martes, 11 de noviembre de 2025

PONT FLOTANT

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


O DEREITO A VIVIR O TEMPO QUE A CADA QUEN LLE TOCA 


SANTIPAZOS

 

FOTO DE NEREA COLL


Cando me dispoño a escribir esta crónica soan bombas de palenque e, nun  primeiro momento, penso que son para dar a benvida ao novo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, (Parabéns, por certo, e moito éxito polo ben de todos os carballeses). Pero resulta que aínda que o novo rexedor merecera deses estrondos, a tradición das festas na honra da Pilarica imponse. E xa sabemos que competir para ser funcionista sae bastante caro. O importante é saber que novos tempos son chegados e vivilos coa esperanza de que sexan para mellor, a poder ser. O pasado aló vai e desexamos que sexa con bo vento.

De conflitos interxeracionais, do paso inexorable do tempo e dos prexuízos de como temos que comportarnos dependendo da idade que teñamos vai esta historia. Algúns seremos adolescentes eternamente e outros naceron para ser vellos. Os nenos que vían ese Hamlet, de Ganso & Cía, na Praza do concello, en inglés, parecía que non entendían nada. Pero alí estaban sentados moi calados mirando para dous actores que facían unha chea de intrépidos personaxes. O problema xurdía cando os cativos non sabían se rir ou non, intrigados por unha historia entre complexa e absurda, que lle presentaban como un xogo, cunha lectura encriptada que, en aparencia, interesáballes pouco. 

Algo así pasa co tema de “Adolescencia infinita” de Pont Flotant, Unha obra moi ben argumentada, con seriedade e compromiso cívico, (vese que o traballo de investigación é profuso),  que pretende desmontar esa idea, tan estendida como hipócrita, de que a mocidade adolescente desta época forman unha caterva de terroristas sociais. Como se os que xa temos certas idades nunca romperamos un prato. Sabendo que, de cando en vez, tamén facemos algunha falcatruada para non esquecer que seguimos vivos e somos quen de gozar.

A cuestión non é se son peores ou mellores que fomos nós, senón aceptar que viven unha época distinta, que os problemas que lles preocupan son outros, que o seu proceso vital está cheo de incertezas e que teñen dereito a gobernar con liberdade a época que lles toca vivir. O que non podemos pedirlle é que maduren dentro dos nosos propios recordos. Ensinalos e guialos si. É unha obriga. Mais non unha cadea que lle teñamos que poñer no pescozo. Como ben din, case ao final, non poden ser o proxecto das nosas frustracións.

Ben, esta é a teoría e logo está o teatro. Unha montaxe intelixente con catro actores competentes, (destacar a actriz que fai de asistente),  e unha chea de monecos, a tamaño natural, que van movendo e articulando ata parecer, por veces, totalmente reais. Voces en off que crean un ambiente de conversación colectiva moi apropiado para ese universo adolescente que perseguen crear. Moi boa composición musical en directo. E unha escenografía sinxela que facilita o ritmo, por momentos trepidante.

Por suposto destacar que tocan todos os temas que afectan tanto aos adolescentes como aos pais. Sexo, drogas, pasividade, sentimentos, movas tecnoloxías, etc. Sen esquecer esa contradición permanente entre dous mundos que, por propia natureza, teñen que chocar. Aí reside a evolución e o cambio social. A xeración de cristal é igual ou parecida a outras anteriores. Rompen co establecido para, na maioría, non cambiar absolutamente nada.

Sóbralle, iso si, para o meu gusto, esa media hora de discurso moralista educativo sociolóxico do final. De feito, cando esa filla se deita coa nai e se confesa, tiñan que poñer punto e final. Querer explicar o que xa dixeches no transcurso da propia obra é unha redundancia innecesaria. Polo demais, un aplauso.

E de aí, para demostrar que a idade é unha invención comercial, fun a escoitar a Afundín Jamallos no Patacón. Divertidos e irreverentes, facendo versións de cancións ben coñecidas pero cambiándolle a letra. Como a que di: chova ou faga frío, sempre hai festa en Verdillo. Dalle...

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS 

DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

lunes, 10 de noviembre de 2025

EMPAQUE, DE CHICHARRÓN CIRCO FLAMENCO

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

ATREVIDO MESTIZAXE 


SANTIPAZOS

 


 

A mestizaxe de diversas disciplinas nas artes escénicas non é nada novo. Recordemos os experimentos de La Fura del Baus, ou o que está a facer Angélica Liddell na actualidade, (quizais algún día o FIOT nos faga o regalo de ver un espectáculo dela). Son traballos de investigación que enriquecen e que debemos apoiar e aplaudir. Mais só con ter,(digamos), unha xenial idea e boas intencións non é suficiente para que o resultado final desa mestura teña personalidade propia. Como pouco é preciso dominar con soltura cada un dos elementos que queremos fusionar.

Esa pericia técnica é o que eu botei de menos neste “Empaque” de Chicharrón Circo Flamenco. Unha obra axeitada para formar parte deste bloque chamado OTNI, sobre todo por esa ousadía estética que ten Germán J. López Galván, e que me recordou aquel dito apócrifo sobre Lola Flores no que anunciaban que nin cantaba, nin bailaba, pero aconsellaban ir vela. Este artista inclasificable padece, ao meu entender, de todos eses defectos e por riba tampouco parece un gran malabarista, mais en conxunto termina engaiolando ao público, (pouco, por certo), con ese dominio que ten para lucir a bata de cola e movela con arte e “tronío”, que tamén utiliza para crear formas e figuras que si conseguen sorprenderme.

Para min non é suficiente, pero demostra que é artista por devoción, deses que son de verdade e corazón, algo que soga ao seu favor. Por algo di, íntimo, nun momento do espectáculo, que “lo puro” é difícil, hai que sentir “el quejío”. Algo do que non é capaz todo o mundo. Como ese colega seu que canta berrando a primeira hora do día, mentres el tempera a voz para contestarlle cunha melodía agarimosa.

En definitiva, para iso está a mestizaxe, para romper as costuras do previsible. Fundamental na evolución histórica das artes plásticas, arquitectónicas, escénicas e, por suposto, das relacións e comportamentos sociais. En contra desa liña recta que sempre tende ao infinito, como sinala el, eu penso que os procesos creativos están cheos de curvas. E, precisamente, a este “Empaque” viríanlle ben unhas cantas reviravoltas máis.

 

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS 

DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

viernes, 7 de noviembre de 2025

XAMPATITO PATO, LA CREÍDA

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


 ARTÍSTICOS CHINTÓFANOS E OUTRAS POSES


SANTIPAZOS

 


Como xa dixera Hegel, a arte non é un produto da natureza, senón da actividade humana, que está esencialmente feito para dirixirse aos sentidos recorrendo á nosa parte máis sensible e que ten un  fin en si mesmo. E no teatro, xa sexa por exceso ou por defecto, esquécese ás veces que o importante non é como vistes senón o que contas. E dicir, para chegar a ese sublime estado que nos toca no máis fondo non son suficientes nin as poses exaxeradas nin a pericia no uso de certos elementos. O espectador exixente precisa dun argumento que defina ese fin en si mesmo. Como en todas as profesións, ser excelente non é fácil. Pero se ves que se está a facer un esforzo, o público móstrase bastante comprensivo.

Como esa nena pequena que tiven de veciña para ver “Compaña”, de Xampatito pato, que gozou do espectáculo e que lle daba un dez de nota a primeira vez que lle preguntei, mais cando puxen algún reparo decidiu libremente que cun notable ía ben servido. Eu, tamén libremente e moi comprensivo, pensei que un aprobado era suficiente.

Certo que non facía nada mal. Dominaba con mestría todos os chintófanos, supoño que de produción propia, que tiña enriba do escenario. Todo era tenro e tan bonito, con esa luz amarela que suscitaba intimidade e aquela canción tan acaída que soaba, creo recordar que era de ABBA, (a quen non lle justa, recórcholis!). Era tan irreal que parecía de verdade, pero...

Pero non tiña outro fin que sorprender aos cativos con malabarismos ben executados e mil veces vistos. No era un OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) porque levaba o número do DNI marcado na fronte. Quizais na programación do Fiotiño tivera mellor encaixe.

Divertinme máis con aquela nena rindo despreocupada, como se entendese perfectamente o que pasaba no escenario, exercendo de experta crítica teatral que das peripecias oníricas deste clown.

Outra cousa é o que vimos o sábado no Mercado Municipal. Posiblemente o peor espectáculo que recordo nos últimos vinte anos. “Zorras”, da Compañía asturiana La Creída, tiña un fin claramente destrutivo, algo que non tiña que ser negativo en si mesmo. Unha chea de poses desenfocadas, mala iluminación e peor son. Se alguén sabe algo do que querían contar que me mande un correo, por favor. Iso si, os rabos que levaban cosidos no cu eran ben simpáticos. Di o programa do FIOT que é un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo. Eu destacaría ese aspecto primitivo. Ninguén é perfecto! 

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

jueves, 6 de noviembre de 2025

XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


 CANDO CONTAR É DIVERTIDO 

SANTIPAZOS

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

Teño escoitado monólogos en todos os estilos. A maioría, de xente moi seria e reflexiva que analiza a realidade, propia e allea, como se fosen catedrátic@s en antropoloxía social ou, por afinar máis, sexual. Tema moi socorrido, por certo, para laiarse das dificultades que teñen para executar un acto tan sinxelo e natural como aparearse. Tamén hai quen conta botando pestes contra o ceo e o inferno para que te rías mentres enumeran mil e unha desgrazas que ameazan a nosa común existencia. Ás veces dan medo. E hainos, como no caso dos que vou falar hoxe, que contan fundamentalmente para rirse eles, e se ti queres acompañalos, xa sexa por empatía, porque pagaches unha entrada ou porque, xa que estás, prefires pasalo ben e botarlle unhas risas en vez de avinagrarte. É dicir, contan para divertirse en compañía. Como se fose un acto solidario. Actitude que eu agradezo intensamente porque sufro do mal de rir pouco. Outros teñen defectos peores e non quero sinalar.

 

ATENEA GARCÍA E VERO RILO

Estas dúas humoristas cantareiras que andan por Galicia recollendo historias para preservar a nosa tradición oral rin todo o tempo. E mira que Vero tiña febre e estaba a facer un sacrificio por amor antropolóxico. Enganan un pouco porque se poñen piripis bebendo auga. Cousas do teatro. Nada serio. Pero conseguen que os espectador@s se unan a elas e  tamén escachen coa risa cando contan e cantan, ao son da pandeireta, historias que, de tan incribles, parecen que son certas. Como o das filloas feitas cun fío para gastar unha broma, o da menstruación no cine que semellaba ser unha riada, ou ese da chaqueta de Xosé, que tan ben lle acaía. O certo é que, máis aló do interese dos contos, elas chegaron rindo e nós rimos con elas. Grazas.

 

 

XOSÉ A. TOURIÑÁN

Outro que tal baila, afortunadamente. Vese que se gusta a si mesmo tanto como engaiola a esa canteira inmensa de fans que ten. Ben merecida, por certo. A min pásame o mesmo. Iso si, sen tanto aplauso.

En Carballo xa víramos “Aquí tou!” hai catro anos, pero este trileiro do humor, dito sexa con agarimo e respecto, é quen de repetir un espectáculo e darlle a volta como un calcetín. Polo de pronto sae a escena, (bravo por Javier, que fixo de secundario), como se estivera perdido nun espazo selvático cheo de xente que espera ser enfeitizada e, aparentando estar absorto por tanta expectación, sae de caza polo patio de butacas en busca do gran protagonista destes días, o Alcalde de Carballo Evencio Ferrero, un gran afeccionado ao teatro que decidiu retirarse da escena pública porque chega unha hora que todo cansa e as poliñas novas queren lucir sen que lles fagan sombra. Espero, persoalmente, que sexa para ben de todos os carballeses.

Touriñán, despois desta parada protocolaria e oportunista, sabe que o traballo xa está feito. Mais como bo profesional garda na manga suorenta da camisa unha chea de recursos humorísticos que sabe que arrincarán grandes gargalladas. Para iso viñeron a verme e para iso me contrataron, pensa. Todo culpa dun regueifeiro que partiu un brazo. Xa dicía eu que o lugar natural das regueifas son as tabernas. Non estás acostumado e sobes a un escenario jrande e non controlas as distancias. Espero que cure pronto.

A partir de aquí e ata o final, no que os regueifeiros fan o seu acto de promoción, aparece a esencia deste artista, difícil de clasificar. Un desvarío ben argumentado no que o científico de Baio, Jorge Mira, (non podía faltar), desempeña un papel fundamental. Pon as bases racionais de porque as cousas ocorren como o fan. De aí que Touriñán vira a luz antes de nacer, xa que grazas a Mira coñecía que o espermatozoide que máis corre non é o que fecunda, senón o que o óvulo elixe por moito que chegue a destempo. Podía seguir co tema do tanga e o rapado do cu, da droga, de Pancho, do momento atril no que emulaba a Viyuela, e da importancia que ten a natureza na nosa existencia a través das follas de verza e as eiras de millo. Pero o mellor que poden facer, se poden, e ir vostedes e escoitalo. Sempre un pracer.  

 

Saúde e longa vida… 


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



miércoles, 5 de noviembre de 2025

QUICO CADAVAL, CELSO SANMERTÍN, PAULA CARBALLEIRA, GALEATRO

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

 NO MONTE NON TODO É TOXO VELLO

SANTIPAZOS

 

(FOTO DE SILVIA MODIA)


Sen espiñas, nin rosas nin flor de toxo habería. E sen a banda sonora de Quercus Blues, que nos regalou os oídos o primeiro día do FIOT, aquelas enormes mans de finas tiras de cartón que nos recibiron posiblemente serían máis ásperas. A natureza precisa de certos tipos de artefactos de destrución masiva para defenderse do ataque de quen quere acabar con ela e de beleza e acollemento, xa que no monte non todo é toxo vello, para quen a respecta. De aí, tamén, que na literatura en xeral, e especialmente no teatro, a metáfora sexa unha especie de caixa de Pandora onde se agochan, ademais dos ventos, os dardos, as apertas e os camiños que conducen cara a liberdade.

 

BERENGUELA NA GAIOLA

Así, Berenguela é a un tempo flor, espiña e metáfora porque Manuel María quixo deixar ao descuberto a hipocrisía e manipulación dos máis poderosos. (Moi de moda nas relacións xeoestratéxicas do mundo actual nas que as vítimas parecen ser culpables das desgrazas provocadas polos seus verdugos). Unha peza creada para facer un teatriño de monicreques que o enxeño e pericia de Paula Carballeira transforma, cargándoa de simbolismo sen perder as esencias, nun clamor contra as inxustizas e en defensa das ansias de liberdade. Paula, xa sexa como escritora, directora ou contacontos, entre moitas outras facetas, é un seguro de calidade.

Unha montaxe, ao meu parecer, moi intelixente porque ocupa pouco máis de medio escenario, un teatriño dentro dun teatro. E cabe destacar as actuacións tanto de Alba Bermúdez e Toné Martínez de Galeatro, como de Atenea García de Xarope, aínda que se notasen certos desaxustes por ser a estrea. Pero os que se levan o meu aplauso máis sonoro son Lorena Calvo pola caracterización e Nicolás Zamorano pola escenografía e iluminación.

Unha obra con mensaxe para todos os públicos que merece ter éxito e que recomendo ver. Así que se teñen ocasión non dubiden.

 

DOUS OLLOS DE VIDRO

E que dicir dos mestres Quico Cadaval e Celso Sanmartín, tanto monta/ monta tanto Ribeira como Lalín, léndonos en directo a Castelao, mentres van debullando, entre parágrafos, unha chea de anécdotas, historias, referencias e comentarios de colleita popular ou inventadas que te enfeitizan?

Teño tanto escrito sobre ámbolos dous e sempre para ben que tería que facer un corta e pega repetíndome. Eu non domino esa arte que eles teñen para contarche mil veces a mesma historia e que cada vez pareza distinta. Son, cada un no seu estilo, coma eses meandros dos ríos nos que, aínda perdéndote, sempre acaban nun bo porto de acollida, ou no mar océano para seguir navegando con rumbo descoñecido.

Desta volta, todo parece improvisado, mesmo o texto de “Un ollo de vidro” semella estar a reescribirse,  mais sospeito que non é tan certo como parece. Son profesionais que dominan as artimañas do engano.  E se un cita a Risco, o outro cita a Laxeiro, se un describe a ironía e o sarcasmo, o outro fai o mesmo coa retranca.

A min, dende logo, son capaces de transportarme a mundos descoñecidos nos que sempre me sorprendo. Algo que me pasa tamén con Cándido Pazó ou Paula Carballeira. E os que me len con frecuencia saben que non son fácil de contentar. Pero estes dous xenios son para darlle de comer aparte. Parabéns e aplauso clamoroso.

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

martes, 4 de noviembre de 2025

TEATRO PARA TODOS


FIOT 34

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

TEATRO PARA TODOS

SANTIPAZOS



 Como había tempo que non visitaba a zona do Pazo da cultura, aínda non vira o lavadoiro “público” pechado a cal e canto por unha arameira. Solución drástica para evitar okupas que ao mesmo tempo rapta, para toda a cidadanía, o propio significado, a memoria, e a función que ese lugar ten.

Acto seguido acudín a inauguración da exposición Zoom FIOT e da instalación artística de Noelia Paz, espléndida!, titulada “Xesto”, na que dúas enormes mans entrelazadas formando un arco, tecidas con delicadas tiras de cartón, parecen querer abrazar a eses espectadores que veñen gozar das artes escénicas. Dous impactos visuais e sensitivos contraditorios que me levaron a recordar unha cita de Saramago manifestando que “o teatro é certo porque o mundo enteiro non pasa de ser unha comedia, cambiando o cartel, as luces, os remendos nas roupaxes e no telón de feito que, con vontade, Shakespeare ou Sófocles puideran ser representados nunha porqueira”. Así que, digo eu, o gran teatro do mundo e para todos por moitas arameiras que se poñan. (Atentos ao que pasa en Gaza).

Este é un dos grandes valores do FIOT, programar espectáculos que reflexionan sobre todo tipo de temas e sensibilidades para un publico onde todas as idades teñen o seu espazo. Despois, xa saben, ás veces acertan e outras... Cousas do directo. Cada función é un reto no que o éxito de onte, hoxe non sirve para nada. Por iso as contradicións son para o teatro a raíz e a sangue que o alimenta.

Na presentación deste FIOT 34, dicía o Presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, que o teatro é raíz viva e memoria colectiva, pero tamén un artefacto de transformación. Un acto de amor que precisa de espazos e financiamento adecuados. Eu engadiría que fundamentalmente debe ser transgresor, crítico e irreverente. Aí reside, por exemplo, o traballo de Fran Sieira, con “Un baile ceibe”, que puidemos ver ese mesmo día. Sorprende esa concepción da danza contemporánea, colorista e diversa na que todas e todos cabemos, só hai que atreverse. Pero deixando de lado os prolegómenos, esta fin de semana xa puidemos ver algunhas funcións realmente boas tanto en Teatro de rúa coma na Rúa dos contos.

Cabe destacar en primeiro lugar a profesionalidade do ilusionista e cómico carballés Álex Louzao que con “Feitizo”, seguindo como alumno avantaxado ao seu mestre Juan Tamariz, despois de quitarse unha flor do cu, falou sobre da relatividade do tempo citando a Borges, insistiu en que a casualidade é algo que non é casual, e demostrounos que a fascinación que exerce a maxia, xa sexa con moedas, cartas ou adiviñanzas, pertence a un mundo irracional e imposible e que precisamente por iso é tan sorprendente. Parabéns para el e forte aplauso.

Certo é que viña eu moi motivado pola tenrura e sensibilidade estética da Compañía niMú, con Xandra Gutiérrez, unha excelente clown que domina a técnica e engaiola ao público amosando simpatía e familiaridade. Acompañada por un violín, sacou a escena a unha parte do público, que parecía que xa tiveran o seu papel ensaiado con anterioridade, para facer unha viaxe imaxinaria cara ningures. Ben. De Planeta Trampolí pouco podo dicir, vin o principio musical e marchei, as camas elásticas danme vertixe. Aquí o principal é que os nenos, moitos, estábanse a divertir moito. Menos se divertiron na Residencia de maiores con Rogelio. A eles gústalle participar, subir ao escenario e contar. Desta vez non lles tocou ata moi ao final e sóubolles a pouco.

Di Woody Allen que mentres haxa liberdade haberá humor. Estou totalmente de acordo. De aí que haxa cómicos como Pepo Suevos que celebra 25 anos de profesión e métese, sen complexo, coa Reforma laboral, os impostos, ou dubida da orientación sexual do Rei de España. Risas e aplausos. A xente, como a título particular non pode, paga para que os cómicos desbarren o que lles pete. E nesa senda camiña Darío Mares que pensa que berrando un pouco ímoslle entender mellor os chistes, algunhas ocorrencias como as das “heces”, ou a caída do pelo, son boas, todo hai que dicilo. E, sen embargo, Marita Martínez, traballa dende perspectivas máis familiares. Agradables e divertidas historias nas que destripa a súa propia existencia. Mágoa que lle sobrase media hora.

E noutro lugar máis complexo está Lois Pérez. Poeta e músico xenial, rompedor e crítico, que demostra que a lírica non é casar academicamente o final duns versos, senón que é unha visión personalizada e vital do universo que habitas. Como ben di o “Rifante”, segundo conta o artista, a vergoña é ben peor que a fame.

Saúde e longa vida...

 

NOTA; ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

 

 

 

 

 

  

viernes, 15 de noviembre de 2024

VANIA X VANIA (VERSIÓN 1)

 

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

FOTO DE VANESSA RÁBADE


 

UN CHEJOV ATEMPORAL

(A propósito de “Vania x Vania (versión 1)” de Teatro Kamikaze)

 

SANTIAGO PAZOS

Quizais este Tío Vania de Pablo Remón, autor da adaptación e director, sexa a obra que mellor representa o lema “Agora é sempre” deste FIOT 33. Un Chejov espido e atemporal que fala do que acontece nunha familia, que puidera existir en calquera época, centrándose nun personaxe non tan complexo como aparenta. Un home que se sinte fracasado e que mira ao seu redor cunha ironía existencial que agocha a fraxilidade que o corroe por dentro. Como ben sinala Remón, a Vania escapáselle o tempo e por moito que se empeñe non é un heroe tráxico, se non máis ben un heroe ridículo. Certo que o adaptador, ou reconstrutor,  converte este drama nunha especie de traxicomedia na que ningún personaxe parece ser quen debera ser. Un xogo ben interesante, por certo. De aí o interese teatral de repoñer a Chejov, (recordemos que nestes momentos hai catro versións da “Gaivota” en cartel e estas dúas de Vania), xa que os seus textos, orixinais ou adaptados, reflicten con precisión relacións persoais, familiares e sociais que se repiten permanentemente dende que o ser humano existe. E dicir, é un clásico tan inmortal como manipulable.

 

Un traxe que lle senta perfectamente a Javier Cámara, con ese estilo de actuar no que apreciamos sempre un toque de humor que se insinúa, non sempre explícito, pero si recoñecible. Algo que non lle pasa a Juan Codina, o profesor atormentado e enfermo de si mesmo que só quere aumentar, ou polo menos manter, os beneficios que recibe da facenda familiar. Tampouco se contaxia Israel Elejalde, como ese médico ecoloxista e alcoholizado namorado de Elena, segunda esposa do profesor, interpretada por unha excelente Marta Nieto, calculadora, que dubida entre manter o seu estatus acomodado ou dar renda solta a eses desexos que a teñen atormentada.  O mesmo que lle pasa a Manuela Paso, como Marina, unha criada que fai o papel de argamasa hipócrita para que esa familia non rache en mil anacos e poder manterse así como parte indispensable dun mundo que se derruba. Un mundo que só poderá salvarse grazas a Marina Salas, como Sonia, que se recoñece como único membro desa familia con capacidade para traballar e soster esa estrutura familiar en decadencia.

 

Ata aquí todo perfecto. Os actores cumpren con suficiencia o rol que se lles ten asignado. A escenografía, a parte desa columna de focos impoñente, consta de seis cadeiras que, dependendo de onde se poñan, marcan o momento en que cada personaxe debe ser protagonista mentres o resto está, sen estar, coma monecos inanimados. (Excelente, por certo, esa imaxe de Marina, a criada, hierática e inerme durante boa parte da obra). A estrutura escénica impresiona pola súa simpleza. Só necesitaron ter marcados no escenario os lugares exactos no que tiñan que situar cada cadeira.

 

O problema xurde cando te das conta que esta versión 1 non é outra cousa que unha lectura dramatizada dun texto que será representando nunha segunda parte que nós non veremos por cuestións técnicas. Aínda que, sendo xustos, teremos que destacar que algunha escena, como esa final da encarnizada pelexa con tiro incluído, ou algún dos moitos monólogos  que imprimen certa intensidade, elevan o nivel interpretativo a cotas extraordinarias. E a sorpresa dese feixe de rosas de plástico caendo sobre do escenario é un xesto poético de alto nivel, sobre todo se pensamos que estamos en días de honras funerarias.

 

Eu esperaba máis, pero non sabería detallar iso que me falta. Mais decateime de algo no que non reparara noutras ocasións. Todos estes actores declaman no mesmo ton, salvo Javier Cámara. Como se estudaran na mesma academia de arte dramático. Seguramente son percepcións dun repunante que termina con esta crónica bendicindo un FIOT que, aínda gozando moito, non cumpriu coas miñas expectativas.

 

Saúde, longa vida e ata o ano próximo.


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA