materia, dicir que esta obra que vimos o sábado é bonita, é dicir moito ao tempo que non dicimos nada. Simplemente é una cuestión de gustos que teñen que ver máis coa estética escenográfica que coa linguaxe narrativa e a técnica esixible nun espectáculo desta natureza. Aspectos nos que Manolo Alcántara é un mestre, como ten demostrado en obras tan interesantes como “Plecs” ou “Rudo”. Vistas, por certo, noutras edicións do FIOT e que foron merecedoras do aplauso e recoñecemento do público fioteiro.

 


No obstante, se deixamos a un lado esa recoñecida destreza e dominio das variadas técnicas que caracterizan o chamado “Novo circo”, penso que “Déjà vu” carece dun elemento fundamental como é o risco, ese triplo salto mortal sen rede que esperamos ansiosos mentres miramos expectantes para o ceo da carpa.

 

Polo demais, sendo xusto, teño que recoñecer que a factura final desta obra é impecable. Dispón dun relato potente no que ven a dicir que por moito que un reloxo impertinente rache coa lírica do mellor soño que podamos ter, non debemos deixar de soñar para gozar desa liberdade que temos para volver a sentirmos nenos e xogar despreocupados sen pensar nas consecuencias.

 

Obra na que con moita sensibilidade e elegancia, humor, mímica, danza, poesía e música en directo, (dunha excepcional Laia Rius), fan unha merecida e evidente homenaxe a eses grandes intérpretes do cine mudo como foron Charlie Chaplin, Buster Keaton ou Harold Lloyd, mestres do humor máis fino e corrosivo que eu podo recordar e que sospeito que por alí pululaban en espírito.

 

En definitiva, parabéns para Manolo Alcántara e a súa Compañía por este exquisito traballo, (aínda que esquecese o “Más difícil todavía”). E parabéns para o FIOT e os amantes do teatro por recuperar este saudable costume de enfrontarse a ese espello onde podes modelar a realidade se ela non che da unha labazada nos fociños antes, coma ese reloxo impertinente que sempre soa antes de tempo. 

 

Saúde y larga vida…


NOTA: 

Artigo publicado na edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia"

 


  

No hay comentarios: