miércoles, 5 de noviembre de 2025

QUICO CADAVAL, CELSO SANMERTÍN, PAULA CARBALLEIRA, GALEATRO

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

 NO MONTE NON TODO É TOXO VELLO

SANTIPAZOS

 

(FOTO DE SILVIA MODIA)


Sen espiñas, nin rosas nin flor de toxo habería. E sen a banda sonora de Quercus Blues, que nos regalou os oídos o primeiro día do FIOT, aquelas enormes mans de finas tiras de cartón que nos recibiron posiblemente serían máis ásperas. A natureza precisa de certos tipos de artefactos de destrución masiva para defenderse do ataque de quen quere acabar con ela e de beleza e acollemento, xa que no monte non todo é toxo vello, para quen a respecta. De aí, tamén, que na literatura en xeral, e especialmente no teatro, a metáfora sexa unha especie de caixa de Pandora onde se agochan, ademais dos ventos, os dardos, as apertas e os camiños que conducen cara a liberdade.

 

BERENGUELA NA GAIOLA

Así, Berenguela é a un tempo flor, espiña e metáfora porque Manuel María quixo deixar ao descuberto a hipocrisía e manipulación dos máis poderosos. (Moi de moda nas relacións xeoestratéxicas do mundo actual nas que as vítimas parecen ser culpables das desgrazas provocadas polos seus verdugos). Unha peza creada para facer un teatriño de monicreques que o enxeño e pericia de Paula Carballeira transforma, cargándoa de simbolismo sen perder as esencias, nun clamor contra as inxustizas e en defensa das ansias de liberdade. Paula, xa sexa como escritora, directora ou contacontos, entre moitas outras facetas, é un seguro de calidade.

Unha montaxe, ao meu parecer, moi intelixente porque ocupa pouco máis de medio escenario, un teatriño dentro dun teatro. E cabe destacar as actuacións tanto de Alba Bermúdez e Toné Martínez de Galeatro, como de Atenea García de Xarope, aínda que se notasen certos desaxustes por ser a estrea. Pero os que se levan o meu aplauso máis sonoro son Lorena Calvo pola caracterización e Nicolás Zamorano pola escenografía e iluminación.

Unha obra con mensaxe para todos os públicos que merece ter éxito e que recomendo ver. Así que se teñen ocasión non dubiden.

 

DOUS OLLOS DE VIDRO

E que dicir dos mestres Quico Cadaval e Celso Sanmartín, tanto monta/ monta tanto Ribeira como Lalín, léndonos en directo a Castelao, mentres van debullando, entre parágrafos, unha chea de anécdotas, historias, referencias e comentarios de colleita popular ou inventadas que te enfeitizan?

Teño tanto escrito sobre ámbolos dous e sempre para ben que tería que facer un corta e pega repetíndome. Eu non domino esa arte que eles teñen para contarche mil veces a mesma historia e que cada vez pareza distinta. Son, cada un no seu estilo, coma eses meandros dos ríos nos que, aínda perdéndote, sempre acaban nun bo porto de acollida, ou no mar océano para seguir navegando con rumbo descoñecido.

Desta volta, todo parece improvisado, mesmo o texto de “Un ollo de vidro” semella estar a reescribirse,  mais sospeito que non é tan certo como parece. Son profesionais que dominan as artimañas do engano.  E se un cita a Risco, o outro cita a Laxeiro, se un describe a ironía e o sarcasmo, o outro fai o mesmo coa retranca.

A min, dende logo, son capaces de transportarme a mundos descoñecidos nos que sempre me sorprendo. Algo que me pasa tamén con Cándido Pazó ou Paula Carballeira. E os que me len con frecuencia saben que non son fácil de contentar. Pero estes dous xenios son para darlle de comer aparte. Parabéns e aplauso clamoroso.

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

No hay comentarios: