(FIOT 33)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ALGO MÁIS QUE MESTIZAXE MUSICAL
(A propósito de “ Contos entre cordas” de María da Pontragha e Bleuenn Le Friec)
SANTIAGO PAZOS
Mentres escribo esta crónica escoito “Canción
na noite” do arpista e compositor francés Carlos Salzedo. Impresiona. Hai
moitos anos, no xardín dun palacete de Ronda (Málaga), entre cipreses
centenarios, escoitei á gran arpista española María Rosa Calvo-Manzano tocar
pezas da época romántica que me levaron a momentos de emoción inesquecibles. E
algo así pasoume onte con este espectáculo de mestizaxe musical, clásico e
popular, de arpa e pandeireta, de contos ben escenificados. Humano, terreal e
celestial a un tempo. O importante nas artes escénicas é crear un ambiente no
que público e artista encóntranse no mesmo espazo sensitivo. Nada fácil. Mais
estas dúas mulleres son capaces de acompasar palabra e son con harmonía. Esa
metáfora da verza e a auga coa que comezan, para saciar a sede do espectador
ansioso, anuncia que imos vivir unha experiencia que require escoitar en
silencio, deleitándonos, sen présa. Certo é que nalgún momento María apura o
texto dando por feito que xa coñecemos eses camiños polos que elas transitan.
Todo en feminino. Ben! O de menos, ou non, son as historias. O importante é o
xeito e a delicadeza coa que se contan, cantan e tocan. As mensaxes, escondidas
nun principio detrás dun estreito biombo, están moi claras: se emporcas a
natureza acabarás comendo merda, (desculpen), e se es capaz de degustar un bo
prato de brócoli tamén che pode gustar a música clásica. Bravas!
Saúde e longa vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZDE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario