(FIOT 34)
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
O DEREITO A VIVIR O TEMPO QUE A CADA QUEN LLE TOCA
SANTIPAZOS
FOTO DE NEREA COLL
Cando me dispoño a escribir esta crónica soan bombas de palenque e, nun primeiro momento, penso que son para dar a benvida ao novo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, (Parabéns, por certo, e moito éxito polo ben de todos os carballeses). Pero resulta que aínda que o novo rexedor merecera deses estrondos, a tradición das festas na honra da Pilarica imponse. E xa sabemos que competir para ser funcionista sae bastante caro. O importante é saber que novos tempos son chegados e vivilos coa esperanza de que sexan para mellor, a poder ser. O pasado aló vai e desexamos que sexa con bo vento.
De conflitos interxeracionais, do paso inexorable do tempo e dos prexuízos de como temos que comportarnos dependendo da idade que teñamos vai esta historia. Algúns seremos adolescentes eternamente e outros naceron para ser vellos. Os nenos que vían ese Hamlet, de Ganso & Cía, na Praza do concello, en inglés, parecía que non entendían nada. Pero alí estaban sentados moi calados mirando para dous actores que facían unha chea de intrépidos personaxes. O problema xurdía cando os cativos non sabían se rir ou non, intrigados por unha historia entre complexa e absurda, que lle presentaban como un xogo, cunha lectura encriptada que, en aparencia, interesáballes pouco.
Algo así pasa co tema de “Adolescencia infinita” de Pont Flotant, Unha obra moi ben argumentada, con seriedade e compromiso cívico, (vese que o traballo de investigación é profuso), que pretende desmontar esa idea, tan estendida como hipócrita, de que a mocidade adolescente desta época forman unha caterva de terroristas sociais. Como se os que xa temos certas idades nunca romperamos un prato. Sabendo que, de cando en vez, tamén facemos algunha falcatruada para non esquecer que seguimos vivos e somos quen de gozar.
A cuestión non é se son peores ou mellores que fomos nós, senón aceptar que viven unha época distinta, que os problemas que lles preocupan son outros, que o seu proceso vital está cheo de incertezas e que teñen dereito a gobernar con liberdade a época que lles toca vivir. O que non podemos pedirlle é que maduren dentro dos nosos propios recordos. Ensinalos e guialos si. É unha obriga. Mais non unha cadea que lle teñamos que poñer no pescozo. Como ben din, case ao final, non poden ser o proxecto das nosas frustracións.
Ben, esta é a teoría e logo está o teatro. Unha montaxe intelixente con catro actores competentes, (destacar a actriz que fai de asistente), e unha chea de monecos, a tamaño natural, que van movendo e articulando ata parecer, por veces, totalmente reais. Voces en off que crean un ambiente de conversación colectiva moi apropiado para ese universo adolescente que perseguen crear. Moi boa composición musical en directo. E unha escenografía sinxela que facilita o ritmo, por momentos trepidante.
Por suposto destacar que tocan todos os temas que afectan tanto aos adolescentes como aos pais. Sexo, drogas, pasividade, sentimentos, movas tecnoloxías, etc. Sen esquecer esa contradición permanente entre dous mundos que, por propia natureza, teñen que chocar. Aí reside a evolución e o cambio social. A xeración de cristal é igual ou parecida a outras anteriores. Rompen co establecido para, na maioría, non cambiar absolutamente nada.
Sóbralle, iso si, para o meu gusto, esa media hora de discurso moralista educativo sociolóxico do final. De feito, cando esa filla se deita coa nai e se confesa, tiñan que poñer punto e final. Querer explicar o que xa dixeches no transcurso da propia obra é unha redundancia innecesaria. Polo demais, un aplauso.
E de aí, para demostrar que a idade é unha invención comercial, fun a escoitar a Afundín Jamallos no Patacón. Divertidos e irreverentes, facendo versións de cancións ben coñecidas pero cambiándolle a letra. Como a que di: chova ou faga frío, sempre hai festa en Verdillo. Dalle...
Saúde e longa
vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA

No hay comentarios:
Publicar un comentario