FIOT 34
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
TEATRO PARA TODOS
SANTIPAZOS
Acto seguido acudín a inauguración da exposición Zoom FIOT e da instalación
artística de Noelia Paz, espléndida!,
titulada “Xesto”, na que dúas enormes mans entrelazadas formando un arco,
tecidas con delicadas tiras de cartón, parecen querer abrazar a eses
espectadores que veñen gozar das artes escénicas. Dous impactos visuais e
sensitivos contraditorios que me levaron a recordar unha cita de Saramago manifestando que “o teatro é
certo porque o mundo enteiro non pasa de ser unha comedia, cambiando o cartel,
as luces, os remendos nas roupaxes e no telón de feito que, con vontade,
Shakespeare ou Sófocles puideran ser representados nunha porqueira”. Así que,
digo eu, o gran teatro do mundo e para todos por moitas arameiras que se poñan.
(Atentos ao que pasa en Gaza).
Este é un dos grandes valores do FIOT, programar espectáculos que
reflexionan sobre todo tipo de temas e sensibilidades para un publico onde
todas as idades teñen o seu espazo. Despois, xa saben, ás veces acertan e
outras... Cousas do directo. Cada función é un reto no que o éxito de onte, hoxe
non sirve para nada. Por iso as contradicións son para o teatro a raíz e a
sangue que o alimenta. 
Na presentación deste FIOT 34, dicía o Presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, que o teatro é raíz
viva e memoria colectiva, pero tamén un artefacto de transformación. Un acto de
amor que precisa de espazos e financiamento adecuados. Eu engadiría que
fundamentalmente debe ser transgresor, crítico e irreverente. Aí reside, por
exemplo, o traballo de Fran Sieira,
con “Un baile ceibe”, que puidemos ver ese mesmo día. Sorprende esa concepción
da danza contemporánea, colorista e diversa na que todas e todos cabemos, só
hai que atreverse. Pero deixando de lado os prolegómenos, esta fin de semana xa
puidemos ver algunhas funcións realmente boas tanto en Teatro de rúa coma na Rúa
dos contos.
Cabe destacar en primeiro lugar a profesionalidade do ilusionista e cómico
carballés Álex Louzao que con
“Feitizo”, seguindo como alumno avantaxado ao seu mestre Juan Tamariz, despois
de quitarse unha flor do cu, falou sobre da relatividade do tempo citando a
Borges, insistiu en que a casualidade é algo que non é casual, e demostrounos
que a fascinación que exerce a maxia, xa sexa con moedas, cartas ou
adiviñanzas, pertence a un mundo irracional e imposible e que precisamente por
iso é tan sorprendente. Parabéns para el e forte aplauso.
Certo é que viña eu moi motivado pola tenrura e sensibilidade estética da Compañía niMú, con Xandra Gutiérrez,
unha excelente clown que domina a técnica e engaiola ao público amosando
simpatía e familiaridade. Acompañada por un violín, sacou a escena a unha parte
do público, que parecía que xa tiveran o seu papel ensaiado con anterioridade,
para facer unha viaxe imaxinaria cara ningures. Ben. De Planeta Trampolí pouco podo dicir, vin o principio musical e
marchei, as camas elásticas danme vertixe. Aquí o principal é que os nenos,
moitos, estábanse a divertir moito. Menos se divertiron na Residencia de
maiores con Rogelio. A eles gústalle
participar, subir ao escenario e contar. Desta vez non lles tocou ata moi ao
final e sóubolles a pouco.
Di Woody Allen que mentres haxa liberdade haberá humor. Estou totalmente de
acordo. De aí que haxa cómicos como Pepo
Suevos que celebra 25 anos de profesión e métese, sen complexo, coa Reforma
laboral, os impostos, ou dubida da orientación sexual do Rei de España. Risas e
aplausos. A xente, como a título particular non pode, paga para que os cómicos
desbarren o que lles pete. E nesa senda camiña Darío Mares que pensa que berrando un pouco ímoslle entender mellor
os chistes, algunhas ocorrencias como as das “heces”, ou a caída do pelo, son
boas, todo hai que dicilo. E, sen embargo, Marita
Martínez, traballa dende perspectivas máis familiares. Agradables e divertidas
historias nas que destripa a súa propia existencia. Mágoa que lle sobrase media
hora.
E noutro lugar máis complexo está Lois
Pérez. Poeta e músico xenial, rompedor e crítico, que demostra que a lírica
non é casar academicamente o final duns versos, senón que é unha visión
personalizada e vital do universo que habitas. Como ben di o “Rifante”, segundo
conta o artista, a vergoña é ben peor que a fame. 
Saúde e longa vida...
NOTA; ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
 


No hay comentarios:
Publicar un comentario