miércoles, 18 de noviembre de 2026

ALMEALARA (YO NACÍ EN UN SURCO DE JUDÍAS), AS SIRCÓPATAS (OH! ONDE DETERSE A MIRAR) E FLYHARD PRODUCCIONS (CABALLITO DE MAR)

 

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

SACHAR, LER E CABALIÑOS DE MAR

Santiago Pazos

 

Neste mundo complexo que nos toca vivir, tanto a natureza como a lectura son refuxios saudables. Por unha parte poñemos os pés na terra que nos regala beleza e nos da de comer e, por outra, viaxamos e vivimos vidas e aventuras que nos fan reflexionar sobre a propia existencia.

FOTO DE VANESSA RÁBADE
 

ALMEALARA (Yo nací en un surco de judías)

Cóntame o poeta mariñeiro Xosé Iglesias que as políticas dos burócratas de Bruselas están a fundir a pesca tradicional de baixura á que se dedica. Todo son trabas para eles mentres as subvencións danllas a os grandes armadores. No agro pasa o mesmo, as grandes explotacións intensivas levan os cartos e as pequenas, respectuosas co medio ambiente e que manteñen territorios despoboados para devolverlle a vida que lle usurparon, son fiscalizadas e desprezadas.  Diso se fala aquí. Teatro documental no que a través de varias entrevistas vanse pondo de manifesto as diversas circunstancias persoais coas que se encontran cando deciden non abandonar nin o lugar onde naceron, nin as formas de vida onde se criaron, e tamén outras que prefiren regresar, deixar as grandes urbes e comezar unha vida máis pegada á terra. A montaxe e as interpretación non son, dende o meu punto de vista, para destacar. Pero o importante aquí non é a forma senón a mensaxe. E esta é concisa. Deixan claro que o campo non só é unha paisaxe bonita para ir de turismo e que se non coidamos del virán penurias e a fame. Como xa está a ocorrer en moitas partes do mundo debido ao cambio climático.

FOTO DE VANESSA RÁBADE
 

ASSIRCÓPATAS (Oh! Onde deterse a mirar)

Unha estrea na que non se notaba que era a primeira vez que a representaban. A través dos libros podemos viaxar polo mundo e ver como locen as estrelas. Con música en directo. Un violonchelo e un acordeón. Tamén unhas cantigas que, persoalmente, considero innecesarias. Como escenografía unhas bonitas librarías móbiles que van cambiando de posición para ter varios usos. E moita maxia, circo, clown e malabares. Os nenos e nenas gozárono. Dani Blanco enche o escenario con bo ritmo, sen inmutarse cando algunha pelota caía ao chan. Vese que é un profesional ben curtido. Gustoume, pero botei de menos unha invitación más directa á lectura. Xa saben que os últimos datos do Informe PISA, neste eido, son bastante alarmantes.

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

FLYHARD PRODUCCIONS (Caballito de mar)

Esta obra do FIOTEEN, como a anterior, ten unha finalidade pedagóxica. Destinada a estudantes de bacharelato, fala dunha rapaza transexual que está a tratarse para ser un home e que por un descoido, estando de festa, queda embarazada. Todo un dilema. Ambiciona unha barba que o faga sentirse máis home e facerse a mastectomía. Un proceso de transición que lle obriga a tratamentos de testosterona que lle producen trastornos de personalidade e outras complicacións físicas, sociais e mentais. Ata que un neno, viaxando en bus, dille que se parece a un cabaliño de mar. Esa especie tan delicada que quen xesta é o macho, non a femia. Finalmente aborta e séntese liberado, recoñece o seu corpo como propio. O tema da para unha páxina enteira. O actor Marc Torres fai unha interpretación de aplauso, e a montaxe é moderna, un armazón transparente que esconde un retrete, fai de pantalla do móbil, de bus ou barra dunha discoteca. E eses rapaces espectadores escoitando en rigoroso e respectuoso silencio indica que a mocidade, en contra desa opinión ta xeneralizada dos maiores,  non anda tan perdida. Farán unha chea de trasnadas como corresponde pola idade, pero cando lle falan de temas do seu interese escoitan atentos. Parabéns.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO PUBLICOUSE NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



No hay comentarios: