miércoles, 9 de octubre de 2024

BERROBAMBÁN

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

VAIA TRÍO!

(A propósito de “Mulleres que viven soas #MQVS” de Berrobambán)

 

SANTIAGO PAZOS

FOTO DE VANESSA RÁBADE

En Carballo, onte ao mediodía, estoupaban bombas de palenque sen que se soubese que houbera romaría coñecida. O motivo non era outro que unha voda con banda sonora. Xa ven, o que non consiga o amor! E pola noite, no Pazo da cultura, os aplausos atronaban para agasallar a estas tres mulleres, (vaia trío!), que defendían a liberdade de vivir soas por decisión propia. Unha vida en solitario, que non en soidade. Un amor autónomo, que non baleiro. E o público entendeu perfectamente a mensaxe, ou iso pareceu pola resposta do respectable, cando acabou o espectáculo, cunha sonora aprobación.

 

Di Rosalía Fernández Rial, nunha recente entrevista, que “o teatro ten todos os compoñentes que ten que ter unha metodoloxía didáctica: é motivadora, ten o compoñente de xogo, esa vertente lúdica tan imprescindible, abrangue toda a expresión posible, verbal e non verbal; e non hai ningunha outra ferramenta coma ela que nos permita reproducir situacións equivalentes ás reais. Ao final, é un adestramento para unha comunicación total na vida”. E precisamente esa é a vocación teatral de Paula Carballeira. Nunca asistín a un traballo seu, e van moitos, que non tivera esa intencionalidade pedagóxica, na que escaseara esa concepción lúdica do feito teatral, que non enfocara os prexuízos e medos traumáticos cos que o ser humano convive e que non intentase comunicarse con empatía e comprensión coa xente que estabamos a escoitala. Sempre buscando ese fío que nos cose como sociedade.

 

Mais esta obra é unha simbiose de estilos complicada de engarzar. O reto é admirable. Tres recoñecidas narradoras que, mantendo o propio estilo, intentan construír un contexto dramático que funcione como argamasa textual. Algo que, na miña opinión, non acaba de agromar no seu conxunto. As capacidades individuais acaban impoñéndose provocando que esta obra non se vexa coma un todo compacto. Falan do mesmo con voces dispersas. Un aspecto que despista e nos fai viaxar nunha montaña rusa na que perdemos a concepción de tempos e referencias. Recorrer a Macbeth non funciona, xa que os ecos desas outras historias documentadas teñen moita máis forza e só se utilizan como un recurso de base. Unha mágoa. A realidade, finalmente, é máis poderosa que a ficción literaria.

 

A temática é potente. E vista con esa montaxe e iluminación tan realista e transparente  que permite o xogo de sombras, a creación de espazos que se comunican co sinxelo efecto de abrir unha persiana, as transparencias vitais de dicir con claridade que as mulleres, e tamén os homes, poden vivir soas sen estar condenadas a soidade, teñen unha forza tremenda. Recorden ese enterro en diferido. Fago o que me sae da cona! Aí reside o potencial desta obra. Interesante e novidosa, pero errática nese intento de querer sumar estéticas e estilos que, ao final, restan eficacia a ese discurso que se quere defender.

 

E, aínda sendo así, que grandes creadoras! Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo. Admirables. Pero como xa saben que son un irredento, mandaría ás bruxas e a Macbeth ao inferno e retomaría con máis intensidade ese teatro documentado e narrativo para falar dun tema que pode rachar con moitos moldes. A escenografía está perfecta e ese final delas tres falando sen cancelas si que merece un gran aplauso. A ver se lle dan unha volta, eu estou disposto a repetir a experiencia.

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




 

 

 

No hay comentarios: